A Asociación Forestal de Galicia organiza os próximos 19 e 20 de marzo un encontro científico – técnico transfronteirizo sobre os montes de ‘Pinus pinaster’, coñecido popularmente como piñeiro do país ou piñeiro bravo. O obxectivo é analizar como mellorar a xestión forestal dos montes de piñeiro, así como a súa resiliencia a ameazas como o cambio climático, as patoloxías forestais ou os lumes.
O encontro contará coa participación dun grupo de 40 expertos, profesionais da xestión forestal e científicos, que analizarán conxuntamente durante dúas xornadas os temas máis relevantes que afectan ao manexo dos montes de piñeiro na Eurorrexión Galicia – Norte de Portugal.
Programa
O programa do evento contará con tres bloques principais: mellora xenética e manexo silvícola dos piñeiros, xestión e prevención de riscos, e sostibilidade e servizos ecosistémicos. Pódese consultar todo o programa do evento neste enlace.
Inscripcións
Todas as persoas interesadas poderán seguir o evento por videoconferencia, para o que terán que inscribirse a través deste formulario.
Con antelación ó inicio do encontro, enviaráselle a todas as persoas inscritas o enlace de conexión.
O evento está organizado pola Asociación Forestal de Galicia, coa colaboración dun comité organizador integrado tamén polas seguintes entidades: Asociación Sectorial Forestal Galega, Associação Florestal de Portugal, Centro de Investigación Forestal de Lourizán, Dirección Xeral de Planificación e Ordenación Forestal da Xunta de Galicia, Fundación Arume e Unión de Silvicultores do Sur de Europa.
Asimesmo, o encontro conta co patrocinio da Consellería do Medio Rural, de Abanca e da Fundación Arume.