Claves sobre o cultivo de alfalfa en Galicia

Unha xornada celebrada en Boimorto analizou o resultado que está acadando esta leguminosa nalgunhas ganderías galegas que apostaron polo seu cultivo. Trátase dunha forraxe que gaña interese para a nova PAC 2023-2027

Claves sobre o cultivo de alfalfa en Galicia

O cultivo de alfalfa en Galicia como forraxe para as ganderías de vacún de leite é aínda minoritario, porén hai granxas que levan anos apostando por esta leguminosa para alimentar o seu gando. En días pasados, alumnado do Centro de Promoción Rural EFA Fonteboa (Coristanco, A Coruña) e gandeiros de distintas zonas de Galicia coñeceron de primeira man esta forraxe con ganderías que levan tempo cultivándoa. Na xornada formativa e técnica, organizada en colaboración coa firma Limagrain, tamén abordaron aspectos sobre o seu cultivo.

“A alfalfa é unha forraxe que se adapta moi ben ás condicións de clima e solo de Galicia”

“A alfalfa é unha forraxe que se adapta moi ben ás condicións de Galicia, tanto ó solo como ó clima”, reivindica Pablo Amado, enxeñeiro agrónomo e delegado comercial de Limagrain, que participou na xornada. “Só aquelas terras que tenden a anegarse non son recomendables para o cultivo desta leguminosa”, concreta Antonio Boado, distribuidor na zona da Coruña para Limagrain e gandeiro. Antonio é ademais un gran coñecedor deste cultivo, xa que leva anos optando por cultivalo para alimentar o seu gando.

Entre outras vantaxes, a alfalfa (Medicago sativa) proporciona un gran aporte de proteína na alimentación do gando, ademais de ter unha dixestibilidade alta e ser palatable para as vacas. Está confirmado tamén que incluíla na ración das vacas en muxido permite incrementar a produción de leite.

A alfalfa está incluída como cultivo mellorante dentro da nova PAC e se se emprega para a alimentación do gando pódese acceder ó pago por cultivos proteicos

Ademais, a alfalfa está incluída como cultivo mellorante dentro da nova PAC e se se emprega para a alimentación do gando tamén se pode acceder ó pago por cultivos proteicos, polo que moitas ganderías están a valorar comezar a traballar con esta forraxe.

Xornada formativa EFA Fonteboa_ Alfalfa

Participantes na xornada organizada pola EFA Fonteboa e Limagrain Ibérica, durante unha visita a un campo de alfalfa.

Preparación da terra e sementeira

Un dos aspectos máis importantes a ter en conta no cultivo da alfalfa é a súa implantación. “A sementeira é o momento máis crítico, en parte polo pequeno tamaño da semente e o lixeira que é en comparación con outras leguminosas e gramíneas que se cultivan habitualmente en Galicia”, explica Amado. Nesta fase de sementeira e preparación previa da terra, recollemos algúns aspectos a ter en conta para lograr o éxito do cultivo:

-Elección da parcela. Debe optarse por parcelas cunha boa profundidade do solo. “Hai que ter en conta que as raíces da alfalfa poden chegar ata 5 ou 6 metros de profundidade”, detalla o enxeñeiro agrónomo. Canto maior profundidade teña o solo mellor será a produción que se logre. Así, en solos cunhas boas condicións pódese lograr unha produción anual de 18 toneladas de materia seca por hectárea e acadar un 20% de proteína bruta.

-Evitar predios que se aneguen. É un cultivo que non resiste en terreos que terminen anegados, mentres que en condicións favorables mantense 5 anos sen necesidade de renovar a pradeira e ter que volver sementar. “Cun manexo axeitado mesmo se pode lograr que se manteñan ata 7 anos tendo boas producións”, incide Amado.

Cun manexo axeitado e en parcelas cunha boa profundidade de solo pode lograrse unha produción anual de 18 toneladas de materia seca por hectárea e que se manteña ata 7 anos sen renovar a pradeira

-Revisar o pH do solo. É recomendable realizar unha analítica previa á sementeira para coñecer as necesidades do solo. Aconséllase cultivar alfalfa en solos que teñan un pH mínimo de 6,5, polo que se se sitúa por debaixo desta cifra, como acontece en moitos predios de Galicia, esta deficiencia corríxese cun bo encalado antes de sementar.

-Precísase labrar a terra antes da sementeira. Aconséllase facer labores de subsolado e labores de esmiuzado do solo. Logo destes proceso recomendan unha compactación previa á sementeira, que preferiblemente se debe facer con rolos acanalados.

-Sementar cedo. A alfalfa adoita sementarse na primavera ou no outono. No caso das sementeiras que se fan a comezo do outono, recoméndase facelas cedo, xa en setembro, para que a planta chegue ó inverno nun estado óptimo.

-Sementar a pouca profundidade. A alfalfa require sementarse de xeito superficial, nunca a máis de 1,5 centímetros de fondo, pero é preferible facelo a unha profundidade de 1 centímetro. Para este labor o apeiro que mellor se adapta son as sementadoras de liña, ben sexan de botas ou de discos.

-Dose de sementeira. Recoméndase empregar unha dose aproximada de 40 quilos por hectárea, co obxectivo de lograr unhas 400 plantas por metro cadrado.

-Tamén é aconsellable pasar o rolo compactador antes e despois de sementar a alfalfa.

Fertilización e tratamentos fitosanitarios

A alfalfa é un cultivo que require pouco aporte de Nitróxeno e ten altas necesidades en canto a Calcio, Fósforo e Potasio. O Calcio debe aportarse antes de sementala, corrixindo o pH da terra cun aporte de Calcio se é preciso. A aplicación de Fósforo e Potasio debe realizarse anualmente, despois da corta, xa que tamén axudará ó rebrote.

“Tradicionalmente sempre se dixo que a alfalfa non toleraba o xurro, pero hoxe en día vemos que nalgunhas ganderías están facendo aplicacións moderadas, ata un máximo de 30 metros cúbicos por hectárea, que resultan beneficiosas”, apunta o técnico.

Algunhas ganderías están a facer un aporte moderado de xurro que lles proporciona bos resultados para a alfalfa

Á hora de aplicar tratamentos fitosanitarios é preciso ter en conta o ciclo da planta, xa que no inverno adoita producirse unha parada vexetativa, que pode aproveitarse para realizar determinadas aplicacións, ou mesmo poden aplicarse antes de sementala. Así, recomendan aplicar un herbicida preventivo antes da sementeira, para eliminar a competencia doutras herbas.

“Pode cultivarse con outras especies, pero o que se adoita facer é cultivar a alfalfa soa para conseguir producións altas e un bo aporte de proteína”, concreta Amado. Se se opta por cultivala soa adoita aplicarse un herbicida preemerxencia e logo empréganse herbicidas para controlar a competencia tanto de folla estreita como ancha. “As especies de folla ancha adoitan controlarse no inverno, durante a parada vexetativa da alfalfa”, detalla.

A sega e conservación da alfalfa

Á hora da sega e conservación da alfalfa, os técnicos tamén apuntaron algunhas claves para mellorar a conservación desta forraxe. Hai que ter en conta que é unha leguminosa na que se desprende con facilidade a folla, a parte que contén maior calidade, polo que o ideal é segar e deixar estendido, sen deflectores. Debe agardarse arredor dunhas 24 horas, en función da época de corta da sega, ata que o contido de humidade sexa o adecuado para ensilala.

Tamén é recomendable empregar rolos ou acondicionadores de caucho. De non contar con eles, é aconsellable non segar nas horas centrais do día, para evitar que se perda tanta folla.

No primeiro ano de implantación da alfalfa é recomendable agardar ata que se produza a floración dun elevado número de plantas antes de realizar o primeiro corte

Ademais, no primeiro ano de implantación da alfalfa é recomendable agardar ata que se produza a floración dun elevado número de plantas antes de realizar o primeiro corte. “Deste xeito asegurámonos que a planta acumula reservas nas raíces que favorecen o rebrote”, explica.

É habitual que a alfalfa proporcione entre 4 e 5 cortas anuais, polo que aquelas que coincidan co silo de herba poden ensilarse xuntas. Para o resto, o máis aconsellable é facer pacas e encintalas. “A alfalfa ten altos contidos de proteína e baixos contidos de azucre, polo que a súa ensibilidade é menor que un raigrás”, apunta o técnico.

Para aquelas ganderías que opten por ensilar a alfalfa nun silo de trincheira é recomendable engadirlle conservantes ou inoculantes para lograr un bo ensilado.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información