Abadín celebra unha nova edición de Expogrelo, unha das feiras por excelencia do inverno

A cita no recinto feiral de Gontán será o sábado 17. O evento de exaltación gastronómica chega este ano á maioría de idade

grelo-abadin2O 17 de febreiro, coincidindo coa feira que se celebra en Gontán o primeiro e terceiro sábado do mes, o concello de Abadín acollerá a XVIII edición de Expogrelo, a coñecida cita de exaltación do grelo, unha das referencias do inverno gastronómico da provincia de Lugo.

Trátase dun evento xa consolidado que chega este ano á maioría de idade. As edicións celebradas até agora serviron para poñer en valor a tradicional fama deste cultivo de horta que atopa cada ano boa saída nos compradores que se achegan a este concello da Terra Chá.

Entre 15 e 20 produtores sumaranse este ano á feira, na que se repartirán tres premios de 50, 30 e 20 euros para as cestas de grelos mellor decoradas. Ademais, é tradicional que todos os participantes reciban un incentivo por participar. Ademais de grelos poderanse mercar outros produtos tradicionais, como os típicos da matanza. 

A feira mostrará de novo a calidade e sabor do grelo que se produce neste municipio a camiño entre a Terra Chá e A Mariña

O programa de actos seguirá a mesma liña que en edicións anteriores e arrincará ás 09:30 horas coa designación dos stands e a numeración das cestas. Ás 10:00 da mañá levarase a cabo a apertura da feira, ás 12:00 horas dará inicio a animación musical e ás 12:30 horas todos os veciños e visitantes presentes poderán degustar este produto da cociña galega na carpa que o Concello instalará no recinto feiral. Trala recepción de autoridades, os actos finalizarán ás dúas da tarde co fallo do xurado e a entrega de premios.

Concello de fonda tradición agrogandeira

O Concello de Abadín decidiu apostar no ano 2006 por celebrar unha feira anual dedicada a este produto como xeito ademais de apoiar aos produtores de grelo que hai no municipio. O grelo galego conta desde o ano 2009 cunha Indicación Xeográfica Protexida (IXP Grelos de Galicia) que busca fomentar a produción e potenciar a comercialización e a distribución deste produto de horta que se dá no inverno e que precisa dunhas condicións de humidade e temperatura axeitadas. 

Abadín celebra unha feira cabalar no mes de setembro e a tradicional Feira de Santos o primeiro sábado de novembro

Esas condicións edafoclimáticas danse en Abadín, con chans produtivos e unha fonda tradición gandeira, centrada na actualidade no vacún de carne e no gando cabalar a medida que se ascende cara os montes da serra do Xistral e cara aos do Fiouco. Ademais de Expogrelo, Abadín mantén outras citas anuais vinculadas ao sector primario, como a Feira de Santos o primeiro sábado de novembro ou a Feira cabalar que se celebrou por primeira vez en setembro do ano pasado organizada polo Concello e as asociacións de cabaleiros do municipio. 

PROGRAMA COMPLETO DE EXPOGRELO 2024

expogrelo-abadin 2024

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información