Subas nos prezos dos becerros de recría en Silleda

A Central Agropecuaria de Galicia volve ter gando vacún, tralo parón da semana pasada. A recría cotiza á alza e nos becerros carniceiros e no vacún maior non houbo unha tendencia predominante. Novas caídas dos prezos do porcino e estabilidade no mercado do ovo

Subas nos prezos dos becerros de recría en Silleda

Becerros de recría nas instalacións da Central en Silleda (Pontevedra). // Imaxe de arquivo.

A Central Agropecuaria de Galicia Abanca recuperou hoxe a súa actividade habitual, logo de que a semana pasada non se celebrase a venda de gando vacún ó ser festivo nacional. Este martes, volvíase ás cifras habituais de asistencia de gando e tampouco se rexistraron grandes variacións nos prezos. Na recría, a tendencia foi á alza, especialmente no gando frisón onde só os becerros máis novos marcaron prezos máis baixos que na última feira.

Nos tenreiros de cebo non houbo unha tendencia predominante e rexistráronse subas ou baixadas dos prezos dependendo da categoría. Así mentres os becerros de cruce industrial e os frisóns cotizaron á alza, nos animais de Rubia Galega houbo unha baixada do prezo de referencia. Tampouco no vacún maior predominou unha tendencia clara nos prezos.

Nas mesas de porcino, houbo unha baixada xeral tanto nos prezos dos porcos cebados coma dos leitóns. Mentres, o mercado do ovo mantense sen cambios.

Prezos do vacún

Facemos un repaso polas distintas seccións do gando vacún para coñecer a evolución dos prezos, aínda que cómpre ter en conta que se trata de prezos medios e que o valor dos exemplares estará condicionado tamén por outros factores.

Na recría frisoa, os becerros máis novos cotizáronse a un prezo medio de 54 euros, é dicir 8 euros menos que na última feira. Nos tenreiros de entre 20 e 50 días, o valor de referencia situouse nos 87 euros, o que supón 3 euros máis que na feira pasada. Os machos de máis de 50 días tiveron un prezo medio de 124 euros, cunha suba de 6 euros.

Nos tenreiros de recría de cruces industriais, os becerros machos máis novos incrementaron o seu valor en 3 euros e sitúanse nun prezo medio de 276 euros. Mentres, nas femias a suba foi de 16 euros e acadan os 172 euros. No caso dos becerros de entre 20 e 50 días, rexistrouse unha suba de 15 euros e teñen un prezo medio de 324 euros. As femias quedaron nos 220 euros, logo de experimentar unha baixada de 12 euros. Nos machos de máis de 50 días, o prezo de referencia foi de 504 euros, despois dunha redución de 65 euros. As femias desta sección descontaron 35 euros, polo que se sitúan nos 346 euros.

En canto ós prezos dos becerros de cebo, os machos frisóns experimentaron unha suba de 54 euros, de xeito que acadan un prezo de referencia de 754 euros. Nos becerros de cruces industriais, o valor medio foi de 1.161 euros, logo dunha suba de 32 euros. Nas tenreiras desta categoría, o prezo de referencia atópase nos 929 euros, cunha redución de 9 euros con respecto da última feira. Os machos de Rubia Galega cotizáronse de media a 1.151 euros, é dicir 90 euros menos. Nas tenreiras a baixada foi de 13 euros, ata situarse nun prezo medio de 1.094 euros. Pola súa banda, os animais comercializados baixo o selo de Ternera Galega Suprema tiveron unha suba do seu valor medio en 106 euros e acadan os 1.140 euros.

No vacún maior, as vacas da extra descontaron 72 euros con respecto da última feira e o seu prezo de referencia sitúase nos 2.018 euros. As vacas de primeira mantivéronse sen cambios, cun valor medio de 1.145 euros. Os exemplares de segunda cotizáronse a 714 euros, logo dunha baixada de 48 euros. Nos animais de desfeito, o valor medio situouse nos 432 euros, polo que se incrementou en 9 euros en comparación coa última feira. Os animais comercializados baixo o selo Vaca e Boi de Galicia tiveron un prezo medio de referencia de 1.888 euros, o que supón unha suba de 737 euros.

22_08_2023 Central Vacun

Baixadas no porcino

As mesas de cotizacións do porcino experimentaron esta semana baixadas nos prezos tanto do porco cebado como nos leitóns. Nos animais cebados, o porco selecto e o normal descontaron 0,03 euros e quedan nos 1,98 e 1,955 euros o quilo, respectivamente. Os porcos de Canal II están a 2,539 euros tras unha baixada de 0,039 euros. Os animais de descarte descontaron 0,04 euros e cotízanse entre 1,33 e 1,39 euros o quilo.

Nos leitóns houbo unha baixada de 5 euros para ambas categorías. Así, os exemplares chegados dunha única granxa están agora nos 76 euros (cun prezo de 3,8 euros o quilo) e os animais procedentes de varias ganderías cotízanse a 71 euros e cun prezo por quilo de 3,55 euros.

O mercado do ovo mantense esta semana sen cambios. Os ovos da XL teñen un prezo de 2,98 euros a ducia, os da L están a 2,59 euros, os da M cotízanse a 2,07 euros e os da S están en 1,82 euros a ducia. No prezo das galiñas de descarte semipesadas tampouco houbo cambios e cotízanse entre os 0,23 e os 0,31 euros o quilo.

O prezo do coello está nos 2,45 euros o quilo segundo a Mesa de Prezos Nacional do Coello (Loncun).

22_08_2023 Central Porcino

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información