Aprobados os decretos de nutrición sostible de solos, ordenación de granxas bovinas e nova PAC

O último Consello de Ministros do ano dá saída ós grandes proxectos lexislativos que tiña pendentes o Ministerio de Agricultura

Aprobados os decretos de nutrición sostible de solos, ordenación de granxas bovinas e nova PAC

O Ministerio de Agricultura resolveu no último Consello de Ministros do 2022 a maioría dos principais proxectos lexislativos nos que viña traballando nos últimos dous anos. Aprobáronse en total 9 decretos, 6 ligados ó novo ciclo da Política Agraria Común (PAC), que arranca o 1 de xaneiro, e outras 3 iniciativas de calado: o decreto de nutrición sostible de solos agrarios, o de ordenación de granxas bovinas e outro que reforza o uso sostible dos fitosanitarios.

Polo de agora ningún destes decretos se publicou no Boletín Oficial del Estado, trámite que se resolverá os próximos días, polo que aínda non se coñece o texto final dos decretos. En calquera caso, non se espera ningún cambio sustancial en relación cos últimos borradores que se viñan manexando. O Ministerio de Agricultura, pola súa banda, adiantou onte as liñas xerais de tódolos decretos:

  • Ordenación de granxas bovinas. Unha das principais novidades é que se prohíben as macrogranxas, como a que estaba prevista en Soria, co que quedan definitivamente enterrados os proxectos de explotacións de ata 20.000 vacas. O límite para novas granxas establécese en 850 Unidades de Gando Maior (o equivalente a unha explotación con 725 vacas de leite, aproximadamente).

    O decreto establece unha serie de requisitos a cumprir polas granxas en materia de bioseguridade e bienestar animal, en liña coas directrices marcadas por Europa. A normativa a cumprir será distinta en función do tamaño da granxa e da súa orientación produtiva (leite, carne, cebo). Para as granxas xa existentes, marcarase un periodo de adaptación de parte dos requisitos.

    ACTUALIZACIÓN 30-XII-22: Publicado o Real decreto de ordenación de granxas bovinas. As ganderías de vacún terán que dotarse dun patio exterior ó que poida acceder o gando.

  • Nutrición sostible de solos agrarios. O decreto espérase que prohíba as aplicacións de xurro en prato, abano ou canón, salvo casos concretos de explotacións en zona de montaña. Regularase ademais a obrigatoriedade de contar cun plan de abonado e de medir os valores nutricionais do xurro que se aplica, entre outros requisitos.

    ACTUALIZACIÓN 30-XII: Publicado o Real decreto de nutrición sostible de solos agrarios. A aplicación de xurros con prato ou en abano prohíbese a partir do 1 de xaneiro do 2024.

  • Uso sostible de fitosanitarios. Profundízase na normativa que obriga á xestión integrada de pragas, con combinación de métodos culturais, biolóxicos e fitosanitarios. A maiores, obrigarase a que tódalas explotacións consignen os fitosanitarios aplicados no seu caderno dixital, que será obrigatorio, de xeito que a Administración poida coñecer case en tempo real os produtos aplicados.

    É un proceso que lle permitirá ó Ministerio de Agricultura rastrexar a evolución do consumo dos distintos sectores produtivos, de cara a cumprir cos compromisos europeos na reducción de uso de produtos fitosanitarios.

Paquete lexislativo da nova PAC

Cos 6 decretos sobre a nova PAC aprobados no Consello de Ministros de onte, complétase o paquete lexislativo do próximo ciclo da Política Agraria Común, que arranca o 1 de xaneiro.

Estes son os decretos aprobados:

  • Real decreto do Sistema de Información de Explotacións (SIEX). É o Real Decreto polo que se establece e regula o sistema de información de explotacións agrícolas e gandeiras e da produción agraria (SIEX). Os dous principais compoñentes do sistema son o rexistro autonómico de explotacións agrícolas (REA) e o caderno dixital de explotación agrícola (CUE).
    O decreto fixa o contido mínimo dos cadernos de explotación, así como os procedementos para cubrilo e para a posta a disposición das ferramentas informáticas necesarias nas explotacións. Estas ferramentas informáticas fornecidas pola Administración serán interoperables coas ferramentas comerciais.

    As explotacións de menor tamaño non deberán cumprimentar o caderno de explotación ata o 1 de xullo de 2024

    O desenvolvemento do Sistema de Información de Explotacións contará con financiamento do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia.
    Para a entrada en vigor das obrigacións deste real decreto establécese un período transitorio, de xeito que as explotacións de menor tamaño non deberán cumprimentar os seus datos no caderno de explotación ata o 1 de xullo de 2024.

  • ACTUALIZACIÓN 30-XII-22: Publicado o Real decreto do Sistema de Información de Explotacións. O caderno dixital será obrigatorio a partir de setembro do 2023, salvo para explotacións de menos de 30 hectáreas, que terán ata xullo do 2024 para adaptarse.

  • Real decreto de axuda básica á renda para a sustentabilidade. O Real Decreto sobre dereitos de axuda básica á renda para a sustentabilidade da PAC establece a normativa reguladora da conversión dos dereitos de pago básico actuais nos novos dereitos da axuda básica á renda para a sustentabilidade, que estarán vixentes para o período de aplicación 2023-2027.
    Este texto regula igualmente o novo modelo de 20 rexións que serve de base para o cálculo do valor dos dereitos, ao longo de toda a programación, así como as disposicións relativas á reserva nacional e as cesións de dereitos.
  • Real decreto de condicionalidade reforzada. O Real Decreto polo que se establecen as normas para a aplicación da condicionalidade reforzada e da condicionalidade social, establece o conxunto de obrigacións que deben cumprir os beneficiarios para poder percibir as axudas da PAC establecidas por superficie e animais.
  • Real decreto de intervencións do plan estratéxico, requisitos comúns e solicitude única. É o decreto que regula a solicitude da PAC e os pagos directos ao agro (axuda básica á renda para a sustentabilidade e os seus pagos complementarios: pago redistributivo e pago a novos agricultores; así como as axudas asociadas e os ecorrexímenes.
  • Real decreto de xestión e control das intervencións. O Real Decreto polo que se regula o sistema de xestión e control das intervencións do plan estratéxico e outras axudas da PAC desenvolve todos os aspectos do control que ata o de agora se regulaban na normativa europea e que, coa nova PAC, que aplica o principio de subsidiariedade no marco do novo modelo de rendemento, debe deseñar cada Estado membro.
  • Real decreto de gobernanza. É a normativa que regula a xestión do Plan Estratéxico da PAC en España, así como a estrutura de control do mesmo, como o comité de seguemento do Plan Estratéxico e a Rede Nacional PAC. Como novidade en relación a anteriores ciclos da PAC, a Comisión Europea examinará cada 2 anos o rendemento do Plan Estratéxico Nacional, o que obrigará a unha xestión precisa e áxil do Plan 2023-2027.

Agricultura anuncia axudas para compensar o encarecemento de fertilizantes e gasóleo agrícola

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información