Os críticos de Acruga, fortalecidos polo apoio da asemblea xeral, piden que a directiva escoite “á maioría de socios”

O gandeiro David López, que encabezou a candidatura alternativa nas pasadas eleccións, avoga por un cambio na liña de traballo do colectivo. Asegura que lle ofreceu á directiva unha reunión para consensuar a modificación dos estatutos e a regulación electoral, sen resposta positiva

Os críticos de Acruga, fortalecidos polo apoio da asemblea xeral, piden que a directiva escoite “á maioría de socios”

Rabaño de Rubia galega. / Arquivo.

A polémica mantense na Asociación de Criadores de Rubia Galega (Acruga), logo dunha tensa asemblea xeral na que as voces críticas tumbaron a aprobación de contas 2022 e dos presupostos 2023. “É a primeira vez que pasa nos 56 anos de historia de asociación. Hai xente que pensa que foi un espectáculo lamentable e podo entendelo, pero máis lamentable é a falta de respeto ós socios por parte da directiva e a falta de democracia e transparencia”, opina David López, o gandeiro da Mariña que encabezou a candidatura alternativa a César Dorado nas últimas eleccións.

López incide en especial no caso dun traballador de Acruga, M.A.C., ó que solicita que a directiva lle abra expediente disciplinario por presuntas presións ós socios para “obrigalos a ir á asemblea xeral a apoiar a César. Houbo casos de gandeiros ameazados cunha redución de prezos dos becerros comercializados a través de Acruga se non o facían”, sostén. “No caso de que a directiva non actúe, valoraremos a adopción de medidas legais contra este traballador”, sinala David López, que apunta que xa lle comunicou por escrito esta situación a Acruga.

“Detectamos o caso dun traballador que estivo presionando ós socios con ameazas. Se Acruga non actúa, adoptaremos accións legais” (David López

En canto ó transcurso da asemblea xeral, que rematou antes de tempo, sen o punto de rogos e preguntas, David López cuestiona esa decisión e quere trasladar publicamente unha serie de puntos que ía tratar nos rogos e preguntas da asemblea. Entre eles, os seguintes:

– Maior asesoramento ós socios en xenómica e xenética. “É preciso darlle máis información ós socios, que están mal asesorados. Acruga presume de que o peso dos becerros ó nacer baixou 2 Kg. cando iso é un problema. A xente está usando touros que se deberían empregar só con xovencas. Ao empregalos de xeito xeneralizado, ímonos atopar de aquí a uns anos cun problema de baixada da talla media das vacas de Rubia Galega”, cuestiona.

Outro problema que detecta é a consanguinidade: “Un 60% dos touros teñen a mesma liña xenética”, valora.

– Ante os bloqueos sanitarios periódicos que sofre a granxa Gayoso Castro, “é preciso ter outra granxa da asociación con outro código noutra provincia para manter a actividade con maior normalidade cando pasen estas situacións”, defende.

– Reducción das vendas de seme. “Observamos unha baixada das vendas, pensamos que por touros que non producen, o que a súa vez levou á perda de clientes. É preciso aclarar esta situación”, valora.

– Falta de atención ós socios de fóra de Galicia, “que ninguén visita desde hai ano e medio”, e ós das provincias de Ourense, A Coruña e Pontevedra. Tamén cuestiona que haxa altas de novos socios pendentes desde “hai máis dun ano”.

– Estratexia das pasadas eleccións. “A candidatura do presidente foi agasallando polas granxas bolis de Acruga e camisetas de Construcciones César Dorado”, critica David López.

Sobre a situación derivada das últimas eleccións, que se atopan en principio anuladas, á espera do recurso electoral presentado por Acruga, David López sinala que lle ofreceu á directiva unha reunión de consenso para acordar a modificación dos estatutos e o regulamento electoral, “pero non tivemos resposta positiva”, lamenta.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información