Un estudo confirma o peso das denominacións de orixe vitivinícolas na economía dos seus territorios

A Fundación Juana de Vega cifra en máis de 2.800 os empregos directos que xera o sector

Publicidade
Un estudo confirma o peso das denominacións de orixe vitivinícolas na economía dos seus territorios

A Fundación Juana de Vega presenta un novo estudo sobre o valor das Denominacións de Orixe vitivinícolas en canto aportación ao Produto Interior Bruto (PIB) galego e a creación de postos de traballo.

O estudo “Estimación do impacto socioeconómico das DOP vitivinícolas de Galicia” dá conta da contribución macroeconómica xerada polas explotacións vitícolas e as adegas a través de tres variables: produción, valor engadido bruto (VEB) e emprego, facendo fincapé na achega das cinco Denominacións de Orixe Protexidas Vitivinícolas de Galicia (Monterrei, Ribeiro, Rías Baixas, Ribeira Sacra e Valdeorras) á economía dos seus respectivos territorios.

Unha das principais conclusións do estudo da Fundación Juana de Vega é que, globalmente as DOP vitivinícolas de Galicia achegan, de media, o 1,9% do PIB dos seus territorios e o 2,1% do emprego, o que en cifras absolutas supón un valor da produción de 258,4 millóns de euros, un Valor Engadido Bruto (VEB) de 163,9 millóns de euros, e 2.858 postos de traballo directos (o 55% do emprego corresponde á viticultura e o resto, ás adegas).

En xeral, o peso económico das cinco DOP nos seus territorios é máis de catro veces superior ao que ten a cadea vitivinícola no conxunto da economía galega (0,40% do VEB). Esta cifra, sinalan desde a Fundación Juana de Vega, non fai máis que confirmar o dato xa coñecido da forte especialización que presentan os cinco territorios e que o peso das actividades ligadas ao viño nestas zonas multiplica case por case 4,5 a media galega.

Peso relativo no PIB comarcal

Na comparativa entre comarcas, as diferenzas son significativas pola oscilación entre o 4% do PIB e o 5,4% do emprego no Ribeiro fronte ao 1,7% do PIB e o 1,4% do emprego nas Rías Baixas. Nesta última comarca, a pesar de ser con moita diferenza a DOP de maior dimensión económica (xera máis da metade da produción e do VEB das cinco DOP e a metade dos postos de traballo, uns 1.399), hai dous factores internos que explican estas cifras. Primeiro, a inclusión de moitos concellos nos que o viñedo ocupa unha parte moi pequena. Segundo, o maior dinamismo e diversificación da base económica de boa parte do territorio, sobre todo da subzona do Salnés.

Nunha posición intermedia atópanse Monterrei e Valdeorras. En Monterrei, a DOP xera ao redor do 3,3% do PIB e o 2,9% do emprego; e en Valdeorras o 2,6% do PIB e o 3% do emprego. No caso da Ribeira Sacra, o estudo da Fundación Juana de Vega apunta que as estimacións deben tomarse con cautela, posto que indican o peso económico máis baixo das DOP (1,3% do PIB) e en cambio, un notable peso en termos sociais (4,1% do emprego).

Non obstante, os datos analizados destacan que o impacto das DOP na economía comarcal sería moito maior se se tiveran en conta os encadeamentos con outras actividades tales como a provisión de insumos, as relacionadas co transporte, comercialización e distribución final do viño, ou os efectos inducidos sobre a hostalería e o turismo. No detalle, as cifras para cada DOP tamén esconden grandes diferenzas internas xa que hai concellos nos que a dependencia da cadea vitivinícola é moito maior ca noutros.

Tomando como referencia datos do Ministerio de Agricultura, Pesca y Alimentación (MAPA), e calculando a media no período 2020-2021 para atenuar posibles oscilacións, o valor da produción das cinco DOP vitivinícolas galegas de 258,4 millóns de euros repartiríase así: Rías Baixas achega o 61,6% do total (159,1M€); O Ribeiro, o 12,6% (32,7M€); Ribeira Sacra, o 9,7% (25M€); Valdeorras o 9,3% (23,9M€) e Monterrei, o 6,8% (17,6M€).

En canto á estimación do VEB xerado por cada DOP, nas Rías Baixas sería de 100,9M€; 20,7M€ no Ribeiro; 15,9M€ na Ribeira Sacra; 15,2M€ en Valdeorras e 11,2M€ en Monterrei.

cadro 2

Elevada demanda interna

Para completar a imaxe macroeconómica da cadea vitivinícola, o estudo aborda a produción de viño, a demanda interna e o comercio interrexional e internacional. O feito básico a destacar é que, aínda que a situación tendeu a mellorar na última década, a produción de viño en Galicia é moi inferior á demanda interna, o que orixina unhas elevadas importacións netas. “Isto non é sinalado habitualmente, ao centrar as análises no comercio internacional, pero esta realidade evidénciase cando temos en conta tamén os fluxos interrexionais co resto de España”, sinalan os autores.

Sen dúbida, o dinamismo das Denominacións de Orixe posibilitou un notable crecemento das exportacións de viños de calidade á UE e a terceiros países. Non obstante, esta situación acompáñase dun volume moito maior de compras netas ao resto de España, en boa parte de viños de mesa con menores prezos.

O resultado é un saldo comercial global (sumando o interrexional e o internacional) deficitario. Isto reflicte que a cadea vitivinícola galega só é capaz de cubrir unha parte da demanda interna. “Noutras palabras: o consumo de viño en Galicia multiplica aproximadamente por 1,3 a produción interna”, destacan desde a Fundación.

grafico 2

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información