Proxecto PLASMOWINE: Unha nova ferramenta para combater o efecto do cambio climático no mildiu da vide

Publicidade
Proxecto PLASMOWINE: Unha nova ferramenta para combater o efecto do cambio climático no mildiu da vide

O cultivo da vide dáse de forma tradicional en rexións con temperaturas medias anuais de entre 10 e 20°C, con características climáticas que permiten a produción óptima deste cultivo e a obtención de viños de gran calidade. En Galicia existen diferentes zonas con condicións apropiadas para a produción dunha gran variedade de uvas: Albariño, Caíño, Espadeiro, Godello, Loureira, Mencía ou Treixadura son as variedades tradicionalmente cultivadas na nosa comunidade, que conta na actualidade cunha extensión de viñas de máis de 30.000 hectáreas (MAPA, 2023).

A adaptación das diferentes variedades a cada unha das zonas de cultivo depende das condicións e características climáticas de cada zona, e a variabilidade climática existente entre as diferentes tempadas de cultivo e colleita garanten unha diferenciación entre as campañas dentro das mesmas viñas. Deste xeito, os viticultores fóronse adaptando de forma gradual ás condicións ambientais locais de cada rexión e ás súas variacións para optimizar a produción.

Dada a gran sensibilidade que presenta a vide ante o clima, as variacións producidas nos últimos anos por mor do cambio climático están a provocar modificacións no desenvolvemento dos ciclos produtivos destas plantas. Segundo os modelos de predición climática existentes, as principais alteracións esperadas nos próximos anos son o aumento das temperaturas tanto medias como máximas e mínimas, as variacións nos réximes pluviométricos e a intensificación dos eventos extremos. Por ser a vide un cultivo interdependiente de forma anual, no que as condicións dun ciclo de cultivo inflúen nas características do ciclo seguinte, estas alteracións teñen máis incidencia cada ano.

Nos últimos anos desenvolvéronse numerosos estudos para analizar os efectos que as condicións climáticas cambiantes están a ter sobre os cultivos de vide, incluíndo variacións nas secuencias de pragas e enfermidades. A nivel español, de forma xeral está a observarse un descenso na superficie vitícola, un aumento na demanda de regadío e unha redución na esperanza de vida da planta dun 30%.

Seguindo as previsións de clima futuro en diferentes escenarios climáticos (Gaitán, E. 2022), as temperaturas irán ascendendo de forma progresiva nas próximas décadas, con maior intensidade nos meses de verán, e as choivas caerán en igual volume, pero en períodos temporais máis curtos, incrementándose as choivas de tipo torrencial. Isto vai unido a unha tendencia para sufrir períodos de seca severos ou extremos, cada vez máis extensos e intensos.

Neste contexto, a xestión de pragas e enfermidades da vide é cada vez máis complexa para os viticultores, dado que os momentos de risco de enfermidade adiantáronse no tempo, presentando unha afectación maior na planta durante un período máis longo, o que obriga a buscar os momentos nos que sexa máis efectivo aplicar os tratamentos fitosanitarios para evitar un malgasto no uso destes insumos, evitando así un consecuente impacto ambiental negativo e un incremento no gasto económico asociado.

No caso concreto do mildiu, enfermidade fúnxica que na actualidade representa un problema endémico na metade norte de España, a deriva nas condicións climáticas está a provocar un adianto no desenvolvemento da enfermidade e na súa durabilidade. Durante o pasado outono-inverno houbo en Galicia temperaturas cálidas e tempo húmido, xunto á pouca incidencia de xeadas, condicións óptimas para o desenvolvemento das esporas do mildiu. Como consecuencia, un sistema de captación de esporas instalado nunha das parcelas experimentais da Estación Fitopatolóxica do Areeiro recolleu esporas de mildiu o 21 de febreiro de 2024, dando o primeiro aviso fitopatolóxico da tempada cun mes de antelación con respecto ao habitual.

Pode observarse, por tanto, a necesidade de dispoñer de información de calidade, tanto climatolóxica como ambiental, que permita levar a cabo a toma de decisións en canto á aplicación dos tratamentos fitosanitarios contra o mildiu da vide. Neste contexto traballa o Grupo Operativo PLASMOWINE, co obxectivo de desenvolver un sistema de axuda á toma de decisións que permita determinar o momento óptimo de aplicación de tratamentos fitosanitarios contra o mildiu. Deste xeito preténdese mellorar a xestión desta enfermidade nas viñas galegas, promovendo unha viticultura de calidade, rendible, sostible e respectuosa co medio ambiente.

O sistema proposto no proxecto PLASMOWINE está a traballar en indicar o momento óptimo de aplicación tanto do primeiro tratamento contra o mildiu como das súas renovacións, tendo en conta o risco de enfermidade e a eficacia e duración real da protección dos funxicidas empregados habitualmente contra este patóxeno.

Para a aplicación do primeiro tratamento é necesario coñecer o período de maduración da oospora, o estado fenolóxico do viñedo e as condicións meteorolóxicas. As renovacións, pola súa banda, dependen da avaliación do risco de enfermidade, a fenoloxía e a modelización da eficacia e o período de cobertura real dos funxicidas. Desta forma, o proxecto leva desde a súa aprobación no ano 2022 analizando as variables bioclimáticas e biolóxicas e realizando o cálculo de esporas do mildiu presentes no ambiente nos días posteriores aos tratamentos. Con estes datos, xunto aos parámetros meteorolóxicos, agronómicos e as observacións do estado dos cultivos, están a desenvolverse modelos matemáticos que permiten indicar o momento óptimo da aplicación dos tratamentos no viñedo. A continuación, móstrase unha gráfica para a parcela experimental situada na DO Ribeiro que recolle os riscos de infección de mildiu, os datos do reconto de esporas, a choiva caída e o acumulado de horas de humidade foliar ao comezo da campaña 2022, en concreto no intervalo de estados fenolóxicos C-E, comprendido entre o 5 de abril e o 1 de maio.

Estatística feuga

Ilustración 1. Riscos de infección de mildiu en parcela experimental de DO Ribeiro. Elaboración propia

O modelo de risco baseado en condicións meteorolóxicas indica a primeira infección de mildiu da campaña o día 9 de abril, coincidindo co primeiro pico de esporas. O estado fenolóxico predominante na parcela é brotación (C), polo que non se aplica un tratamento fitosanitario xa que non se considera que nese estado fenolóxico haxa risco de implantación da enfermidade. O día 12 de abril indícase unha nova infección de mildiu e ao día seguinte rexístrase o pico de esporas máis elevado do período, cun total de 129 esporas. O estado fenolóxico segue sendo C, polo que tampouco se aplica un tratamento fitosanitario. O día 21 decídese aplicar un tratamento fitosanitario (TF1) xa que o modelo de risco de mildiu predicir risco de infección para o día 22 de abril. Ese día a parcela está maioritariamente en estado D (follas incipientes), aínda que xa hai plantas en estado E (follas estendidas). A efectividade deste tratamento reflíctese no reconto de esporas nos seguintes días, que se mantén en valores inferiores a 20.

En resumo, a estratexia de optimización do control químico que se está desenvolvendo no marco do proxecto PLASMOWINE busca reducir os custos de explotación, o risco de resistencia polo patóxeno e a pegada de carbono, mellorando a protección ao medio ambiente e a saúde humana e aumentando a calidade do viño.

O grupo operativo PLASMOWINE está formado por un equipo multidisciplinar no que participan especialistas en Viticultura, Botánica, Fitopatoloxía, Aerobioloxía, modelización estatística e tecnoloxías aplicadas ao sector primario. Os compoñentes do grupo operativo son Monet Tecnoloxía e Innovación, empresa representante, a Estación Fitopatolóxica Areeiro da Deputación de Pontevedra, o Grupo de Aerobioloxía da Universidade de Vigo e a Fundación Empresa Universidad Gallega (FEUGA).

Presupuesto total del proyecto: 179.999,99 € Subvención: 179.999,99 €

Este proyecto está financiado por las ayudas para la ejecución de proyectos de los grupos operativos de la Asociación Europea de la Innovación (AEI), cofinanciadas en un 75% por el Fondo Europeo Agrícola de Desarrollo Rural (FEADER) en el marco del Programa de Desarrollo Rural (PDR) de Galicia 2014-2020, con fondos propios de la Xunta de Galicia en un 22,5% y con fondos del Ministerio de Agricultura, Pesca y Alimentación en un 2,5%. La Consellería do Medio Rural es el órgano de la Administración Galega al que corresponde proponer y ejecutar las directrices generales en el ámbito rural, y engloba las competencias en materia de agricultura, ganadería, desarrollo rural y ordenación comarcal, estructuras rurales, industrias agroalimentarias y forestales, montes, prevención y defensa de los incendios forestales.

plasmowine

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información