
David López, acompañado doutros gandeiros na presentación das sinaturas na sede de Acruga
O malestar no seo de Acruga aumenta. Logo de que unha sentenza xudicial anulase a semana pasada as últimas eleccións celebradas na Asociación de Criadores de Raza Rubia Galega e o nomeamento de César Dorado como presidente, un grupo de 260 socios, que representan o 20% do total de asociados, rexistraron este luns na sede da asociación en Lugo un escrito solicitando o acatamento da sentenza, a destitución da Xunta Directiva e a convocatoria de novas eleccións.
Os gandeiros que piden a dimisión de Dorado consideran que, unha vez que o Xulgado anulou o proceso electoral por irregularidades na aprobación do voto delegado, “o autoproclamado presidente non ten lexitimidade para seguir á fronte da asociación”.
O que queremos é simplemente igualdade nunhas eleccións xustas e esa circunstancia até agora non se produciu
Por iso, esixen que se celebren novas eleccións e que por parte da Asemblea xeral de socios, máximo órgano de toma de decisión da asociación, se aprobe “un regulamento electoral democrático”, no que se establezan, entre outros aspectos, o procedemento de votación, o calendario electoral, o sistema de reconto de votos, a delegación do voto ou a elección dos membros que constitúen as mesas para deste xeito “velar pola transparencia do proceso”.
Non recurrir a sentenza
Do mesmo xeito, no escrito presentado este luns na sede de Acruga en Lugo, pídese acatar a sentenza e non presentar recurso de apelación diante da Audiencia Provincial “para non dilatar o proceso e non seguir consumindo fondos da asociación no procedemento”.
O prazo para presentar recurso á sentenza é de 20 días, por iso quixemos presentar as sinaturas canto antes
“Consideramos que a Asemblea debe ser convocada no menor tempo posible, co fin de causar o menor prexuizo á Asociación. No caso de que non se convoque de forma inmediata verémonos obrigados a ter que acudir novamente á vía xudicial e que sexa o Xulgado o que proceda a convocala”, argumentan.
As sinaturas presentadas supoñen o dobre das necesarias para forzar a celebración dunha Asemblea extraordinaria, xa que os Estatutos da asociación establecen que se precisa a sinatura de cando menos o 10% dos 1.300 socios actuais. A Asemblea ten que ser convocada como mínimo con 15 días de antelación, no caso de ser ordinaria, e 7 se é extraordinaria.
“Está en xogo o futuro da propia asociación”
David López, que encabezou a candidatura crítica no último proceso electoral e impugnou no Xulgado os resultados trala vitoria pola mínima de César Dorado, lidera o grupo de gandeiros que esixen “cambios en Acruga”, un movemento que “medra día a día”, asegura.
“Logramos o dobre das sinaturas necesarias en tan só 3 días e con todo o mundo ensilando. Hai un descontento enorme coa actual Xunta Directiva e o funcionamento que está habendo en Acruga. Moita xente o que nos di é que están esperando a ver se cambian as cousas ou do contrario daranse de baixa”, afirma. Por iso, considera que “está en xogo o futuro da propia asociación”.
A situación actual non anima a ningún gandeiro a facerse socio
David pensa que “é posible recuperar a moitos socios que se foron nos últimos anos” e que “se as cousas mudan e entra aire fresco tamén haberá novas altas” porque “a situación actual non anima a ningún gandeiro a facerse socio”. “Agradecemos a toda a xente que nos chamou estes días e que nos está ofrecendo o seu apoio. Hai moitos socios que se están desenganando”, asegura. “Desde a Xunta Directiva estannos acusando de ter mal perder, pero nós o que queremos é simplemente igualdade nunhas eleccións xustas e isto á vista da sentenza non se produciu”, conclúe.