Guerra de prezos do leite entre Lence, Reny Picot e Celta

As tres empresas están a facer estes días ofertas para captar novos clientes ofrecendo aos gandeiros contratos de tres meses cun prezo base de 47 e 48 euros. O prezo final nalgunhas explotacións galegas aproxímase xa aos 50 céntimos

CASTEDO SC (LUGO) Leite Río1O leite segue a revalorizarse de xeito importante no campo ao tempo que se mantén a tendencia alcista dos produtos industriais nos mercados internacionais e que o brick de leite ao consumidor segue a subir nos supermercados empurrado pola alta inflacción.

Esta situación estáse a trasladar ás ofertas de compra en orixe que están a facer as distintas empresas en Galicia. A maioría dos gandeiros renovaron os seus contratos no mes de abril, pero algúns rematan contrato neste mes de xuño e están a recibir estes días ofertas con prezos base de entre 47 e 48 céntimos nunha especie de subasta entre industrias por captar máis leite que coloca aos gandeiros nunha posición de forza á hora de negociar que poucas veces se viviu no sector. 

Continúa a demanda de leite e a pugna entre empresas que xa se viviu en marzo por roubarse provedores

É o caso dos contratos que están a ofrecer nalgúns casos Leite Río, Reny Picot e Leche Celta, involucradas neste momento nunha guerra de prezos por facerse con novos provedores. Esta pelexa está a xerar prezos diferentes entre gandeiros que entregan á mesma empesa, con diferenzas mesmo de até 5 céntimos con respecto ao que están a cobrar os produtores que asinaron contrato no mes de abril. 

Inleit tivo que respostar a ofertas doutras empresas para reter a algúns dos seus ganderios

A demanda actual de leite levou tamén a que algunhas empresas, caso de Entrepinares, decidiran actualizar motu proprio e ata en dúas ocasións os contratos asinados este ano coa intención de reter aos seus proveedores. Inleit, por exemplo, tivo que respostar a ofertas doutras empresas para reter a algúns dos seus gandeiros, que tiñan ofertas superiores doutras industrias. Noutros casos a renovación tocaría no mes de agosto e neste momento estanse a producir xa movementos iniciais previos que apuntan a unha suba no prezo base por enriba dos 45 céntimos. 

Volatilidade

Pero a alta volatilidade actual do mercado de produtos lácteos está a facer tamén que os prazos dos contratos se acurten, con novas ofertas de só tres meses de duración, á espera dunha posible corrección nas cotizacións no mes de setembro. Ante o temor a unha caída brusca, as empresas están a pechar compras a curto prazo con prezos elevados, o que está a provocar cambios momentáneos de compañía nalgunhas ganderías e que a disparidade de prezos se incremente en función do momento de sinatura do contrato.  

Os prezos dos produtos industriais seguen altos nos mercados internacionais

Malia a demanda de leite existente, algunhas empresas, caso de Nestlé, seguen a manter nos seus contratos cláusulas de penalización por sobrepasar o tope de entregas fixado, mentres noutros casos, como Entrepinares, permítese aos gandeiros que incrementen a súa produción, que é absorbida polo aumento do volume de leite transformado que está a experimentar a planta de Vilalba. 

A Xunta recomenda contratos de longa duración

A suba que se está a producir nos prezos en orixe está logrando compensar o encarecemento nos custos de produción das granxas, con subas notables este ano nos prezos dos insumos para alimentación do gando, na produción de forraxes e no custo enerxético. 

A suba do prezo do leite está a servir para compensar o encarecemento de pensos, fertilizantes, gasóleo e electricidade

Tanto, que desde a Xunta recomendan aos gandeiros pechar contratos a longo prazo. O propio conselleiro do Medio Rural, José González, manifestábase a favor de tratar de consolidar o prezo actual do leite a través de contratos de maior duración. “Chegou o momento de ir a contratos de máis dun ano, contratos de catro ou 5 anos de duración”, recomendou aos gandeiros presentes nas últimas xornadas organizadas por Africor Lugo a mediados deste mes de xuño. 

Chegou o momento de consolidar a suba no prezo do leite con contratos de catro ou cinco (José González, conselleiro do Medio Rural)

Pero tanto as industrias como os propios gandeiros son reticentes neste momento a asinar contratos de longa duración, no primeiro caso ante o temor a unha depreciación nas cotizacións dos produtos industriais e no segundo por medo a que os custos de produción se sigan incrementando exponencialmente cara a final de ano ao sumarse factores como a guerra de Ucraína e a mala colleita en Castela.

Pouca diferenza co prezo do leite ecolóxico

AMEIXEIRAS (Cesuras) pastoreoA suba que está a experimentar o prezo do leite en orixe nas granxas convencionais está a aproximalo ao prezo do leite ecolóxico, unha tendencia que tamén se está a dar noutros países europeos. En Francia, por exemplo, o prezo do leite convencional está neste momento por enriba do prezo do leite ecolóxico, debido a un incremento no número de granxas que fixeron a conversión nos últimos anos e a un estancamento no consumo. 

En Galicia non chega a eses niveis, pero a diferenza de prezo habitual hai uns anos, duns 10 céntimos, reduciuse neste momento a un par de céntimos como moito. De feito, en función das calidades e de outras primas como as de benestar animal ou medioambiente, hai granxas convencionais en Galicia que están a recibir neste momento un prezo final que se aproxima aos 50 céntimos, unha cifra na que se moven hoxe en día tamén as granxas ecolóxicas que entregan tanto a Lactalis como a Celta. 

Tanto Lactalis como Celta están a renovar os contratos coas súas ganderías a un prezo base por enriba de 50 céntimos

As ganderías que entregan a súa produción de leite ecolóxico a Lactalis e finalizaban o seu contrato o 1 de agosto renovaron por adiantado con data 1 de maio e ata o 30 de abril do 2023 a un prezo base de 48,5 céntimos (3,7% de graxa e 3,15% de proteína), máis unha prima por volume de 1,5 céntimos e 0,6 por benestar animal, o que sitúa o prezo final por enriba dos 50 céntimos. 

No caso de Leche Celta, para os contratos que rematan neste mes de xuño, a oferta que a empresa achegou hai 15 días ás granxas mantén o prezo base en 0,51 céntimos máis calidades (0,3 céntimos a décima a partir de 3,70% de graxa e 3,10% de proteína). 

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información