A sección ‘Noticias de empresa’ inclúe informacións de actualidade empresarial, así como as notas de prensa de firmas colaboradoras.

Calizas Calfensa, beneficios para as praderías

O encalado dos prados, ben aproveitando a súa renovación ou tralo último corte de herba, contribúe a correxir o pH ácido do solo, habitual en Galicia, e mellora a nutrición do cultivo pratense

Calizas Calfensa, beneficios para as praderías

Aplicación de caliza en pradería.

Cando o solo ten un pH ácido, como o habitual en Galicia, os cultivos atopan maior dificultade para aproveitar os nutrientes, o que supón un handicap para o seu desenvolvemento. “Con frecuencia, atopámonos con análises de solos que teñen unha presenza alta de nutrientes, ata o punto de estar sobreabonados, pero eses nutrientes están pouco dispoñibles para os cultivos por ter o solo un pH ácido” -explica Alberte Momán, enxeñeiro técnico agrícola de Calfensa.- “Para lograr un abonado eficaz, é preciso coidar a corrección do pH do solo”, subliña.

No caso das praderías, a aplicación das calizas agrícolas pode facerse tanto en labores de fondo, aproveitando os traballos de renovación da pradería, como en superficie, tralo último corte de herba ou fin do pastoreo da parcela. “Nos encalados de mantemento, un efecto claro é que as calizas contribúen a rexuvenecer o cultivo, co que aumenta a produción e a calidade do ensilado”, valora Alberte Momán.

Dado que a acción dos produtos encalantes é por contacto directo, deberemos facer un esparexido homoxéneo por toda a superficie, mirando de incorporalo de inmediato no caso de traballos de fondo, para que os seus beneficios afecten á superficie que colonizará o sistema radicular das plantas.

Beneficios do encalado en solos ácidos
As condicións xeolóxicas e climáticas habituais en Galicia deparan solos ácidos nos que as plantas adoitan ter a disposición grandes concentracións de aluminio e manganeso, que en porcentaxes altos repercuten nun pobre desenvolvemento das plantas. O aluminio ten un impacto directo sobre as raíces, que aparecerán curtas e fráxiles, en tanto o manganeso causa un menor crecemento do talo.

A acidez do solo limita ademais a dispoñibilidade dos nutrientes principais, nitróxeno, fósforo e potasio. Así as cousas, o encalado aportaralle ós cultivos importantes beneficios:

• Bloquea parte dos ións de aluminio, ferro e manganeso, que poden estar en concentracións moi tóxicas para algúns cultivos.

• Evita o bloqueo e fixación dos fosfatos.

• No caso de que estea presente no solo, aumenta a accesibilidade do Molidbeno (Mo), un elemento fundamental.

• Mellora a estrutura do solo. Estabiliza os humatos e aporta calcio.

• Estimula a actividade dos microorganismos, o que repercute nunha mellor humificación e mineralización da materia orgánica.

• No caso das leguminosas en praderías polifitas, o encalado pode aumentar a cantidade de proteína da forraxe, ao incentivar o crecemento das leguminosas.

• Contribúe a un mellor desenvolvemento do sistema radicular das plantas, aumentando a superficie explorada por estas, sendo capaces de recoller mellor a auga e os nutrientes.

Gama de produtos encalantes

Caliza agrícola
O carbonato cálcico, a caliza agrícola tradicional, é un produto moi empregado e non caústico. O grao de finura do produto determinará o seu tempo de reacción no chan.

Outra cuestión a ter en conta é a capacidade da caliza para corrixir a acidez do chan, que se mide polo seu valor neutralizante. A caliza agrícola de Calfensa presenta un valor neutralizante de 50, polo que para a maioría de solos agrícolas galegos, caracterizados pola súa acidez, serán precisas doses de aplicación de 2.000 – 2.500 Kg. / hectárea.

Á hora de consultar o valor neutralizante dun produto, hai que ter tamén en conta que en Portugal contan cun sistema de medición diferente, polo que produtos portugueses cun valor neutralizante de 85 son equivalentes aos que en Galicia teñen 40.

Caliza magnesiana (Caliza agrícola + óxido de magnesio)
Os solos agrícolas galegos adoitan presentar carencias de magnesio, polo que Calfensa ofrece unha caliza agrícola que incorpora un 20% de óxido de magnesio. Así corríxense as deficiencias en calcio e magnesio, dous elementos importantes para mellorar a nutrición dos cultivos.

A incorporación do óxido de magnesio eleva o valor neutralizante do produto a 60, polo que a dose será lixeiramente inferior á do carbonato cálcico. Nos últimos anos está medrando o consumo da caliza magnesiana, pois é unha necesidade en moitas zonas da comunidade.

“As analíticas de solo nas explotacións son cada vez máis habituais e con frecuencia adoitan revelar carencias de magnesio, que é un elemento importante para mellorar a nutrición dos cultivos”, explica Alberte Momán, enxeñeiro técnico agrícola do departamento comercial de Calfensa.

Caliza Magnesiana Granulada
De xeito complementario á caliza magnesiana en po, Calfensa lanzou unha caliza magnesiana granulada, coa mesma riqueza pero que pode ser aplicada directamente polo profesional, ao presentar un grao esférico como o do abono.

“Coa creación dun granulado de caliza magnesiana buscamos un produto de boa calidade que cubra as necesidades de clientes específicos, como pequenos produtores con hortas e xardíns, ou áreas verdes públicas”, explica Alberte Momán, que precisa que a dose de aplicación da caliza granulada terá que ser similár á da caliza en po.

“Con determinados produtos granulados, houbo mensaxes engañosas no mercado, pois recomendaban doses de aplicación moi inferiores ás aconselladas técnicamente, polo que carecían do efecto necesario en campo”.

Óxido de calcio e óxido de magnesio
Son os produtos que presentan unha maior velocidade de reacción, aínda que o seu custo tamén é máis alto.

O valor neutralizante do óxido de calcio está en 92 e o do óxido magnesiano en 92,8. Eses valores determinan a aplicación de doses medias en Galicia de 1.200 – 1.600 kg. / hectárea. O produto comercializado por Calfensa preséntase granulado, a modo de gravilla, e pode ser esparexido polo propio gandeiro por medio de abonadoras.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información