“Cando un sector vai mal, as solucións individuais non existen, deben ser colectivas”

Entrevistamos a Isabel Vilalba, que continúa ó fronte do Sindicato Labrego como secretaria xeral tras ser elixida no IX Congreso da organización, celebrado recentemente en Lugo

“Cando un sector vai mal, as solucións individuais non existen, deben ser colectivas”

Isabel Vilalba, no IX Congreso do Sindicato Labrego.

O IX Congreso do Sindicato Labrego vén de elixir como secretaria xeral a Isabel Vilalba, que leva no cargo desde o 2012. Vilalba compatibiliza o traballo ó fronte do Sindicato cunha explotación de leite e de fabas en Lourenzá (Lugo) e coa atención os seus fillos, unha nena de 10 anos e un neno de 12.

Neta de labregos e filla de emigrantes, Isabel Vilalba dise orgullosa do seu traballo, que enfoca en conseguir que a xente do agro poida “vivir dignamente na nosa terra”. “Defender o que defendo é moi gratificante, pero tamén é unha angustia ver o mundo de dificultades que enfronta moita xente, tanto persoas novas que inician proxectos como persoas maiores que xa só están á espera da xubilación. Son moitas horas de traballo para logo dese esforzo non ter un medio de vida”.

Fálanos das liñas estratéxicas de traballo que vedes para o rural. O lema do voso Congreso apuntaba a prezos, terra e soberanía alimentaria.
– A produción de alimentos no rural galego tense que ver como unha cuestión fundamental. Necesitamos políticas que teñan a mirada no medio prazo co obxectivo de manter poboación no rural cunha actividade agraria e gandeira que lle sirva de modo de vida.

“O reto en Galicia é que deixemos de ser abastecedores de materia prima barata. Por ese camiño, a produción láctea é inviable”

A primeira cuestión é ter un coñecemento de onde nos queremos dirixir. É frustrante ver que temos unha Administración baleira sen un programa de actuación claro. Non hai liñas de traballo claras nin equipos que estuden os potenciais e retos que temos diante. Tampouco axuda o desmantelamento que houbo de centros de investigación, coma Mabegondo, que poderían ser un apoio para definir modelos de futuro que aproveiten o potencial agrario e gandeiro de Galicia.

O reto en Galicia é que deixemos de ser abastecedores de materia prima barata. Durante moitos anos estivo fomentándose a produción láctea orientada a leite líquido. Que agora se lle estea a pagar ás granxas en base ós prezos internacionais do leite en po e da manteiga non fai máis que agravar as dificultades. Por ese camiño, é inviable a produción láctea en Galicia e en España.

Dicía estes días o director xeral de Mercados do Ministerio, Fernando Miranda, que en España desaparecerían unhas 5.000 explotacións máis, ata quedar 10.000-12.000 en todo o Estado; o que nos equipararía con países como Gran Bretaña, que con 10.000 granxas -di Miranda- producen o dobre de leite que España.
– Esa é unha mostra de como unha persoa que tiña que ter un criterio de interese social só se preocupa do criterio macroeconómico da cantidade de leite que se produce en España. Para nós non é o mesmo ter 5.000 granxas menos porque son 5.000 proxectos de vida menos ligados á produción no rural, co impacto que iso ten no tecido económico e de servizos do rural. En Galicia temos 1.500 aldeas abandonadas e outras 1.900 con 1 ou 2 habitantes.

O noso futuro dependerá de que sexamos capaces de ofrecer produtos de calidade, cunha produción en base a forraxes propias

Miranda argumenta que a dimensión das granxas é un factor para gañar competitividade.
– É cuestionable que as grandes granxas, mercando insumos, soporten os baixos prezos internacionais do leite. Tamén debemos ter claro que competitiva a nivel de Nova Zelanda non vai ser ningunha granxa europea. O leite en pó págase a 18 céntimos no campo, que é algo inasumible para nós.

A maioría da nosa produción enfócase ó mercado interior, así que o noso futuro dependerá da medida en que sexamos capaces de ofrecerlle a ese mercado produtos de calidade, apoiándonos en proxectos de transformación que valoricen o leite e con granxas que operen en base á produción de forraxes propias. Outra cuestión clave é manter o emprego, o uso do territorio e toda a actividade que hai arredor do sector gandeiro, que é básico para o futuro das zonas rurais.

No Sindicato Labrego seguides a apostar pola idea da soberanía alimentaria. Desde o sector cuestiónase en ocasións esa idea, tendo en conta a globalización dos mercados, que boa parte do leite galego vai para fóra e que Galicia mantén unha seguridade alimentaria correcta.
– A idea da soberanía alimentaria non se trata de levantar fronteiras, senón de procurar o obxectivo dun abastecemento en base a alimentos próximos. A seguridade alimentaria en Galicia tamén é relativa. De onde veñen as froitas ou as hortalizas? Temos un déficit na balanza comercial de alimentos de 900 millóns de euros.

“Coa idea de soberanía alimentaria, non buscamos crear fronteiras, pero non ten sentido que nos entren patacas de Exipto e carne de USA”

Non estamos en contra do intercambio comercial, pero non ten sentido que as patacas veñan de Exipto ou que nos poida entrar carne de Estados Unidos. Hai unha cantidade de alimentos agrícolas e gandeiros dos que hoxe somos importadores importantes e que poderiamos producir nós. Temos moitas posibilidades de xerar emprego no rural galego. O obxectivo debe ser o de diversificar a nosa produción máis alá do lácteo.

O sindicalismo agrario atravesa unha mala etapa. Parte dos gandeiros consideran que non os defendedes de xeito correcto ou que vos movedes por intereses políticos. Como ves a situación do sindicalismo e como cres que podedes recuperar credibilidade?
– Nos últimos anos houbo un desprestixio social de todo o que son partidos políticos e sindicatos. Esa situación é un reto para a organización. De que maneira as nosas bases poden considerar que teñen en nós unha ferramenta boa para organizarse colectivamente e defender os seus intereses.

“Nós apostamos por un modelo social, pero entendo que haxa persoas que se sintan mellor representandas nun modelo patronal”

Eu son das que pensa que as saídas individuais non existen. Cando un sector vai mal ou funciona con criterios pouco axeitados, non pode haber moita xente que individualmente se salve. Doutra parte, dáme a sensación de que tivemos unha desconexión grande, quizais por unha mala comunicación, e a xente creeu máis en fórmulas novas, tipo organización de empresarios.

É razonable que parte desa xente non se sinta identificada co Sindicato Labrego, xa que nós imos máis alá da defensa duns poucos empresarios. Defendemos un modo de vida, a produción de alimentos, o mantemento do rural, o uso do territorio; en definitiva, temos un modelo máis social, pero iso non quita que sexa lexítimo que haxa persoas que se sintan mellor nun modelo máis patronal.

O sector lácteo comeza este xoves en Santiago unha nova fase de protestas en conxunto, pero a pesar das dificultades que atravesan as granxas, non se espera unha gran mobilización. A que atribúes esa desconexión dos produtores?
– Hai que lembrar que as mobilizacións do ano pasado foron históricas, tanto nas diversas comarcas como en Santiago e en Lugo. O que sucede é que para o sector foi moi frustrante que despois de toda a implicación e todo o respaldo social, esa loita non se traducise nunhas medidas e solucións válidas.Vendeuse unha saída en falso e hoxe vemos o resultado.

“Para o sector foi moi frustrante ver como despois de toda a implicación nas mobilizacións se nos vendeu unha saída en falso”

Por outra parte, desde a Administración case se intentou culpabilizar ó sector dos problemas, como se cooperativas, sindicatos ou organizacións de produtores fosen responsables de que a industria non se quixese sentar a negociar. Tampouco os sindicatos somos responsables de que non haxa ningunha industria galega con peso no mercado. Que fixo a Xunta ó respecto durante todos estes anos? Vender Leyma e impulsar o proxecto fallido de Alimentos Lácteos.

Que balance fas do traballo no marco da Plataforma en Defensa do Sector Lácteo, na que estades a maioría das organizacións agrarias e as cooperativas?
– Vexo ó sector moi dividido. Non é malo que haxa diversidade de colectivos, pero falta confianza na forza da nosa unión. Segue habendo desconfianzas entre persoas dun proxecto e doutro. Está claro que somos organizacións diferentes, pero cando nos sentamos nunha mesa todos estamos de acordo nuns puntos comúns, a necesidade de prezos dignos e de garantías de recollida de todo o leite.

“O sector está dividido, segue habendo desconfianzas entre persoas dun proxecto e doutro, cando todos defendemos uns puntos básicos en común”

Cunha gran forza e unidos de verdade, si podería haber solucións, pero hai xente que fai bandeira da unión e logo non se ve esa unión real. De tódolos xeitos, no pasado tamén houbo intres difíciles nos que foi complicado que nos entendésemos e despois producíronse situacións que forzaron ese entendemento.

Todas as organizacións agrarias pasastes nos últimos anos por reduccións de persoal e problemas económicos a raíz da crise. Cal é a situación actual do Sindicato Labrego?
– Temos menos medios económicos que hai 4 ou 5 anos, polo que tivemos que adaptar os gastos cos ingresos, pero a pesar da situación, conseguimos manter a atención en moitas comarcas. A maioría do noso gasto adícase a persoal para dar servizos técnicos. Tamén hai que valorar que a nova Dirección Nacional do Sindicato ten xente nova e activa que reforzará o traballo do noso persoal. Crearemos grupos de traballo por comarcas nos que os afiliados terán un papel protagonista.

“Temos adaptados gastos con ingresos, pero cóstanos poñernos ó día de perdas de exercicios anteriores”

Hoxe en día temos adaptados os gastos cos ingresos, pero cóstanos poñernos ó día de perdas de exercicios anteriores. Por poñer un exemplo, houbo un programa de asesoramento a explotacións que executamos no 2014 e ó final do ano, co gasto feito e o persoal contratado todo o ano, a Xunta non pagou esas axudas.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información