“Teño proxectos comezados en Acruga e antes de marchar quero rematalos”

Aos seus 78 anos, César Dorado preséntase á reelección como presidente da Asociación de Criadores de Raza Rubia Galega. Di que “se unha cousa vai ben non hai por que cambiala” e pide aos gandeiros que voten pensando “quen lles pode conseguir máis axudas”

César Dorado, nunha das tradicionais poxas organizadas por Acruga

César Dorado, nunha das tradicionais poxas organizadas por Acruga

Cesar Dorado Pin (Baleira, 1944) é unha persoa coñecida en Lugo. Na cidade como construtor de edificios e no resto dunha provincia eminentemente rural pola súa faceta de presidente de Acruga.

Leva á fronte da Asociación de Criadores de Raza Rubia Galega xa 17 anos logo de coller o relevo na presidencia tralo falecemento de Ricardo Pérez Rosón e afirma que quere “rematar proxectos que están iniciados”. Da súa idade, 78 anos, di que é “algo máis novo ca o presidente dos Estados Unidos” e que está aínda “en bo uso”.  

De onde lle vén a afección polas vacas e máis en concreto pola raza rubia galega?
– Eu nacín en Trembedo, parroquia de Cubilledo, concello de Baleira, e na miña casa había vacas rubias. Así que eu fun acostumado a traballar alí coidando as vacas ata que me fun á mili. Despois busqueime a vida por onde puiden e comecei a construir en Lugo no 1982. Foime moi ben e aínda seguimos construíndo, pero agora é o fillo o que leva a construción. Ao mesmo tempo fun comprando fincas porque tiña a ilusión de ter gando.

Como é a súa gandería? Onde está ubicada, cantas cabezas ten e como a atende?
– Ten 115 cabezas entre tenreiros e vacas e está repartida en dous sitios: en Adai, no Corgo, e en Paderne, en Castroverde. Teño dous empregados para coidar o gando e para os traballos agrarios contrato porque se non, tería que ter moita maquinaria e se botas contas non compensa.

Non atopamos xente para traballar nas explotacións; eu porque teño fincas grandes e están xuntas, senón non podería ter as vacas

Nas explotacións temos o problema da man de obra, non atopamos xente que nos resolva ben na gandería. Non sei que pasa que non se encontra xente para traballar. Eu grazas que teño as fincas grandes e xuntas e están as vacas no prado, senón non as podería ter. Eu superviso persoalmente o tema do gando, pero a Asociación lévame bastante tempo.

Forma parte vostede da Xunta Directiva de Acruga desde o ano 1995 e é presidente desde o 2005. Que cambiou neste tempo na asociación e na raza rubia galega?
– A finais dos anos 90 e xa nos primeiros anos 2000 fóronse dando pasos moi importantes naquel entón en canto á mellora e evolución xenética da raza e tamén en exportación de seme, sentando as bases do que é agora a raza rubia galega no exterior.

Estamos en todos os lados, non sei onde máis podería estar Acruga que non esteamos xa

Pero creo que houbo moitas outras cousas boas: o convenio que asinamos en 2005 con Ternera Gallega; a apertura de mercados internacionais mediante a venda de seme; maior presenza e recoñecemento da carne de rubia galega en restaurantes e grandes cadeas de alimentación, máis servizos aos gandeiros e gandeiras.

Neste tempo cambiaron bastantes cousas, aínda que quedan tamén moitas por facer. E non podemos esquecer os avances na xenética, mellorando aspectos da raza, como a facilidade de parto, o maior rendemento das canais, engraxamento, etc. A verdade é que a rubia galega mellorou e avanzou en moitos aspectos, pero aínda lle queda percorrido e mercados por conquistar.

Como están os convenios coa Xunta e a Deputación de Lugo?
– Este ano acaban e toca renovalos. Xa estou falando coa Deputación e coa Xunta para iso. Nestes anos asinamos convenios importantes, como o asinado coa Xunta de Galicia no ano 2014 para avanzar na selección de reprodutores co obxectivo de recuperar e mellorar a variabilidade xenética da raza, mediante a obtención de descendentes machos de alto valor. Outra cuestión que incluía o convenio era a formación dun núcleo aberto de reprodutoras con carácter de doadoras de embrións, vixente ata decembro do ano 2022 por importe de 1,5 millóns de euros, a razón de 190.000€ ao ano.

Este ano acaban os convenios que hai coa Xunta, un para os embrións e outro para a xenómica, e tamén coa Deputación, tanto para o centro de recría como para a inscrición no libro xenealóxico

Coa Xunta de Galicia tamén asinamos outro convenio para a introdución da xenómica dentro da mellora xenética da raza nos anos 2019, 2020 e 2021 por un importe de 100.000 euros e que tamén se está intentando renovar. Grazas a este proxecto poderemos saber como van ser as características dos tenreiros descendentes dos touros de inseminación artificial, sen necesidade de realizar probas previas, que é o que se fai na actualidade.

Grazas á xenómica poderemos saber como van ser os descendentes dos touros sen necesidade de realizar probas previas, que é o que se fai na actualidade

Tamén estou falando coa Deputación de Lugo, coa que se leva desenvolvendo desde o ano 2007 un convenio de colaboración técnica e económica, cunha aportación de 172.000 euros ao ano, para traballar conxuntamente na recría de exemplares de pura raza rubia galega na granxa Gayoso Castro e tamén outro convenio, asinado no ano 2019 por importe de 200.000 euros ao ano, para axudas directas aos gandeiros para a incorporación de xovencas de primeiro parto ao rexistro definitivo do libro xenealóxico.

– Hai quen critica o funcionamento do centro de recría e das poxas. Como se escollen os animais?
– Nós compramos aos gandeiros as becerras con entre 7 e 10 meses de vida e, unha vez que están preñadas, vendémolas en subastas e máis aos gandeiros novos que se incorporan, aos que damos preferencia. Nós temos un veterinario e cóllense as mellores para ir para alí.

Que opina dese dito de que o poder desgasta? Considera que hai certo descontento interno?
– Eu estou coa mesma ilusión e as mesmas gañas de conseguir novos logros para Acruga que cando entrei da man de Ricardo Pérez Rosón. Vexo todo o que conseguimos e as posibilidades tan grandes que ten esta raza. En canto ao descontento, é respectable e normal que se pense doutra forma. Pero na directiva estamos abertos a escoitar a todos.

É respectable e normal que se pense doutra forma, na directiva estamos abertos a escoitar a todos

Ás eleccións do vindeiro 20 de maio preséntase outra candidatura encabezada por un mozo gandeiro. Os socios escollen entre renovación ou continuidade?
– Eu non creo que na nosa candidatura non se poda falar de renovación, porque estamos constantemente apostando por formar parte de novos proxectos e por seguir adiante en programas de investigación e desenvolvemento, como un código QR que queremos poñer en marcha para a trazabilidade da carne.

A competencia di César vai maior, pero César aínda está en bo uso; son algo máis novo ca o presidente dos Estados Unidos

En canto ás persoas, a continuidade non significa o estancamento. A competencia di César vai maior, pero César aínda está en bo uso. Son algo máis novo ca o presidente dos Estados Unidos. Que non me chamen maior, que estou con moita forza e con moita ilusión de facer cousas. Teño proxectos empezados en Acruga e antes de marchar quero rematalos.

Para a raza rubia galega é bo que os mozos e mozas socios de Acruga estén formando candidaturas

En calquera caso, creo que para a raza é bo que os mozos e mozas socios de Acruga estén formando candidaturas. Iso demostra que están totalmente comprometidos coa rubia galega, igual ca nós.

Pero eu pediría aos gandeiros que cando voten pensen na candidatura que mellor lles pode resolver os problemas e que pode ir conseguindo axudas. E, se unha cousa vai ben, deixala que siga ben, non cambiala.

A que achaca logo as críticas á súa xestión?
– Xa o dixen varias veces, son as mesmas críticas que outros anos; son parte do proceso electoral. Non lle presto moita atención. Agora estou realmente preocupado por renovar varios convenios importantes coas Administracións e en conseguir que os matadoiros collan os tenreiros para darlles saída. Iso é o que me quita o sono.

Non lle presto moita atención ás críticas, son parte do proceso electoral

Están a facer estes días os coches da Asociación máis quilómetros dos habituais para recoller votos para a súa candidatura, tal como denuncian desde a outra candidatura?
– Iso é falso. É certo que fun falar con varios socios de Acruga pero sempre co meu coche. É a mesma acusación doutros anos; non poden criticar a xestión de Acruga, os bos resultados e os logros que estamos a obter e fan este tipo de acusacións totalmente falsas.

Neste mandato houbo cambios no organigrama técnico de Acruga. Podémolo considerar unha crise ou simplemente uns cambios necesarios para mellorar o funcionamento da asociación?
– Levo moitos anos traballando no mundo da empresa e de Acruga e sempre que se fixo un cambio foi para mellorar. E moitas veces son os traballadores mesmos os que se queren buscar a vida doutra forma. Gustaríame que os traballadores de Acruga puideran ter uns soldos máis grandes pero hai que administrar ben e non se pode gastar máis do que se ingresa. Pero eu cos traballadores que se foron teño moi boa relación con todos eles.

Se unha cousa vai ben, deixala que siga ben. Por que cambiala?

Cantas ganderías forman parte de Acruga na actualidade e como está a ser a evolución tanto no número de ganderías como no número de socios nos últimos anos?
– As ganderías socias son 1.350 e o número de socios é similar porque non pode votar máis de unha persoa por gandería. O censo de explotacións está a baixar non só en Acruga senón a nivel xeral e, por suposto, que tamén está a afectar á nosa asociación.

Cantos animais hai inscritos no libro xenealóxico?
– Animais hai uns 33.000.

Que parte de culpa ten no descenso producido no número de animais rexistrados o peche de explotacións e que parte o purgado do censo?
– O número de cabezas non vai a menos, pero o que vai a menos son os gandeiros, porque dentro das explotacións hainas que non teñen relevo.  

É necesario continuar coa intensificación por parte de Acruga dos controis de filiación dos animais ou dáse xa por finalizado ese proceso?
– Sobre os controis de filiación gustaríame dicir que somos unha das poucas razas que facemos análise de filiación a todos os animais que pasan ao rexistro definitivo do noso libro, parécenos que esta é a maneira de garantir a pureza da raza e seguiremos a traballar porque sempre hai que seguir mellorando. Agora coa xenómica énos máis doado controlar ese tema. Nos mundos de hoxe hai que seguir mellorando sempre, non pode quedar un parado.

Cantas ganderías comercializan hoxe en día os seus animais a través de Acruga e que valor lles aporta a marca Carne de Rubia Galega?
– Son uns 350 os gandeiros que mandan os tenreiros a través de nós e eu estou moi ilusionado con iso. Unha vez que todos os gandeiros se unan a Acruga imos poder negociar mellores prezos, porque a unión é a que fai a forza.

Estase pagando a 1€ máis a carne de rubia galega que a de outras razas da IXP

Asinamos un convenio o outro día coa IXP e a partir de agora só se pode certificar como carne de rubia galega os animais que están no libro xenealóxico e é algo que xa se está notando. Esa carne estase pagando a 1€ máis que a de outras razas da IXP.

Tal como están neste momento os prezos, cre que son xustos para as ganderías?
– Por suposto que non. A gran maioría dos gandeiros están traballando a perdas, ante a suba dos custos. É unha situación moi complicada, porque á alza de custos e ao descenso do que se paga pola carne, súmase o feito de que hai pouca demanda. É unha situación moi complicada.

Hai produtores de carne de Suprema, socios de Acruga, que están valorando enviar os seus animais a matadoiros de fóra de Galicia. Pensa que esta é a solución?
– En Galicia sempre tivemos os prezos máis altos para vender os tenreiros; fóra sempre foron máis baixos ca aquí. De feito, temos socios fóra de Galicia que están mandando para aquí. Non sei como están os prezos fóra agora mesmo, pero pode ser que nun momento puntual, por falta de carne nalgún lado, se dea a circunstancia de que se pague máis que aquí, pero non é o habitual. Esa non é a solución.

Acruga asinou o acordo entre produtores, matadoiros e cadeas de distribución. Que efectos está a producir? Eran os que agardaba ou esperaba máis?
– O acordo é positivo pero hai que seguir traballando neste tema. De feito temos esta semana unha entrevista co director xeral de Gandería da Consellería de Medio Rural, José Balseiros, na que agardamos tratar este e outros problemas.

A Mesa de Prezos estase cumprindo, pero a carne hai que ila subindo pouco a pouco

A carne hai que ila subindo pouco a pouco porque se a subimos moito de golpe igual se frea o consumo. Os matadoiros están cumprindo o acordo, pero debe haber moitos xatos do inverno e a cousa vai despacio. Neste momento cústanos sacar todo o gando pero eu espero que cando chegue o verán e veña o turismo iso se solucione.

Non fai moito, no mes de marzo, vostede cifraba en 350 euros por becerro o incremento dos custos de produción e situábao en 6€/quilo. Considera que as subidas dos pensos, o gasóleo, os abonos ou os plásticos tocaron teito ou pensa que as cousas aínda poden empeorar?
– Cando una cousa sobe, que baixe despois é máis difícil. Pode baixar algo pero producir carne vai seguir sendo caro. Con todo, o máis preocupante para min hoxe son os prezos. Todo sobe menos a carne.

Cos prezos que hai hoxe, segundo os cálculos de custos que fai vostede, non se estaría cumprindo a Lei da Cadea. Quen debería actuar?
– Pois creo que é traballo das Administracións, por suposto. Os gandeiros e gandeiras xa puxeron moito da súa parte. Á Administración pídolle que consuma carne da nosa en colexios, hospitais e residencias da terceira idade; sería algo importante.

Hai que ser prudentes, non vaia ser que queiramos cobrar a carne a 6 euros o quilo e que nos queden os xatos na casa

A Lei da Cadea debería cumprirse pero iso é algo moi delicado. Non vaia ser que queiramos cobrar a 6 euros e que nos queden os xatos na casa. Hai que ser prudentes. Dígoo por experiencia, de nada vale querer subir rápido e logo caer de golpe.

Como está a evolucionar a venda de seme e de embrións? Hai capacidade de crecemento aínda neste ámbito?
– Empezamos vendendo máis de 100.000 doses para Brasil e en Indonesia falaban de 1 millón de doses; case nos asustaba a cifra pero agora van levando a poucos. Desde a pandemia reduciuse e estamos exportando menos.

A rubia galega mellorou en moitos aspectos pero aínda lle queda percorrido e mercados por conquistar

É certo que a venda se estancou un pouco, pero pola contra, o que si creceu foi a apertura de novos mercados. De comezar en Brasil, a primeiros do 2000, co paso dos anos e de moito traballo, logramos chegar a varios países europeos, coma Portugal, Francia ou Italia, e máis recentemente achegarnos a Asia, abrindo mercados en Indonesia, e tamén en Australia. Ademais estamos avanzando na introdución de seme sexado.

Por que non acaban de apostar polo seme sexado os gandeiros de carne?
– Iso habería que preguntarllo a eles. Xusto agora comezamos a poñelo a disposición dos gandeiros. Grazas a moito traballo e, por suposto a Xenética Fontao, conseguimos poñer á venda as primeiras doses e pensamos que vai ser un avance moi positivo para os nosos socios e socias.

Considera que poden competir coa rubia galega outras razas coas que están a traballar tamén os gandeiros de vacún de carne en Galicia como son a limusín, a blonde, a salers, a angus ou mesmo a wagyu? Cales serían os motivos que estarían levando a estes gandeiros a apostar por estas outras razas en vez de pola rubia galega?
– Respectamos que traballen coa raza que queiran, pero creo que está sobradamente contrastado que a raza rubia galega conta cos datos que demostran que pode competir con calquera raza en produción, calidade da carne, rendemento, etc.

Hai gandeiros que tiñan outras razas e que acabaron pasándose á rubia galega

É unha raza recoñecida a nivel internacional e iso non é por casualidade. Hoxe temos unha raza que é coñecida por todo o mundo. Non hai máis que saír de Galicia para ver a sona que ten. E tamén teño que dicir que hai gandeiros que tiñan outras razas e que acabaron pasándose á rubia galega.

Candidatura

César Dorado Pin, Jesús Varela Mourelle, Modesto Arias López, Miguel Fernández Arrojo, Luis Vidal Vila, Sandra Ledo Corzo, J.María Pérez López, José Luis Fernández Pérez, Bautista Pérez Deiros, Antolín Alonso Arias, Adita Prados Vega

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información