O Xulgado anula as últimas eleccións en Acruga por considerar improcedente o voto delegado

O presidente da Asociación de Criadores de Raza Rubia Galega, César Dorado, recurrirá a sentenza diante da Audiencia provincial, convencido de que “as eleccións celebráronse conforme á máis estrita legalidade vixente”

César Dorado, nunha das tradicionais poxas organizadas por Acruga

César Dorado, nunha das tradicionais poxas organizadas por Acruga

Unha sentenza do xulgado de Primeira Instancia número 3 de Lugo, ditada esta semana, vén de anular as últimas eleccións pola presidencia de Acruga, celebradas hai un ano e nas que César Dorado revalidou o cargo por unha reducida marxe de votos.

A xuíza Ana Freire Calvo dá a razón á candidatura encabezada polo gandeiro da Mariña David López, que, arroupado por outros socios de Acruga, recurriu á Xustiza por considerar contraria aos Estatutos da asociación, e á propia Lei de Asociacións, a aprobación por parte da Xunta Directiva que encabeza César Dorado da convocatoria electoral e do voto delegado aplicado nos comicios.

A xuíza considera, en base á Lei de Asociacións, que a aprobación do voto delegado compete á Asemblea Xeral de socios por afectar “á pureza dun sistema de elección democrática”. “Os Regulamentos de Réxime Interno que regulan o proceso electoral deben ser aprobados pola Asemblea Xeral de socios. O presidente e a Xunta Directiva non está facultados para determinar as normas que rexen o proceso electoral unilateralmente, o cal contraviría os principios democráticos”, argumenta.

A xuíza considera que o voto delegado afecta “á pureza do sistema de elección democrática”

Por iso, a sentenza di que a Xunta Directiva de Acruga “invadiu competencias” da Asemblea Xeral de socios, que é “o órgano supremo de goberno da asociación” e era o que estaba capacitado para aprobar o voto delegado, ao non estar este expresamente regulado nos Estatutos da asociación, “por moito antiformalismo e autoorganización que se propugnen” e “á marxe de como se viñeran desenvolvendo os procesos electorais con anterioridade”.

Por iso, a sentenza declara “nulo de pleno dereito” o nomeamento da nova Xunta Directiva de Acruga realizado tralas eleccións por “contravir os principios democráticos”. A utilización do voto delegado sen aprobación por parte da Asemblea de socios “vicia o resultado electoral”, considera a xuíza.

A vista do xuízo celebrouse o pasado 4 de maio, coa declaración de diversas testemuñas

A candidatura opositora alegou na demanda presentada no Xulgado tralas eleccións a “utilización partidista” do voto delegado e “abuso da posición de dominio” por parte da Xunta Directiva de Acruga, que se defendeu dicindo que o procedemento foi “consentido” por parte das persoas que presentaron candidatura, mostrando unicamente estas a súa discrepancia a posteriori, “unha vez que perden as eleccións”.

Neste sentido, Acruga pediu no Xulgado que a demanda fose desestimada por entender que estaba presentada fóra de prazo, ao ter pasado máis de 40 días desde a aprobación dos acordos de convocatoria electoral e voto delegado por parte da Xunta Directiva, pero a xuíza non lle dá a razón, se ben admite “dúbidas”, á vista da normativa legal ao respecto.

Piden a convocatoria de novas eleccións, en tanto a actual directiva manifesta que recorrerá a sentencia

David López, coas súas vacas en San Cosme, no concello de Barreiros

David López, coas súas vacas en San Cosme, no concello de Barreiros

David López, que encabezou a candidatura que se mediu nas últimas eleccións á liderada por César Dorado, esixe que a Xunta Directiva de Acruga acate a sentenza “e non utilice os recursos da Asociación para dilatar os prazos”, evitando deste xeito o seu cumprimento, “xa que este proceso ten un custo elevado para todos os socios”.

Coa sentenza na man, David solicita “a dimisión inmediata” de César Dorado, esixindo ao mesmo tempo “a convocatoria de novas eleccións”. “É necesario rematar con case 20 anos de xestión irregular, na que non se respectaron os principios democráticos e a soberanía dos socios e socias”, afirma.

Esperamos que non se utilicen os recursos da Asociación para dilatar os prazos; este proceso ten un custo elevado para os socios

Finalmente, e co ánimo de non danar á asociación nin á propia raza rubia galega, pide “que se desvincule a Acruga da xestión” de César Dorado, ó que acusa de suposto “beneficio persoal e empresarial” á fronte de Acruga, anunciando que valorarán “o inicio de novas accións legais sobre outros asuntos nos que hai constancia de irregularidades”.

A directiva que preside César Dorado recurrirá a sentenza

A directiva actual de Acruga, xurdida das eleccións agora anuladas e encabezada por César Dorado, “respecta o contido da sentenza, pero non a comparte en absoluto”, motivo polo cal, anuncia, “recorreraa á Audiencia Provincial de Lugo”, tendo en conta que “o criterio mantido pola propia Audiencia e mesmo polo Tribunal Supremo é completamente contrario ao que dita a sentenza”. Tanto é así, argumenta, que a propia xuíza recoñece que “existen dúbidas” sobre a caducidade do prazo legal de reclamación.

“A Xunta Directiva de Acruga está plenamente convencida de que as eleccións se celebraron conforme á máis estrita legalidade vixente e confía en que a Audiencia Provincial de Lugo anulará a sentenza ditada polo Xulgado de Primeira Instancia”, indica a directiva que preside César Dorado, que leva no cargo desde o ano 2005.

 

Os produtores de Ternera Gallega Suprema cobrarán unha axuda directa por quilo de carne certificada

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información