A gran dependencia do sector gandeiro das importacións de soia como fonte de proteína vexetal para a elaboración de pensos compostos motiva a procurar alternativas coas que suplir esa carencia, máis aínda nun contexto como o actual, no que as materias primas están a rexistrar unha gran demanda e suba de prezos. A soia experimentou nos últimos meses un importante incremento do valor, pasando dos 320 euros por tonelada no verán do 2020 a cotizarse a 500 euros a comezos deste mes de febreiro. Este incremento está a deixar completamente exposto ó sector gandeiro, con aumentos significativos dos prezos dos pensos. Cómpre lembrar ademais, que Europa ten unha dependencia do 70% de proteína vexetal.
Neste sentido o grupo operativo Proteinleg apunta a outras leguminosas, algunhas delas variedades autóctonas e xa adaptadas ó clima galego, como unha opción para cubrir esa necesidade, tal e como explicaron este martes durante a presentación do proxecto e os primeiros resultados que están a obter, nunha sesión online na que participaron algúns dos membros desta iniciativa liderada pola Fundación Empresa-Universidade Galega (Feuga).
O obxectivo de Proteinleg é procurar novos alimentos ricos en proteínas vexetais a partir do cultivo sostible de variedades tradicionais de leguminosas
Os principias obxectivos deste grupo operativo, que inclúe a 14 entidades, é procurar novos alimentos ricos en proteínas vexetais a partir do cultivo sostible de variedades tradicionais de leguminosas. Ademais, buscan desenvolver cultivos innovadores, rendibles e eficientes no emprego de recursos. Tamén están a traballar para mellorar a calidade e a cantidade de proteína procedente de leguminosas.
Vantaxes do cultivo de legumes
Os traballos do grupo operativo centráronse en 5 tipos de leguminosas: xudías, fabas, garavanzos, chícharos e chícharos silvestres. A nivel medioambiental estes cultivos, que poden ser fonte de proteína vexetal, teñen importantes vantaxes para os produtores. Así, as leguminosas teñen unhas baixas necesidades de fertilizantes, grazas á súa capacidade de fixación de nitróxeno na terra, o que resulta tamén de interese cos elevados prezos que están acadando os fertilizantes nitroxenados, pola carestía do gas natural.
Ademáis, dende o punto de vista agroambiental, as leguminosas son tamén unha vía para mellorar o solo e incrementar a produción en cultivos rotativos. Ademais, diminúen a erosión da terra.
Procurar variedades adaptadas
Unha das primeiras fase do proxecto Proteinleg céntrase en seleccionar as variedades de leguminosas mellor adaptadas a diferentes condicións e zonas climáticas de España, así como en mellorar a produtividade das leguminosas mediante enfoques sostibles. Este traballo de selección das variedades estase a desenvolver por parte do Grupo de Xenética para o Desenvolvemento das Plantas (Devoleg) da Misión Biolóxica de Galicia (MBG), pertencente ó Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC). Así, botaron man dos recursos xenéticos cos que conta o centro, recoñecido a nivel europeo pola súa importante colección de sementes, para facer unha selección de variedades tradicionais de leguminosas.
Para as primeiras plantacións experimentais seleccionaron 122 variedades, en especial de xudía e chícharo
Na primeira criba seleccionaron un total de 122 variedades para sementar. En concreto foron 70 variedades de xudías, xa que é tamén a leguminosa da que contan con maior diversidade, ó contabilizar un total de 2.279 variedades locais cultivadas e 122 tipos silvestres procedentes de diferentes orixes xeográficas. A elas engádense 9 variedades de faba, 20 variedades de chícharo tanto de gran como de vaina, 6 de garavanzo e outros 17 tipos de chícharo silvestre, entre as que se inclúen 3 especies que medran de xeito espontáneo en Galicia.
As variedades seleccionadas foron plantadas en Almería, en dúas quendas (abril e setembro de 2021), así como en Ourense e Pontevedra, onde se sementou só no mes de xuño dese mesmo ano. Para este cultivo contaron coa colaboración doutros dos socios do proxecto como o Centro Tecnolóxico da Carne (CTC), situado en Ourense; e coa firma Ramiro Arnedo, especializada na investigación de cultivos e cun amplo catálogo de variedades, boa parte delas propias, entre as que se atopa a xudía.
Trala súa caracterización agronómica e de avaliar os rendementos e a calidade así como a adaptación e resposta a diferentes tipos de estrés, como a tolerancia á seca ou a resistencia a enfermidades, a selección reduciuse a 23 leguminosas (3 variedades de garavanzo, 4 de chícharo silvestre, 6 de xudía, 6 de chícharo e outras 4 de faba). Con estas variedades fixeron novas plantacións a finais do ano pasado, cuxos resultados avaliarán nos próximos meses.
As legumes máis viables para a alimentación animal
Entre as leguminosas que máis posibilidades presentan para poder converterse en alternativas á soia na alimentación do gando atópanse os chícharos, as fabas e os chícharos silvestres, non só pola súa achega proteica senón por ser alternativas cun prezo competitivo como para empregarse na fabricación de pensos compostos sen que isto dispare os prezos finais. Así é que, mentres os garavanzos e as xudías acadan un prezo medio de máis dun euro, os chícharos sitúanse arredor dos 30 céntimos.
O Centro Tecnolóxico da Carne, que xa levou a cabo probas en microparcelas, está a encargarse de avaliar as leguminosas que presentan maiores posibilidades para substituír, ben sexa de xeito total ou parcial, á soia na alimentación do gando. Neste primeiro ano de estudo, xa puideron tamén seleccionar 4 variedades de chícharo adaptadas ó clima galego e coas que lograron calidade do gran e alta produtividade, con entre 2.500 e 2.124 quilos por hectárea.
Seleccionaron 4 variedades de chícharo adaptadas ó clima galego e con producións superiores ós 2.000 quilos por hectárea, que van probar en cultivos en extensivo
Tamén destacan os resultados obtidos por variedades de faba procedente de Andalucía e Extremadura, dúas variedades coas que lograron produtividades de máis de 1.800 quilos por hectárea, o que motivou que fosen seleccionadas para novas plantacións en extensivos. “Ó estar centrados en procurar alternativas para a alimentación do gando precisamos cultivos en extensivo e que poidan ser mecanizados para ser unha opción real”, detalla Lucio García, responsable da área de Producións Agroalimentarias no CTC.
Nestes próximos ensaios en extensivo tamén incluirán unha variedades de xudía caupí, orixinaria de Galicia, en concreto de Pontevedra, coa que lograron unha produción de 1.533 quilos por hectárea. Ademais, incluirán 3 variedades de chícharo silvestre, coas que nas primeiras fases tiveron problemas de xerminación, sen que chegase a producirse floración, pero que puideron deberse a unha sementeira tardía, polo que ó tratarse todas elas de variedades galegas, decidiron continuar a investigar.
Coas variedades que presenten mellores resultados teñen previsto elaborar pensos específicos para alimentación de porcos e polos, criados en extensivo. Da fabricación dos pensos encargarase a firma Almacenes Gamallo, situada en Ourense e cunha traxectoria de máis de 20 anos. “A formulación do penso farase tendo en conta a dispoñibilidade de alimento que teñan estes animais criados en extensivo”, comentan dende o CTC. As primeiras probas faranse con polos de Mos e con porcos de raza Duroc e Porco Celta.
Nestes primeiros meses, en Almacenes Gamallo xa estiveron a facer probas coa elaboración de fariña e granulados que incluían as leguminosas e polo momento está a resultar máis satisfactoria a mestura presentada en granulado. Aínda que as probas continuarán nos vindeiros meses.
Outras liñas do proxecto
Á marxe de analizar as posibilidades que ofrecen as leguminosas para a fabricación de pensos e como alternativa á soia, o grupo operativo Proteinleg tamén está a avaliar as oportunidades que ofrecen estes cinco tipos de leguminosas na alimentación humana, como fontes de proteína vexetal, tendo en conta que a sociedade está a reclamar alternativas ás proteínas de orixe animal que sexan sostibles e saudables.
Nesta liña, a firma Mimic SeaFood, especializada en procurar alternativas veganas, apuntou as posibilidades que poden ofrecer as legumes para elaborar alimentos que proporcionen proteína vexetal de calidade.
O grupo operativo Proteinleg, que comezou no 2021, conta cun orzamento de 556.947,36 euros e cunha subvención de 552.147,36 euros, o 80% procedente de fondos Feader e os 20% con fondos nacionais.