Galicia lidera a produción de pensos para vacún en España

Cataluña e Aragón, cun alto censo de granxas intensivas de porcino, lideran o ranking de produción no conxunto de especies. Millo, trigo e cebada representan máis do 50 % das materias primas empregadas para os concentrados

Galicia lidera a produción de pensos para vacún en España

A produción de pensos en España alcanzou 37,5 millóns de toneladas en 2022, segundo os datos do último informe de produción de pensos, achegados polas Comunidades Autónomas. Este informe elaborouse no marco da Comisión Nacional de Coordinación en Materia de Alimentación Animal (CNCAA). Nel reflíctese a redución da produción de pensos en España nun 2,6 % con respecto a 2021, unha cifra inferior á que se produciu a nivel europeo, cunha caída do 3,8 %, segundo os datos da Federación Europea de Fabricantes de Alimentos Compostos (FEFAC).

Cataluña e Aragón seguen a liderar a clasificación cunha produción de 7.837.568 e 5.816.491 toneladas, respectivamente. Representan deste xeito o 20,9 e o 15,5 % sobre o total de pensos producidos no pasado ano. A pesares diso, ambos sufriron unha caída do 5,4 % respecto a 2021. Pola súa banda, Galicia é a 5ª Comunidade con máis produción, cun total de 3.210.029 toneladas, que supoñen un 8,5 % sobre o total de pensos producidos. A comunidade galega sufriu unha caída de 2,6 % respecto de 2021.

Producións por especies
Taboa_pensos_especies

A produción de pensos de porcino é a que ocupa o primeiro posto na clasificación, supoñendo un total de 18.211.767 toneladas, que supoñen un 48,49 % da produción total de pensos. Aínda así, tivo unha baixada do 4 %. Os seguintes pensos compostos producidos son de bovinos, nunha cantidade moi inferior: 7.788.606 toneladas, o cal tamén sufriu un descenso respecto de 2021 de 1,6 %. A continuación, España ten unha produción de pensos para avicultura de 7.289.141 t, que conseguiu manterse e incluso tivo unha subida do 0,6 %.

Cabe destacar que a produción de pensos para coellos foi o que máis ascendeu con respecto a 2021, en concreto un 7,5 % e actualmente suma unha cantidade de 477.199 toneladas.

En contraposición a estas cifras, España ten escasa produción de pensos para peixes, tan só 161.835 t, que supoñen un 0,43 % sobre a produción total. Esta cifra tamén contemplou un descenso do 3,9 %.

Pensos producidos por CCAA
taboa_pensos_CCAA
Abordando por Comunidades Autónomas, Galicia lidera a produción de pensos para bovino (1.466.533 t), mentres ten unha produción moi inferior para porcino (834.701 t) e para aves (797.844 t). Polo contrario, é baixa produtora en pensos para coellos, tan só 52.453 t, para equino con 10.485 t e xa de xeito residual para ovino e caprino, con 3.134 t.

Pola súa banda, Cataluña lidera a clasificación en produción de pensos para porcino, con 4.829.677 t e séguelle Aragón cunha produción de 4.044.139 t, logo xa entra Castela e León cunha cantidade bastante inferior: 2.645.281 t.

Nos pensos para aves, Cataluña volve a ser a gran produtora sacando 1.402.771 t e logo xa se sitúa Andalucía con 1.134.249 t e Castela A Mancha con 804.869 t. Mentres, na elaboración de pensos para ovino e caprino destaca Castela e León, con 475.267 t e séguelle Andalucía, con 353.950 t e Castela A Mancha con 315.8222 t.

A Comunidade que máis pensos obtén para coellos é, de novo, Cataluña con 77.444 t e logo xa se sitúan Castela e León e Aragón cunha produción de 67.580 e 58.549 t, respectivamente.

Incremento no consumo de materias primas

O consumo de materias primas para pensos ao longo do ano 2022 foi de 38.088.199 t, o que supón un aumento do 3,9 % respecto das 38.889.393 t consumidas en 2021. Dentro dos grupos de materias primas, os cereais e produtos derivados seguen sendo os máis numerosos, cun 68,83 %, dato lixeiramente máis alto que o de 2021 (68,2 %). Séguelle o grupo das oleaxinosas e produtos derivados, que alcanza unha 17,04 % fronte ao 17,2 % de 2021.

Dentro dos cereais, cabe destacar que o millo (10.036.251 t), o trigo (6.461.436 t) e a cebada (5.908.747 t) son os máis empregados, e representan o 58,9 % sobre o total de materias primas consumidas. Así mesmo, deses tres tan só o millo tivo un incremento respecto de 2021, chegando a aumentar o 22,4 %; xunto co sorgo, que foi o que máis subiu, un 97 %, chegando a empregarse un total de 257.777 t en 2022. Polo contrario, o centeo, a avena e a cebada sufriron unha caída de 26,5, 24,5 e 22,2 %, respectivamente.

Dentro dos grans de oleaxinosas, a faba de soia segue sendo a máis empregada, cun total de 403.119 toneladas en 2022 e dentro das fariñas de extracción destaca a fariña de soia con 4.273.564 t usadas.

En tubérculos, raíces e produtos derivados, a polpa de remolacha é o que máis se engade nos penso, un total de 287.592 t; en tanto en forraxes, destaca a alfalfa (fariña/concentrado proteico ou alfalfa deshidratada/fenificada)con 324.896 toneladas.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información