A asemblea extraordinaria de Acruga sáldase sen acordos, con discrepancias entre a directiva e a candidatura alternativa

Unha parte dos socios pediu que a directiva dimita, en cumprimento da sentencia que anula as eleccións, en tanto desde a directiva de Acruga, que ten recurrida a sentencia, laméntase que non se presentara ningunha proposta para modificar o sistema de votación da Asociación

César Dorado, na Asemblea anual do 2018

César Dorado, dirixíndose aos asistentes na Asemblea anual de Acruga do ano 2018 / ARQUIVO

César Dorado semella estar cada vez máis só á fronte de Acruga. A perda de apoios evidenciouse con claridade este mércores na Asemblea Extraordinaria convocada no Centro Sociocultural do Corgo para aprobar unha modificación do Regulamento Electoral, despois de que unha sentenza do Xulgado de Primeira Instancia de Lugo anulara as últimas eleccións celebradas, que se saldaron cunha vitoria axustada de César Dorado fronte á candidatura encabezada por David López

Unhas 110 persoas acudiron á Asemblea, nas que unha ducia delas respaldaron á actual Xunta Directiva, fronte aos máis de 90 socios e socias que apoiaron a postura do sector crítico. As intervencións, unha tras outra, pedíronlle a César Dorado que acate a sentenza que anula o seu nomeamento como presidente e convoque “eleccións limpas” para a escolla de nova directiva para a Asociación. 

A Asemblea tivo momentos de tensión e o presidente ameazou con chamar á Garda Civil

Un dos puntos de controversia sitúase no voto delegado, utilizado nos sucesivos procesos electorais levados a cabo en Acruga nas últimas décadas sen que os Estatutos nin o Regulamento da Asociación recollan expresamente esta posibilidade, o que levou precisamente ao Xulgado a invalidar as últimas votacións. 

Críticas

Malia ser a modificación do Regulamento electoral o único punto na orde do día da Asemblea deste mércores, non se chegou a producir votación algunha, xa que a Xunta Directiva non presentou aos socios proposta algunha de Regulamento que someter a votación. 

Do mesmo xeito, desde o numeroso grupo de gandeiros críticos asistentes á Asemblea, recrimináronlle ao actual presidente da Asociación, que leva no cargo 18 anos, a súa “actitude ditatorial” e pedíronlle “que escoite aos socios”.

César Dorado convocou a Asemblea facendo oídos xordos ao escrito presentado por máis de 250 gandeiros socios

César Dorado convocou a Asemblea facendo oídos xordos ao escrito presentado por máis de 250 gandeiros e gandeiras no que solicitaban a inclusión na orde do día da Asemblea de distintos puntos, como a destitución da actual Xunta Directiva e a convocatoria de eleccións, e que non foron tidos en conta. 

Desde o sector crítico consideran ademais que a propia celebración da Asemblea no concello do Corgo contravén os Estatutos de Acruga, que establecen que estas xuntanzas deben levarse a cabo no municipio no que a Asociación ten a súa sede social, isto é, no Concello de Lugo.

A directiva de Acruga sostén que os convocantes non presentaron proposta de modificación do regulamento electoral

A actual directiva de Acruga asegura que a asemblea extraordinaria concluíu sen ningunha votación porque os convocantes da reunión non presentaron ningunha proposta de modificación do regulamento electoral vixente.

Desde Acruga sinálase que o único punto da orde do día era a modificación do regulamento electoral, “polo que desde a xunta directiva explicóuselle hai días ós convocantes que podían elaborar un documento que se incorporaría á orde do día da sesión. Finalmente non se presentou ningunha proposta”, sosteñen.

Nesa liña, Acruga insiste en que os sistemas de votación da asociación dos últimos 20 anos foron absolutamente democráticos e considera a asemblea extraordinaria “unha perda de tempo” que entorpece o traballo cotiá da asociación.

Fe de erratas: Esta información modificouse para incluír a versión da directiva de Acruga, que se omitiu por erro na primeira información.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información