O ministro de Agricultura, Luis Planas, está disposto a “seguir traballando coas organizacións agrarias e o conxunto do sector na procura de solucións para asegurar a rendibilidade e a competitividade das explotacións”.
Así llo trasladou este venres aos sindicatos agrarios Asaja, COAG e UPA, cos que mantivo un encontro. Pero as palabras do ministro non impedirán que as protestas de agricultores que nas últimas semanas se estenderon por varios países europeos cheguen tamén a España.
Os sindicatos agrarios reiteran as súas peticións e manterán o calendario de mobilizacións mentres negocian co Goberno medidas concretas. “Ábrese un proceso de negociación dos distintos temas pero non hai cambios nas mobilizacións previstas, non imos deixar de manifestarnos; non imos facer esta negociación sen a presión necesaria”, avanzou trala reunión co ministro Miguel Padilla, secretario xeral de COAG.
Ábrese un proceso de negociación dos distintos temas pero non hai cambios nas mobilizacións previstas
A nivel estatal, os sindicatos urxen a “corrixir as deficiencias da Lei da Cadea Alimentaria nun prazo brevísimo” e a “buscar solución á falta de infraestruturas e dotacións de rega para seguir producindo pesa á seca”.
Tamén a revisar as franquías dos seguros agrarios para “convertelos en ferramentas seguras” e a facer fronte aos problemas de relevo xeracional no sector. “Dentro de 10 anos, 6 de cada 10 persoas activas a día de hoxe na agricultura estarán xubiladas”, alertan.
“Asfixia normativa”
Os sindicatos agrarios esixen tamén cambios a nivel europeo e demandaron o “compromiso do Ministerio para mediar ante Bruxelas”.
“Ou se cambia a política agraria europea ou se vai destruír aos profesionais agrícolas porque se está lexislando de costas á realidade do sector”, aseguran.
Xunto co Ministerio, crearase unha mesa de traballo para tratar de flexibilizar a PAC. “Temos unha asfixia normativa e o ministro recoñeceu esa asfixia”, asegura Padilla. “Simplificar non significa deixar de cumprir, pero si facelo de maneira máis sinxela”, aclarou sen embargo Luis Planas.
O sector teme que o acordo de libre comercio con Mercosur poida provocar unha entrada masiva de carne de vacún de Arxentina, Brasil, Uruguai e Paraguai
Asaja, COAG e UPA denuncian ao mesmo tempo a “hipocrisía da política europea, que non esixe os mesmos requisitos aos produtos que veñen de fóra” e en relación ao acordo de libre comercio con Mercosur aseguran que “pode provocar unha invasión total de carne de vacún de Arxentina, Brasil, Uruguai e Paraguai”. No sector existe tamén preocupación de cara á primavera pola enfermidade da EHE en vacún.
Mantense a bonificación ao gasóleo agrícola
Unha das medidas que os sindicatos lograron arrincar ao ministro de Agricultura, do mesmo xeito que sucedeu en países como Francia ou Alemaña, é o compromiso do mantemento das axudas fiscais ao gasóleo agrícola. Luis Planas confirmou, neste sentido, que o Goberno manterá a devolución do imposto especial de hidrocarburos esta lexislatura.
En relación á PAC, a Comisión Europea propón permitir aos agricultores da UE acollerse a derrogacións para o ano 2024 das normas da Política Agrícola Común que os obrigan a manter zonas non produtivas.
O Ministerio apoia unha transición xusta cara a un modelo sostible de produción
En concreto, a norma BCAM 8, incluída na PAC, esixe dedicar o 4% da terra cultivable a áreas ou elementos non produtivos, o que se refire a terras en barbeito pero tamén a elementos como sebes ou árbores.
A Comisión ofrece a posibilidade de que todos os agricultores da UE queden exentos deste requisito este ano mantendo o seu dereito a recibir o pago directo básico da PAC. A medida será votada nos próximos días polos Estados membros. Despois diso, a Comisión procederá á adopción formal. O Regulamento aplicarase retroactivamente a partir do 1 de xaneiro de 2024 e os Estados membros que desexen aplicar a excepción a nivel nacional deben notificalo á Comisión nun prazo de 15 días para que os agricultores poidan ser informados canto antes.
As protestas en Galicia, para despois das eleccións
Unións Agrarias, Sindicato Labrego Galego, Asociación Agraria de Galicia e Asociación Galega de Cooperativas, pecharon este venres a “unidade de acción” co obxectivo de programar un calendario de mobilizacións conxunto e unha táboa de reivindicacións na defensa dos intereses e dereitos do sector produtor.
Estas organizacións entenden que “sobran motivos para a mobilización” e fan un chamamento a todos os agricultores e gandeiros a sumarse, pero adían as protestas a despois das eleccións galegas, que terán lugar o 18 deste mes.
Os sindicatos e as cooperativas aseguran que existen “motivos máis que de sobra para que o sector produtor saia á rúa”, así como un contexto, tanto a nivel europeo como estatal, no que a agricultura e a gandería galega “non pode manterse á marxe”, pero, ao mesmo tempo, manifestan o seu rexeitamento a “mesturar” mobilizacións e citas electorais, polo que adían calquera acción ata pasar os comicios autonómicos.
A agricultura e a gandería galega non pode manterse á marxe das protestas pero rexeitamos mesturar mobilizacións e eleccións
A entrada en vigor da nova normativa de nutrición dos solos agrarios, que limita a aplicación de puríns e obriga a facer investimentos “inasumibles” para moitas granxas familiares; os novos requerimentos en materia sanitaria, como a obrigatoriedade de contar cun veterinario de explotación; ou a aparición de novas ameazas, como a Enfermidade Hemorráxica Epizoótica (EHE) no gando vacún ou a flavescencia dourada da vide son algúns dos problemas que máis preocupación están a xerar no sector produtor.
A Xunta apunta cara arriba
Seguindo a mesma estratexia que está a levar nos últimos anos ante a maioría dos problemas que afectan ao sector, a Xunta estase a limitar novamente neste caso a dar a razón ás organizacións agrarias e trasladar a responsabilidade ao Ministerio e á Unión Europea á hora de dar solución aos problemas plantexados polos produtores.
Este mesmo venres o conselleiro do Medio Rural, José González, mantiña unha xuntanza coas organizacións agrarias, coas que dixo compartir a súa preocupación, e instou ao Goberno de España a actuar, do mesmo xeito que rexeitou calquera acto violento que se poida producir nas protestas.
A consellería considera “evidente” o descontento común en toda Europa porque “Bruxelas lexisla de costas“ ao sector
Engadiu que “resulta evidente que hai un descontento común a toda Europa, por algo que dende Galicia se leva moito tempo tratando de facer ver ao propio ministro Luis Planas. Isto é, que Bruxelas lexisla de costas aos agricultores e gandeiros impoñendo burocracia e esixencias de todo tipo que non respectan o papel decisivo do ámbito primario na produción de alimentos e na consecución dunha verdadeira soberanía alimentaria europea”, asegurou.
Sobre as demandas do sector primario, González trasladou que “a Xunta leva xa tempo apoiando medidas como a flexibilización, que non eliminación, dos requirimentos ambientais da PAC e a adaptación dos ecorreximes á realidade de Galicia”.
A Xunta apoia a flexibilización, “que non eliminación”, dos requirimentos ambientais da PAC
Ademais, lembrou que desde a Xunta tamén se avoga por “evitar innecesarias cargas burocráticas ás explotacións, como o Caderno Dixital”, e que o Goberno galego vén reclamando ao Ministerio o cumprimento da prohibición da venda a perdas recollida na Lei da Cadea Alimentaria, así como a necesidade de manter a bonificación ao gasóleo agrícola, entre outras cuestións.