A Xunta actualiza a listaxe de parroquias nas que é obrigatorio tratar contra a flavescencia dourada

A medida tomouse tras detectar o insecto vector en trampas colocadas en viñedos de Crecente, As Neves, Salvaterra do Miño, Tomiño e Padrenda. En parroquias destes concellos, así como en lugares de Arbo e A Cañiza é obrigatorio tratar as viñas

Publicidade
A Xunta actualiza a listaxe de parroquias nas que é obrigatorio tratar contra a flavescencia dourada

Vides afectadas por flavescencia dourada. // Imaxe de arquivo.

A Consellería do Medio Rural acaba de actualizar a listaxe de parroquias nas que é obrigatorio aplicar tratamentos insecticidas para a loita contra o Scaphoideus titanus, vector da flavescencia dourada da vide. A modificación produciuse despois de que nos últimos días detectaran a presenza deste insecto nas trampas colocadas para o seu seguimento en parroquias dos concellos de Crecente, As Neves, Salvaterra do Miño e Tomiño, en Pontevedra, e Padrenda, en Ourense. Por iso, é obrigatorio aplicar tratamentos en determinadas parroquias destes concellos, así como en lugares de Arbo e na Cañiza.

Dende a consellería tamén recomendan realizar tratamentos insecticidas preventivos nas parcelas de viñedo situadas nas diferentes zonas de demarcación deste organismo nocivo. Esta zona demarcada inclúe parroquias doutros concellos pontevedreses como son o de Arbo, A Cañiza, A Guarda, O Rosal, Salceda de Caselas e Tui. Os tratamentos son de vital importancia para evitar a dispersión do vector.

scaphoideus-titanus

Scaphoideus titanus, vector da flavescencia dourada.

Na páxina web da Consellería pode consultarse a listaxe das materias activas e formulados autorizados para estes tratamentos fitosanitarios, así como as parroquias onde é obrigado o tratamento ou aquelas onde simplemente é recomendado. Os tratamentos químicos deberán repetirse cada 15 días e realizaranse un total de tres tratamentos. Tamén terán que respectarse as indicacións de uso dos produtos que aparecen na súa ficha de rexistro, especialmente aquelas referidas aos intervalos de uso e número máximo de aplicacións. Tamén poden resolver as dúbidas na oficina agraria máis próxima.

Antes de en Galicia, o vector da flavescencia xa fora detectado en Portugal, especialmente en zonas próximas á fronteira. Dada a situación, Portugal declarou unha zona demarcada lindeira con varios concellos fronteirizos de Galicia, polo que foi establecida unha zona tampón de 2,5 km coa fronteira.

Preocupación dende Areeiro polo avance do vector

O último aviso fitosanitario emitido pola Estación Fitopatolóxica do Areeiro, dependente da Deputación de Pontevedra, tamén incide na importancia de aplicar estes tratamentos contra o vector da flavescencia dourada. Nas últimas dúas semanas, dende Areeiro xa detectaran e alertaran sobre a presenza do cicadelio vector da flavescencia. Ademais, nos últimos días tamén localizaron insectos nas trampas na comarca do Rosal e na do Condado. “A enfermidade que pode transmitir este vector é moi grave e na Unión Europea é obrigatorio controlalo”, apuntan dende Areeiro.

Extremar a vixilancia por outros patóxenos na vide

Por outra banda, dende Areeiro tamén inciden na importancia de manter vixiadas as viñas nos próximos días pola previsión de precipitacións e altas temperaturas, que incrementan o risco de patóxenos como o mildio, oídio ou black rot.

Aínda que moitas das cepas que foron tratadas apenas presentan danos por mildio, nos últimos días detectaron algúns predios e certa preocupación entre os viticultores pola aparición de mildio larvado nos acios. Así, aínda que nas variedades máis temperás xa hai os primeiros acios aproximándose ó pintado, estado no que se reduce o risco de danos por mildio, dende Areeiro recomendan facer un seguimento intensivo das viñas, para tratar se se detectan novos síntomas, en especial naquelas viñas que teñan un alto nivel de inóculo.

Acios afectados por mildio larvado. // Imaxe. Estación Fitopatolóxica de Areeiro.

Acios afectados por mildio larvado. // Imaxe. Estación Fitopatolóxica de Areeiro.

Do mesmo xeito, aínda que os danos por oídio e black rot están a ser mínimos, aconsellan manter vixiadas as viñas. Ademais, se é preciso aplicar tratamentos contra o mildio, recomendan aplicar materias activas indicadas tamén para estes dous fungos.

Nas súas revisións en campo, o persoal de Areeiro tamén detectou plantas con síntomas de enfermidades da madeira. “Algunhas delas xa están a sucumbir e por iso é mellor arrincalas e destruílas para evitar a contaminación das demais”, explican. Ademais, tamén detectaron plantas afectadas de golpes de sol debido a unha esfolla excesiva e comeza tamén a ser máis notoria a erinose de verán.

Consulta máis información sobre a flavescencia dourada na web da Consellería de Medio Rural. 

 

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información