O 8 de marzo, Día Internacional das Mulleres, serve todos os anos para visibilizar a contribución feminina nos distintos eidos da sociedade. Nas explotacións leiteiras, e no rural galego en xeral, as mulleres sempre xogaron un papel fundamental pero non sempre recoñecido.
O Grupo Lence organiza desde fai tres anos, baixo o lema Gandeiras con Actitude Río, xuntanzas nas que participan mulleres que forman parte das súas explotacións provedoras. Pretenden fomentar a relación entre elas e contribuír a que adquiran ferramentas de liderado e autoestima para que pouco a pouco poidan ir gañando peso na toma de decisións nas súas ganderías.
Leite Río inicia esta semana, con motivo do 8-M, unha campaña publicitaria nas principais cadeas de televisión onde as gandeiras son as protagonistas
“Está moi ben estar con xente que comparte as mesmas vivencias ca ti e que está pasando polo mesmo. Cada unha temos a nosa situación persoal, pero deste xeito sentímonos máis apoiadas e arroupadas”, aseguran algunhas das participantes.
Aproveitamos a última destas xornadas, que tivo lugar este martes en Lugo, para falar con tres destas mulleres, que representan nalgúns casos un cambio xeracional e de mentalidade no sector.
“Eu véxolle ao sector moito futuro”
Leticia Míguez ten 23 anos e acaba de incorporarse á gandería familiar, Gandería Míguez, ubicada en Valadares, na parroquia de Meavía, pertencente ao concello pontevedrés de Forcarei.
É unha explotación familiar con relevo que está a medrar. O seu pai, José, marchou traballar fóra moi novo pero sempre tivo a ilusión de volver. “Cando volveu o meu avó tiña 7 vacas e hoxe estamos en camiño das 300 cabezas”, conta Leticia.
A gandería aténdena os seus pais, ela e os seus dous irmáns, e contan neste momento con dous empregados. O seu pai está ás portas da xubilación (ten 65 anos) e tiveron unha oferta para mercarlles a granxa, pero Leticia non quixo. Esa decisión levouna a tomar as rendas da explotación. “Eu véxolle futuro ao sector”, di.
Tivemos unha oferta de compra, pero fun eu a que non quixo vender
Malia a súa idade, fala coa naturalidade de quen sempre estivo aí, coa mesma coa que decidiu dar continuidade á gandería familiar. “A fin de contas sempre estiven involucrada na granxa, aínda que agora se oficializara”, evidencia.
Seguir medrando e modernizando as instalacións
Entre Leticia e o seu pai hai 42 anos de diferenza e un gran salto xeracional que ela percibe. “Parecémonos moito, pero ao mesmo tempo temos visións xa moi diferentes. A súa é unha visión máis conservadora en relación aos avances que están vindo. Eu tamén procuro ser cauta, porque ás veces non se sabe moi ben que é o que vén”, matiza.
Son neste momento a maior explotación leiteira do concello de Forcarei pero queren seguir medrando “con calma e con cabeza”
Están muxindo a día de hoxe 128 vacas e son xa a maior gandería de leite do concello de Forcarei pero tanto Leticia como os seus irmáns queren seguir medrando. “Queremos seguir aumentando ás vacas, non nos marcamos límites, pero queremos medrar con calma e con cabeza”, asegura.
Ao mesmo tempo que aumentan o seu tamaño para gañar volume, están tratando tamén de modernizar a explotación. Leticia estudou enxeñería mecánica e trata de aplicar a súa formación á gandería. “Pedimos un Plan de Mellora para meter un segundo robot de muxido e imos pór unha amamantadora para a recría”, conta.
Recoñece que a súa presenza, pola súa idade pero tamén por ser muller, aporta unha nova visión á granxa familiar. “Quero introducir novos métodos de traballo e tratar de innovar”, avanza.
Até agora axudaba sobre todo co papeleo, pero a raíz dun accidente que tivo a súa nai involucrouse máis no traballo diario da explotación, onde aínda ve diferenzas entre homes e mulleres.
Din que a dixitalización é para acabar co papeleo pero cada vez temos máis. O único cambio é que chos mandan por email pero despois ti telos que imprimir
“Relégase moito ás mulleres ao coidado do gando, mentres que o campo é para os homes. Iso está como moi diferenciado; vexo na maioría das granxas eses roles. De feito, cando eu me incorporei foi porque a miña nai rompera un pé e tiven que dar eu un paso á fronte e pórme a atender ás becerras e ao coidado dos animais. Esa labor de vixiancia nas explotacións eu penso que a fan sobre todo as mulleres”, afirma Leticia.
“Sempre tiven claro que dun xeito ou doutro quería quedar no rural”
Nerea Aneiros ten 25 anos e incorporouse o ano pasado, xunto ao seu irmán Alejandro, á explotación familiar, Granxa O Caxigo, de Cerdido, na provincia da Coruña. Neste momento están a acometer un importante proxecto de ampliación en Moeche que os converterá nunha das explotacións de referencia na comarca de Ferrolterra.
“A nosa era unha explotación familiar pequena. Estaban os meus pais sos e muxían unhas 40 vacas. O establo era moi vello e non daba xa para máis. Eles aínda son relativamente novos pero sen facer establo novo non podían avanzar moito máis. Por iso estabamos nunha situación na que ou faciamos unha nave nova e tirabamos os catro para diante ou senón terían que mirar de pechar a porta e adicarse a otra cousa porque tiñan unha carga de traballo moi elevada polas instalacións que tiñamos”, explica Nerea.
Eu e o meu irmán medramos no medio das vacas e sempre nos gustou isto; eu tiña moi claro que fose dun xeito ou doutro quedaría no rural
Logo dalgún momento de dúbida, Nerea e Alejandro decidiron meterse de cheo no proxecto, para o que contaron co apoio entusiasta dos seus pais, Francisco Javier e Ana Belén, que sempre incentivaron que os seus fillos continuaran na explotación.
Tradición e formación
Xunto a esa procedencia de familia gandeira, tanto Nerea como o seu irmán representan unha nova xeración con formación técnica. Alejandro é enxeñeiro agrónomo e Nerea estudou en Fonteboa e agora está a facer Veterinaria en Lugo.
Despois dunha etapa “rebelde” na que dicía non querer saber nada da granxa, Nerea decidiu estudar o ciclo superior de FP da rama agraria na EFA Fonteboa de Coristanco, que lle devolveu “a ilusión e as gañas”.
A súa formación en Fonteboa deulle ademais a oportunidade de visitar outros países, cunha estancia en Irlanda onde aprendeu que “en Galicia facemos as cousas igual ou mellor que noutros sitios pero noutros países ser gandeiro ten un prestixio e unha consideración social que non temos aínda aquí”, afirma.
Pasar de 40 a 200 vacas
O ambicioso proxecto que están a levar a cabo, cun investimento próximo ao millón de euros, permitiralles pasar das 40 vacas actuais a case 200, e tamén dar un salto tecnolóxico coa incorporación de catro robots de muxido.
“Aínda estamos coa obra pero non falta moito e contamos poder cambiar as vacas xa no verán”, explica Nerea. É consciente de que o cambio para a nova nave vai supoñer mudar por completo o xeito de traballar e tamén vai incrementar as necesidades de superficie agraria.
Cun forte investimento, de arredor dun millón de euros, están a construír un novo establo en Moeche con dous robots dobres para perto de 200 vacas en produción
Na zona na que se atopan, a gandería de leite foi esmorecendo nos últimos anos. Iso é tamén unha vantaxe, pois facilítalles o acceso a base territorial. “Estamos preto de Ortigueira, que era unha zona gandeira moi importante pero a día de hoxe quedan poucas granxas e as que quedan non están a medrar porque non teñen relevo, así que o día de mañá vai haber menos aínda”, asegura.
“Sen xente nova non hai futuro no sector”, di, e aínda que recoñece que a situación e a consideración da muller nas explotacións está a mellorar, é consciente de que aínda están en minoría na toma de decisións en moitas granxas. Non acontece así na súa, pois os seus pais teñen en conta a opinión tanto dela como do seu irmán Alejandro. “Eles teñen a voz da experiencia e nós a formación técnica. Facemos moi bo equipo”, conclúe.
“Queriamos xuntarnos varias granxas pero as trabas burocráticas foron tales que tivemos que desistir”
Rosa Neira ten 47 anos e é a titular dunha gandería en pastoreo de 55 cabezas en Santiago de Saa, no municipio de Lugo. “A granxa era dos meus pais e agora lévoa eu soa”, explica. Está muxindo neste momento 37 vacas e considera que “as granxas pequenas como a miña teñen pouco futuro, pero tampouco non ofrecen moitas posibilidades para podernos xuntar”, lamenta.
“Fai un ano estivemos mirando de xuntarnos entre varios veciños e facer unha explotación entre todos pero as trabas burocráticas foron tales que tivemos que desistir. A Administración, en vez de animarnos a unirnos o que facía era poñérnolo todo negro, de maneira que tivemos que aparcar ese proxecto e cada un tivo que seguir coa súa granxa en solitario”, conta.
Iso, no seu caso, supuxo “cortarlle as ás”, di, porque ela soa non pode afrontar un proxecto ambicioso para modernizar a explotación, algo que en conxunto si que vía factible. “Eramos 5 granxas e reuniamos máis de 300 cabezas, con perspectivas de seguir medrando”, destaca.
O proxecto consistía na unión de 5 granxas; xuntabamos máis de 300 cabezas
Rosa defende que só as granxas viables e dun certo tamaño poderán atopar relevo xeracional. Por iso, a súa decisión de sumarse a unha iniciativa conxunta dese tipo respondía ao obxectivo de dar continuidade á gandería que antes tiveran os seus pais. “Eu non o facía só coa idea de labrarme un futuro para min, senón tamén para a miña filla, que ten agora 12 anos”, asegura.
“A min non me dá medo seguir adiante eu soa, pero mellor íamos os 5 veciños xuntos. Seriamos de inicio 6 ou 7 traballadores e, aínda que despois algún se fora xubilando, era unha boa maneira de seguir”, defende.
Atrancos legais
Das 5 explotacións que estaban de acordo en fusionarse, tres delas eran granxas pequenas, coma a súa, e dúas ganderías un pouco máis grandes. Pero o feito de que algunha delas fora xa unha sociedade complicaba as cousas, xa que os obrigaban á disolución previa de todas a fórmulas xurídicas existentes para poderen xuntarse de novo.
Obrigábannos á disolución previa de todas as sociedades para poder xuntarnos
“As gañas tiñámolas todas, pero desde a Xunta non nos axudaron nada; foron tantas as trabas que nos puxeron que ao final eles mesmos botaron para atrás o proxecto”, quéixase. “Para min era unha meta importante e non entendo como cada vez que nos reuniamos cos funcionarios da Consellería todo eran problemas”, reitera.
Era un proxecto no que ela estaba moi ilusionada e que non dá aínda por perdido, pero polo que non pode agardar moito máis tempo. “Teño 47 anos e se tardamos moito igual daquela xa non me interesa meterme como socia e me compensa máis traballar de empregada e alugarlles as fincas”, razoa.