Aconsellan manter a vixiancia fronte ao mildio na viña e tratar contra o oídio

Publicidade

Gromos partidos por vento AREEIROA Deputación de Pontevedra aconsella a través do boletín fitosanitario de Areeiro desta semana manter un elevado nivel de vixilancia nos viñedos ante o mildio, revisándoos periodicamente para detectar a tempo posibles manchas novas, zonas de avance nas antigas ou tamén danos en acio. A Estación Fitopatolóxica de Areeiro sinala que as previsións meteorolóxicas indican, en principio, tempo seco a curto prazo, con temperaturas máximas e mínimas elevadas, seguidas de precipitacións acompañadas dun descenso das temperaturas.

Malia iso, os prognósticos varían segundo a axencia consultada, e tendo en conta ademais os episodios de choivas da pasada semana e mais a fenoloxía actual das plantas, que se atopan nun momento moi sensible a este patóxeno, estes outros factores tamén inciden na vixilancia extrema que aconsella o persoal da Deputación. Desde o centro sinalan que a maioría das viñas recibiron xa o tratamento preceptivo e atopáronse síntomas novos do patóxeno en novas plantas, mesmo algunhas manchas curadas que na inspección anterior aínda non o estaban. No caso das plantas abandonadas víronse síntomas illados pero non alarmantes, sen que se recollesen moitos esporanxios no captador de esporas do que dispón Areeiro na zona do Salnés.

No caso do oídio, non se observaron síntomas do fungo, polo que tampouco foi preciso realizar tratamentos en ningún predio. De todos os xeitos, o persoal de Areeiro lembra que a viña entra agora nun período de maior sensibilidade, polo que é preciso incrementar a vixilancia especialmente nas plantas peor aireadas ou as de variedades que xa sexan por si mesmas máis sensibles a el. Ademais das temperaturas entre 25º e 30º e a humidade relativa entre o 40% e o 100%, as néboas costeiras que se anuncian nalgunha das previsións meteorolóxicas destes próximos días tamén son propicias para a aparición do oídio.

En canto ao black rot, non se detectaron avances nin na viña do Condado onde apareceron os primeiros síntomas na inspección anterior nin tampouco noutros predios, pero si se atoparon os primeiros en pampo nas plantas abandonadas. Esta semana o persoal de Areeiro aconsella que o tratamento fronte ao oídio (do mesmo xeito que o fixo contra o mildio no aviso fitosanitario da semana pasada) se realice con funxicidas que teñan efecto sobre ambos os dous patóxenos.

Á marxe das viñas, Areeiro tamén aconsella protexer a futura floración dos kiwis fronte ás enfermidades máis habituais deste cultivo. Para iso, o persoal sinala a conveniencia de aplicar un tratamento tras o novo episodio de precipitacións da próxima semana.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información