Ence Terra, a división que pasa a agrupar a actividade forestal do grupo pasteiro

A papeleira presenta unha nova empresa coa que quere aumentar a súa aposta polo asesoramento a propietarios e o apoio ás empresas rematantes e de servizos forestais. Estará domiciliada e tributará en Galicia

Ence Terra, a división que pasa a agrupar a actividade forestal do grupo pasteiro

De esquerda a dereita, José Manuel Tubío, Antonio Casal e Félix Carbajales na presentación de Ence Terra.

Ence vén de presentar unha filial forestal, Ence Terra, coa que quere impulsar “unha nova visión da actividade forestal”. Ence Terra ten o obxectivo fundamental de aumentar o asesoramento aos propietarios e a colaboración cos rematantes e empresas de servizos forestais que operan coa pasteira.

Na presentacion de Ence Terra, o director territorial en Galicia de Ence, Antonio Casal, definiu a creación da nova filial forestal do grupo como unha “aposta polo rural”.

O obxectivo da empresa é ofrecer acompañamento ós propietarios desde a fase de plantación ata a corta. O director de Suministro de madeira en pé de Ence, José Manuel Tubío, sinalou que a idea é incluso orientar ós propietarios en cuestións como a posta en marcha de agrupacións de xestión conxunta do monte ou darlles facilidades ós herdeiros de propiedades para que continúen coa xestión das súas terras.

“Algo que nos preocupa moito é o abandono. Vemos como ás veces cando cortamos unha parcela e lle preguntamos ó propietario que pensa facer nela a continuación, contéstanos ‘Nada’. Iso é preocupante”, advirte Tubío.

A firma proxecta ademais reforzar a colaboración coas empresas de corta e de servizos forestais coas que traballa. “Teremos un departamento para mellorar a eficiencia das operacións e incluso lles ofreceremos máquinas de sustitución en caso de avarías”, apuntan.

Ence declara tamén o seu compromiso de manterse como un “destino estable” do suministro da madeira, malia posibles crises ou peches temporais de plantas, como o ocurrido o pasado verán en Pontevedra por falta de auga.

Imaxe do sector
A colaboración coa innovación con Universidades e Administración será outra das liñas de traballo de Ence Terra. Un último eixo de traballo encamiñarase a accións de marketing para mellorar a imaxe do sector forestal e a atracción de traballadores, segundo explicou Félix Carbajales, director de Suministro Norte de Ence.

A nova empresa estará domiciliada e tributará en Galicia, ao contrario que o seu grupo matriz, que tributa en Madrid. O volume de negocio que xerará é sustancial, pois Ence Terra ocuparase de tódalas compras de madeira en pé para as plantas de celulosa da empresa, así como da xestión do patrimonio forestal de Ence, tanto propio como xestionado en convenios coa propiedade.

Acto de presentación de Ence Terra.

Acto de presentación de Ence Terra.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información