Agricultura publicará o prezo no campo do leite ecolóxico e do que vai para D.Os de queixo

O novo decreto obriga ós primeiros compradores a proporcionar esta información xa a partir de febreiro. Tamén se prorroga a esixencia de indicar a orixe do leite no etiquetado

Agricultura publicará o prezo no campo do leite ecolóxico e do que vai para D.Os de queixo

O Consello de Ministros aprobou unha modificación do Real Decreto 319/2015 coa que procura que os primeiros compradores de leite ofrezan máis información sobre o leite que procesan. Unha das novas esixencias no caso do leite cru de vaca é a de comunicar entregas e prezo de leite ecolóxico. Ademais, terán que incluír información sobre o leite que se destina a producións de calidade diferenciada, como as denominacións de orixe protexidas (DO) ou as indicacións xeográficas protexidas (IXP).

No caso do leite de vaca, os primeiros compradores deberán proporcionar estes datos xa na declaración do vindeiro mes de febreiro. A información teñen que incluíla na base de datos do sistema unificado de información do sector lácteo, Infolac.

Tamén se lle esixirá ós compradores de leite de ovella e cabra que proporcionen datos sobre o leite en ecolóxico e que se destina para as indicacións de calidade diferenciada, pero esta esixencia será obrigatoria a partir de febreiro de 2022.

Orixe do leite

O real decreto tamén prorrogará a normativa que obriga a sinalar a orixe do leite tanto no leite que se comercializa directamente como no que se emprega para a elaboración de produtos lácteos. Dende o Ministerio de Agricultura sinalan que o impacto da medida foi moi positivo, polo que acordaron mantela. Indican que os consumidores valoran moito coñecer a orixe dos produtos que mercan e tamén os operadores da cadea alimentaria avogan pola continuidade desta normativa.

“As industrias lácteas recoñecen mercar máis leite español para os seus produtos e os produtores lácteos están orgullosos de que España sexa un país que defenda este tipo de etiquetado”, apuntan dende o Ministerio de Agricultura.

Reorganización

A nova norma tamén supón unha reasignación das obrigacións das diferentes unidades do Ministerio de Agricultura en función das súas competencias relacionadas co sector lácteo. A Axencia de Información e Control Alimentarios (Aica) será a encargada de xestionar a aplicación Infolac, que recolle toda a información relevante para o mercado lácteo e que na actualidade era coordinada polo Fondo Español de Garantía Agraria (Fega).

Pola súa banda, a Dirección Xeral de Producións e Mercados agrarios encargarase de comunicar á Comisión Europea cuestións como as entregas mensuais de leite cru de vaca, o contido medio en materia de graxa e proteína, as entregas mensuais de leite cru ecolóxico de vaca, así como o prezo medio do leite cru convencional e ecolóxico.

-Consulta aquí en detalle o novo decreto, publicado hoxe no BOE.

 

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información