A cadea do eucalipto en Galicia ten unha pata coxa. A comunidade corta arredor de 6 millóns de metros cúbicos de eucalipto cada ano, pero só a metade se transforma en Galicia. O resto marcha para Portugal, Asturias e outras partes da Península, así como envíos puntuais para outros países europeos e asiáticos. O sector forestal mira ese movemento de troncos en bruto como unha fuga de valor engadido, de emprego e de innovación industrial.
As perspectivas apuntan, ademais, a un empeoramento do escenario de exportacións de madeira sen transformar, pois as asociacións de propietarios forestais, en base ós datos do Inventario Forestal Continuo de Galicia, consideran que en poucos anos poderase chegar a cortas de 7 – 8 millóns de metros cúbicos ó ano, sen reducir as existencias en monte, é dicir, cortando menos eucalipto do que medra nos montes galegos.
As estimacións calcúlanse en base ás 409.000 hectáreas de eucalipto que hai en Galicia, das que unha parte son plantacións de eucalipto nitens instaladas na última década e que aínda non entraron en quenda de corta.
“É probable que poidamos chegar a cortar ata un 10 – 15% máis de eucalipto sen aumentar superficie da especie e sen reducir o inventario de existencias en monte, só en base á mellora xenética e á silvicultura”, valora Jacobo Feijoo, secretario xeral de Asefoga, un colectivo de propietarios ligado a Unións Agrarias.
“Poderemos cortar un 15% máis de eucalipto sen aumentar superficies e sen reducir o inventario en monte, en base a silvicultura e mellora xenética” (Jacobo Feijoo, Asefoga)
De similar opinión é o director da Asociación Forestal de Galicia, Francisco Dans, que calcula que as cortas potenciais de eucalipto en Galicia nun escenario a medio prazo sitúanse nos 8 millóns de metros cúbicos, unha cifra que Jacobo Feijoo tamén ve viable.
Un dos responsables do Inventario Forestal Continuo de Galicia, Juan Picos, director da Escola de Enxeñería Forestal de Pontevedra, prefire esperar polos datos científicos. “No 2023 presentamos o cálculo de superficies das distintas especies e agora estamos traballando en calcular as existencias en monte e os crecementos de cada unha. Cando teñamos eses datos, saberemos canto máis poden medrar as cortas de eucalipto e onde. O que si se pode dicir é que o normal é que as cortas vaian a máis, tendo en conta sobre todo as plantacións de eucalipto nitens que aínda non entraron na primeira quenda de corta”, valora Picos.
Como se transforma o eucalipto galego na actualidade?
O panorama actual é que menos da metade do eucalipto cortado en Galicia se procesa na comunidade. Ence Pontevedra transforma en pasta de papel 1,5 millóns de metros cúbicos, outros 600.000 son procesados pola industria da madeira e uns 500.000 de restos de corta empréganse para queimar, como leña e biomasa, incluída a empacada para a planta de Greenalia.
O resto vai principalmente para Portugal (Navigator, Altri, DS Smith) e outras partes da Península (País Vasco, Zaragoza).
Destinos do eucalipto galego | |
---|---|
Galicia | |
Aserrado (incluíndo bateas e postes) | 200.000 metros cúbicos |
Taboleiros (TP, MDF, HDF, contrachapado) | 400.000 metros cúbicos |
Pasta de papel | 1.500.000 metros cúbicos |
Biomasa (incluídas as pacas) e leñas | 500.000 metros cúbicos |
Total | 2.600.000 |
Exportación fóra de Galicia | |
Asturias e Norte | 950.000 metros cúbicos |
Portugal | 1.500.000 metros cúbicos |
Outros destinos | 750.000 metros cúbicos |
Total | 3.200.000 |
Destinos Galicia + exportación | 5.800.000 |
Datos elaborados pola Escola de Enxeñería Forestal de Pontevedra (UVigo).
Cal é o escenario de futuro?
Os principais destinos de proximidade, incluíndo Ence Navia (Asturias), suman un consumo de eucalipto galego de arredor de 3,5 millóns de metros cúbicos. Se hai consenso en que as cortas potenciais en Galicia rondan os 7 – 8 millóns de metros cúbicos anuais, o escenario é claro.
Ou se aumenta a capacidade industrial de transformación en Galicia ou aumentarán as exportacións de madeira en bruto ó resto da Península e a nivel internacional.
A posibilidade de aumentar exportacións de madeira en bruto disgusta no sector, pois loxicamente o aumento dos custos de transporte repercute en maiores limitacións para os prezos da madeira en monte. A iso hai que sumarlle a perda de valor engadido, xeración de emprego e innovación, no contexto da economía verde.
É a planta de Altri a mellor opción para aumentar a transformación?
A planta proxectada por Altri en Palas permitiría aumentar de inicio a demanda do eucalipto galego en 1,2 millóns de toneladas ó ano, con perspectivas de chegar a 2,4 millóns de toneladas. É unha demanda que encaixa coas perspectivas de aumento da oferta de eucalipto en Galicia e que contribuiría a aumentar a competencia polo recurso.
O proxecto de Altri completa a demanda para o eucalipto galego, pero enfróntase a oposición social e a dúbidas ambientais
Esa é a parte positiva do proxecto. O seu talón de Aquiles sitúase nas incertidumes ambientais, sobre todo en relación ó impacto na conca do río Ulla, o que xerou unha gran oposición social ó proxecto. Na parte institucional, a Xunta apóiao en firme, a falta de completar a tramitación ambiental.
Entre os propietarios forestais, unha recente enquisa da Asociación Forestal de Galicia apunta a que unha maioría está a favor dunha nova planta que aumente a transformación do eucalipto na comunidade, se ben tamén hai unha maioría que opina que o emprazamento de Palas de Rei (Lugo) decidido por Altri é errado.
No agro, unha maioría de colectivos pronunciouse en contra, caso de Unións Agrarias, Sindicato Labrego, Fruga ou Sociedade Galega de Pastos; en tanto Asaga está a favor e Agromuralla pide un proxecto que garantice a ausencia de impactos para as explotacións agrogandeiras da contorna.
“Galicia ten que ser competitiva en innovación, non en volumes de celulosa”
O mercado internacional de celulosa está a presentar fortes crecementos da capacidade instalada, sobre todo coa posta en marcha de novas factorías en Sudameríca. É un crecemento a nivel industrial e tamén a nivel forestal, coa expansión das superficies de eucalipto no continente americano, un escenario que xera incertidume entre o sector forestal galego.
Existe preocupación, tanto pola chegada puntual de barcos de eucalipto a Ence Pontevedra e a Ence Navia, neste caso con procedencia principal de Huelva, como polo aumento da oferta mundial de celulosa. Ata que punto pode afectar ese escenario internacional a Galicia?
Ence descarta que lle afecte a competencia das plantas de celulosa de Suramérica, orientadas ó mercado asiático
Consultada sobre o aumento da oferta internacional de celulosa, Ence descarta que teña ningún impacto na súa actividade. “A celulosa de Ence véndese maioritariamente en Europa, mercado no que se concentran case todos os clientes da compañía. Trátase dun mercado en crecemento, principalmente debido ao proceso de substitución dos materiais de orixe fósil (como os plásticos) por outros máis sostibles, como a celulosa (material renovable e reciclable), que é unha demanda do consumidor europeo. Pola contra, a pasta de papel producida en Sudamérica ten por destino principal o mercado asiático”, valoran.
Ence sinala que en Asia tamén se rexistra unha demanda crecente de celulosa, “pero debido, neste caso, ao crecemento da poboación e ao aumento do seu nivel de vida, que comporta un consumo máis elevado de produtos hixiénicos”, destacan.
Innovación
O director da Escola de Enxeñería Forestal de Pontevedra, Juan Picos, considera que Galicia non ten que pensar en competir no mercado de ‘commodities’ internacionais. “A nosa fortaleza non está no prezo nin nos volumes, pois son aspectos nos que non poderiamos competir. O noso reto é a calidade e a homoxeneidade do produto, con especializacións en produtos nicho”, valora.
“A nosa fortaleza está na calidade e en especializarnos en produtos nicho” (Juan Picos, UVigo)
“En Sudamérica poden ter economías de escala, custes laborais reducidos e non teñen problemas de recursos ou tecnoloxía. Por tanto, o futuro noso pasa pola especialización e pola diversificación. Nesta última liña habería que entender, por exemplo, os esforzos das compañías pasteiras por incorporarse á produción de enerxía, como unha fonte de ingresos complementaria”, abunda Picos.
De similar opinión é Jacobo Feijoo, o secretario xeral de Asefoga: “En Europa temos que ser líderes en eficiencia e calidade de produto, en innovación do proceso produtivo, en definitiva. Non podemos ser competitivos en volume, temos que ser competitivos mediante a innovación”, defende.
“O que teño claro -subliña Jacobo Feijoo- é que a demanda de produtos derivados de madeira e de celulosa continuará a medrar, en substitución de materiais fósiles, con maior pegada de carbono. A innovación técnica, con novos usos e aplicacións, é o que nos aportará maior valor engadido”, conclúe.
“A demanda de madeira e celulosa seguirá en ascenso, pola necesidade de substituír produtos con maior pegada de carbono. A innovación técnica en usos e aplicacións é o camiño” (Jacobo Feijoo, Asefoga)
Segunda transformación e biorrefinería
Na cadea da celulosa, a innovación sitúase principalmente na segunda transformación, coa elaboración de produtos finais, unha liña na que Galicia é residual, pois en Ence Pontevedra só se fai a primeira transformación do produto.
O proxecto de Altri, en Palas de Rei, concebíase como unha oportunidade para avanzar nesa liña, se ben as intencións finais de Altri causaron decepción en parte do sector. Jacobo Feijoo apunta que o 70% da produción da planta vai ser celulosa, sen segunda transformación, e só un 30% será fibra téxtil.
Feijoo cuestiona tamén a ausencia dunha biorrefinería no proxecto, que contribúa a extraer valor das ligninas da madeira, de xeito que deixen de ser un residuo do proceso.
Barcos de madeira
Sobre a entrada puntual de barcos de madeira de Suramérica en Galicia, algo que tamén sucede nas plantas portuguesas, hai consenso no sector forestal de Galicia en consideralo algo anecdótico. “É unha cuestión que responde a necesidades puntuais, pero para Ence non é competitivo un suministro trasatlántico prolongado”, valora Jacobo Feijoo.
“Que entre algún barco de xeito puntual non quere dicir que exista un fluxo estable de madeira de Sudamérica a Galicia” -coincide Picos-. “Un gran non fai graneiro. Ence non sería competitiva a partir de madeira de fóra”, pecha.
Escenario da celulosa a nivel internacional: megaproxectos en Brasil, Uruguai e Chile