O mercado da madeira arrefríase. A demanda cae tanto no caso do eucalipto como do piñeiro e as principais fábricas que dan saída á madeira de Galicia están a reducir a súa produción e a baixar os prezos, o que arrastra a toda a cadea até chegar ao propietario forestal.
Logo dun ano 2022 con alta demanda e bos prezos, o 2023 acumula xa dúas baixadas importantes, a última o mes pasado, que deixa o prezo final do eucalipto en pé (con certificación e IVE) en 28€/tonelada sen pelar para o nitens e 34 para o góbulus (6 máis se é pelado).
O eucalipto, que xa caera de 2 a 4 euros na primavera, volveu baixar en agosto
Os prezos de eucalipto para pasta de celulosa comezaron a baixar entre 2 e 4 €/tonelada na primavera e os contratos asinados no verán aplicaron unha nova caída. “O axuste pode andar entre os 4-6 euros desde principios de ano, é unha baixada importante”, recoñece Xosé Covelo, director técnico da Asociación Forestal de Galicia, que recomenda agardar a vender a unha posible recuperación do prezo o vindeiro ano.
O piñeiro perdeu entre 4 e 8 euros, dependendo da zona e das características da madeira
No caso do piñeiro, a baixada foi duns 5 euros de media, situándose neste momento a rolla no monte no entorno dos 45€/tonelada (madeira en pé sen IVE). “O piñeiro baixou menos que o eucalipto, viña dun prezo alto e aínda se mantén. Chegou a 55-60€ de media e agora pode estar en 45-50”, explica Xosé Covelo, director técnico da Asociación Forestal de Galicia.
Aínda que hai diferenzas importantes dependendo da zona e das características da madeira. “A rolla de máis calidade mantense porque hai pouca, pero baixou a rolla convencional para serradoiro e trituración. Ademais, en piñeiro no norte sempre se paga un pouco menos que no sur de Galicia, ao contrario que o eucalipto”, lembra.
A demanda de palés, o principal segmento de negocio dos aserradoiros galegos, caíu arredor dun 50% nos últimos meses
O problema para o piñeiro é a drástica caída da demanda, pois nos últimos meses todos os sectores se están resentindo a nivel de Galicia e do resto de Europa. O mercado de palés e embalaxes, principal nicho de negocio dos aserradoiros galegos, sufriu unha caída da demanda de arredor dun 50% nos últimos meses, froito da coxuntura económica, marcada pola suba de tipos de interese, a inflación e un menor consumo. Pero tamén o resto dos sectores, como bricolaxe ou xardín, se están vendo afectados, con caídas de arredor do 30%, segundo as estimacións do sector.
Cupos de entrega nas fábricas
A caída da demanda, tanto de piñeiro como de eucalipto está a motivar xa algunhas limitacións á entrada de materia prima nas fábricas e serradoiros. “En Ence xa hai empresas que teñen cupos para as entregas”, asegura Rubén Pena, de Forestal Cando, unha empresa de Ferrolterra.
Tamén baixou a exportación e estanse establecendo restricións á saída de madeira de eucalipto, o que deixa sen alternativa ás empresas forestais da comunidade. “Se o glóbulos para Ence baixou 4 euros en varias veces, o nitens que se mandaba para Portugal, para Altri e Navigator, baixou 6 euros, e con limitacións xa ás compras”, explica Luis Díaz, de Forestal Díaz Casariego, que corta na Mariña.
Ence, Altri e Navigator están a establecer limitacións ás compras
A súa empresa compra tanto eucalipto como piñeiro, onde tamén se dan neste momento problemas para dar saída á madeira cortada, pois hai unha importante redución de demanda nos aserradoiros e, en menor medida, nas fábricas de taboleiros.
Stock de piñeiro
En Galicia, a caída na demanda e as compras acumuladas fixo aumentar rapidamente os stocks de madeira de piñeiro nos parques das fábricas, supoñendo un freo en toda a cadea. “Os serradoiros están con moi pouco pedido, o taboleiro tamén, e o desenrrollo e todos os derivados do piñeiro están igual. Garnica (La Rioja), por exemplo, está nun ERE de 45 persoas e todo o que é mobles e accesorios está bastante parado”, explica.
Canto vai durar esta situación?. Non se sabe, pero o escenario preséntase complicado. “Como mínimo, ata o verán que vén a situación non ten trazas de mellorar. Quizais esteamos ante o momento máis complicado para os aserradoiros desde a crise do 2008 – 2009”, valora unha fonte do sector.
O sector asegura que as empresas de biomasa seguen metendo puntal de piñeiro para queimar
Ante esta situación, estase a dar saída ao piñeiro de peor calidade cara á produción de enerxía. As empresas de biomasa, como Greenalia, seguen metendo puntal para queimar, xa que non hai ningunha restrición ao respecto, e a demanda para péllets tamén é elevada, polo que se agarda que se reactive a demanda de cara ao inverno, ao igual que aconteceu o ano pasado, con subas de entre un 30 e un 35% nos diámetros finos de pino.
Aumenta a diferenza de prezo entre glóbulus e nitens
En eucalipto, neste momento Ence está a priorizar as entradas de eucalipto glóbulus fronte ás de nitens, coa diferenza habitual de 6 euros entre eles, e mantén a promoción dunha prima a maiores de 7 €/tonelada por venda de pezas sobredimensionadas.
“Cada vez separan máis o glóbulos do nitens. Queren máis glóbulus, pero o que o propietario puxo nos últimos 10 anos foi nitens; glóbulus nesta zona non se planta e cada vez queda menos”, recoñecen en Forestal Cando.
O que o propietario puxo nos últimos 10 anos foi nitens; cada vez queda menos glóbulus
O ano pasado, debido á alta demanda, a diferenza entre o prezo de compra de eucalipto glóbulus e nitens reducírase, e mesmo en zonas do interior, con maior presenza de nitens ca de glóbulus e menores custos de aproveitamento, ese plus era practicamente inexistente.
“No norte de Galicia está máis consolidado o mercado do nitens e estaba sendo consumido polas pasteiras, polo que a diferenza de prezo era menor, duns 4 euros; sen embargo no sur, onde non hai grandes masas de nitens, sempre se mantivo esa diferenza dos 6 euros”, explica Xosé Covelo.
Descenso na cotización da pasta de papel
A coticación da pasta de papel (BHKP fibra corta de eucalipto) en Europa, está neste momento en prezos de 2015-2016, fixada a 23 de agosto en 818€ a tonelada, cando en xaneiro deste ano se situaba en máximos históricos de 1.379€.
Os volumes de inventario actuais de pasta de papel a nivel internacional mantéñense en cifras moi altas. O último informe de Europulp, do pasado 28 de agosto, reporta un stock de 1,5 millóns de toneladas paradas nos portos de Europa. Se o comparamos coas cifras de xullo do 2022, trataríase dun 50% máis.
A cotización da pasta de papel caeu case un 50% no último ano
“Hai unha causa clara na baixada da madeira no monte e o motivo é que a pasta de papel tamén baixa. Había un boom porque fixo falta madeira despois da covid e houbo demanda, pero a situación agora é distinta”, salienta Rubén.
Así as cousas, Rubén considera que mentres os stocks non baixen, os prezos non mellorarán, pois empresas como Ence, Altri ou Navigator compiten nun mercado globalizado. O mesmo opina Luis, que di que “co prezo que ten agora a pasta de papel, a fábrica de Ence está próxima a producir números vermellos”, asegura.
De feito, Ence rexistrou unhas perdas de 4,2 millóns de euros no primeiro semestre deste ano, mentres que en Portugal Altri empeorou os seus resultados nun 52% no segundo trimestre de 2023.
Descenso das compras de madeira no monte
O monte sempre foi a caixa de aforros dos galegos, un capital ao que botar man en momentos de dificultades. A actual suba da inflación e os tipos de interese, que está a castigar ás familias, podería animar á venda, pero a baixada de prezos está a frear o mercado.
“O mercado está moi frío”, recoñece Luis. “As compras frenáronse”, asegura tamén Rubén. “A xente vén de vender eucalipto a moi bo prezo nos últimos anos, porque o glóbulus pelado chegou a pagarse a 48 euros, e non quere vender aos prezos aos que está hoxe porque ten na memoria esa época dourada recente”, argumenta.
Ao haber pouca demanda, non te atreves a mercar moito piñeiro
No piñeiro, a baixada foi máis paulatina que no eucalipto, manténdose os prezos estabilizados neste momento en niveis superiores aos da gran escalada de cotizacións vivida no período 2020-2021, pero as empresas prefiren ser prudentes á hora de facer compras.
“Ao haber pouca demanda, non te atreves a mercar moito piñeiro. Agora mesmo está a pasar o contrario do que pasaba estes últimos anos, cando había máis demanda que oferta. E están todos os países igual, desta volta non hai escapatoria na exportación”, asegura Luis.
Un bache pasaxeiro ou duradeiro?
Neste momento non é doado aventurar se a actual situación de caída de prezos é algo coxuntural que se vai recuperar a curto prazo ou, pola contra, será máis duradeira no tempo.
Eu confío máis no eucalipto, porque se dirixe a produtos de primeira necesidade; o piñeiro vai a un mercado secundario que depende moito máis do consumo das familias (Luis Díaz)
“Isto non é para catro días. O piñeiro débese moito ao consumo das familias, e mentres os intereses sigan altos non vai haber consumo, porque se soben os gastos da hipoteca e non queda para consumir”, razoa Luis, que di confiar máis a curto prazo no eucalipto que no piñeiro.
“O piñeiro diríxese a un mercado secundario, non coma o eucalipto, que en moitos casos é de primeira necesidade, como pasa por exemplo cos derivados do tisú”, argumenta.
De cara a 2024
Nesa mesma liña, Xosé Covelo recomenda aos propietarios de eucalipto agardar a vender, á espera dunha posible mellora no mercado de cara ao vindeiro ano. “Normalmente o eucalipto cando baixa pode estar de 6 meses a un ano ata que volve a subir, iso é o habitual”, lembra.
Para o eucalipto eu recomendaría agardar; no caso do piñeiro aínda mantén prezos interesantes para vender
A situación do piñeiro é diferente, xa que non se move en ciclos repetitivos. “O piñeiro baixou moi lentamente, agora está estabilizado e co prezo que ten non é un mal momento para vender. Pódese presumir o mantemento do prezo actual pola demanda que hai de conífera a nivel internacional, a non ser que outro factor desestabilice o mercado”, advirte.