A Asociación de Criadores de Raza Rubia Galega (Acruga) non se posiciona en relación á modificación no Regulamento de Ternera Gallega Suprema para esixir un cebo final dos xatos durante dous meses, nos que os animais deberán permanecer acortellados ou en cobertizos que os protexan das inclemencias meteorolóxicas.
Diante da polémica xurdida entre partidarios e detractores, o presidente da entidade, César Dorado, prefire navegar entre dúas augas: “Haberá gandeiros aos que non lles gustará ese cambio e haberá outros aos que si; é moi complicado pronunciarse nun sentido ou noutro e eu non estou nin en contra nin a favor”, afirmou este xoves durante a sinatura dun convenio de colaboración co Consello Regulador das IXPs de Carne de Vacún de Galicia.
César Dorado evitou deste xeito botarlle un capote a Ternera Gallega neste acto, que se celebrou na Facultade de Veterinaria de Lugo e no que estaban tamén presentes representantes da Asociación Gandeiros Galegos da Suprema e do sindicato UUAA, que en ámbolos casos xa mostraron publicamente o seu respaldo á medida.
“Supoño que o que está buscando Ternera Gallega con ese cambio é que os tenreiros cando van ao sacrificio vaian algo mantidos e teñan algo de graxa”, argumentou César Dorado diante de Jesús González, o presidente do Consello Regulador, a entidade que promoveu a modificación no Regulamento da IXP aprobada no Pleno o pasado 9 de novembro.
Non queremos entrar en demagoxias nin en dialécticas que o único que fan é dividir; aquí estamos para sumar (Jesús González)
Jesús González, que inicialmente avanzara a súa intención de non falar do asunto, xa que o consello xa emitira unha nota sobre o tema, viuse obrigado a tomar a palabra para matizar ou “afondar” no dito por César Dorado: “O que busca o Consello Regulador é fundamentalmente mellorar a calidade do produto final; queremos canais máis engraxadas e homoxéneas, que teñan un mellor prezo de venda e iso pasa por mellorar a calidade do produto final”, asegurou.
O presidente da IXP defendeu a medida como o resultado dun proceso de debate de máis de dous anos, recollido na Estratexia da Carne e no Manual de Manexo de Ternera Gallega Suprema, dous documentos elaborados coas aportacións do propio sector, e que conclúen que a disparidade na conformación e o engraxamento das canais prexudica a súa comercialización.
“O Consello Regulador o que trata é de recoller as inquedanzas que hai no sector e, de acordo con esas inquedanzas, tomar decisións”, asegurou, polo que pediu “respectar esas decisións de acordo cos criterios democráticos”. “Non queremos entrar en demagoxias nin en dialécticas que o único que fan é dividir; aquí estamos para sumar”, concluíu.
Novo peche do centro de recría da Granxa Gayoso Castro
César Dorado tamén confirmou que o centro de recría de Acruga, ubicado na Granxa Gayoso Castro, propiedade da Deputación de Lugo, volve estar neste momento “inmobilizado” como consecuencia dun caso dubidoso de tuberculose nun dos animais.
Non é a primeira vez que se produce o peche do centro de recría, o que afecta ás subastas organizadas por Acruga
“É cousa de enfermidades; din que hai unha xovenca alí dubidosa e cando isto pasa cando vai o saneamento, inmobilizan a granxa, de maneira que non podes nin sacar para vida nin meter alí xovencas. É unha cousa que non ten moito máis que dicir; a sanidade é así”, finalizou.
Un de cada 5 euros que Ternera Gallega destine a promoción será para ‘vender’ a rubia galega
Acruga e Ternera Gallega quixeron escenificar este xoves a súa “unión” mediante a sinatura dun convenio de colaboración de 20 anos de duración que dá continuidade aos asinados no 2010 e 2022. O obxectivo é que toda a carne de calidade da raza rubia galega saia ao mercado correctamente etiquetada co nome da raza.
“O convenio en si non ten unha contraprestación económica por ningunha das dúas partes, pero si establece que se destinará por parte do Consello Regulador un 20% dos seus fondos de promoción especificamente para promocionar a carne de rubia galega amparada pola IXP”, explicou Jesús González.
O novo convenio ten como aspectos máis significativos que a carne procedente dos animais inscritos no Libro Xenealóxico da raza rubia galega, xa sexan tenreiros, vacas ou bois, sairán ao mercado obrigatoriamente con etiquetas diferenciadoras: Ternera Gallega Suprema-Carne de Rubia Gallega, Vaca Galega-Carne de Rubia Gallega e Boi Galego-Carne de Rubia Gallega.
O convenio ten unha vixencia de 20 anos pero cada 5 farase unha revisión sobre o seu funcionamento e os resultados acadados
O compromiso das dúas entidades, tanto de Acruga como sobre todo do Consello Regulador, será dar a coñecer as citadas marcas no mercado e entre os consumidores, facendo actividades divulgativas e promocionais conxuntas que fomenten a súa demanda e melloren a comercialización, con especial incidencia no caso da carne de Suprema como o “buque insignia do sector”, en palabras de Jesús González.
A entrada en vigor deste convenio de colaboración será o 1 de xaneiro de 2024 e terá unha duración de vinte anos, aínda que cada cinco anos se farán revisións periódicas sobre o seu funcionamento e resultados acadados.
7.000 xatos ao ano comercializados por medio de Acruga
Desde os seus comezos, a marca Ternera Gallega Suprema-Carne de Rubia Gallega experimentou un crecemento progresivo, constatándose o seu incremento practicamente durante todas as anualidades, pasando de 2.368 animais certificados en 2013 a preto dos 7.000 cos que se agarda pechar o presente exercicio.
En 2022 só se marcaron 488 canais de Vaca Galega-Boi Galego
Tamén se pretende consolidar a etiquetaxe da carne procedente de vacas e bois nacidos, engordados e sacrifcados en Galicia, que sexan da raza Rubia Gallega. Polo tanto, vaise tratar de dar máis visibilidade aos marchamos Vaca Galega-Carne de Rubia Gallega e Boi Galego-Carne de Rubia Gallega. No último exercicio a IXP de vacún maior só certificou 488 canais, que sumaron 214 toneladas de carne, destinadas principalmente ao sector da restauración.
Prestixiar a Rubia Galega dentro de Ternera Gallega
Dentro do acordo de colaboración entre Acruga e Ternera Gallega tamén se salienta a colaboración das dúas entidades para fomentar a produción de carne procedente de animais da raza rubia galega, nunha aposta por “defender o patrimonio xenético de Galicia e as nosas razas autóctonas, un dos eixes principais sobre os que xira o prestixio da carne de calidade galega”, afirmou Jesús González.
Mentres, César Dorado agradeceu o “traballo” da IXP “en favor da nosa raza fronte a outras foráneas”, se ben, dado que Ternera Gallega marca tamén animais cruzados doutras razas, como a frisona, a asturiana, a limusín ou a blonde, Dorado precisou que a marca de Acruga contribúe a evitar enganos do consumidor: “Avanzamos hoxe na loita contra o engano de usar a nosa raza para vender outras que nada teñen que ver coa Rubia Galega”, asegurou.
Comprometémonos a dar un paso máis, poñendo no mercado a carne de rubia galega perfectamente identificada (Jesús González)
Para cumprir co convenio asinado, a IXP certificará que a carne procedente de tenreiros nacidos e criados nas explotacións gandeiras rexistradas no Consello Regulador, que superasen todos os controis que establece o Regulamento da Denominación en canto a súa orixe, trazabilidade, manexo, alimentación e benestar animal; mentres que Acruga validará que estean inscritos no Rexistro de Nacementos do Libro Xenealóxico da raza rubia galega que xestiona a entidade e que reúnan as características do estándar racial.
Acruga conta con arredor de 1.400 gandarías activas, que teñen unha media de case 25 animais por explotación. No referido ao censo, na actualidade conta con máis de 32.500 animais inscritos no Libro Xenealóxico da raza, dos cales o 70% corresponde a reprodutores.