A Consellería do Medio Rural publicou este luns a convocatoria de axudas para apoiar os investimentos nas explotacións agrícolas -os coñecidos como plans de mellora-, así como para a creación de empresas de agricultores mozos, para o desenvolvemento de pequenas explotacións e, como novidade, para a incorporación ao agro de persoas de entre 41 e 55 anos.
Esta última medida, á que se destina un orzamento de 3 millóns de euros, tamén a aprobou este ano a veciña comunidade de Asturias. O seu obxectivo é intentar paliar a grave falta de relevo e de activos nun sector estratéxico para a sociedade, como é o da produción de alimentos.
Ampliar as axudas de incorporación máis alá dos 40 anos é unha vella reivindicación das organizacións agrarias e beneficia especialmente a persoas que se incorporan dende outras actividades profesionais, moitas veces na busca dun traballo con maior estabilidade, en contacto coa natureza e que permita conciliar mellor a vida laboral e familiar.
Resumimos a continuación as claves desta nova liña de axudas:
Quen a pode solicitar?
As persoas que desexen acceder ás axudas para o establecemento de persoas agriculturas novas deberán cumprir os seguintes requisitos:
a) Ter entre 41 e 55 anos de idade, ambos incluídos.
b) Cumprir coas condicións necesarias para ser xefe de explotación por primeira vez ou tela cumprido nos 12 meses anteriores á solicitude da axuda.
c) A explotación en que se promove a instalación debe alcanzar unha renda unitaria de traballo igual ou superior ao 35 % da renda de referencia.
d) Posuír o nivel de capacitación profesional mínimo de 150 horas no prazo máximo de 36 meses desde o momento do establecemento.
Que documentación hai que presentar?
e) Presentar un plan empresarial co seguinte contido mínimo:
a. Unha descrición da situación inicial da explotación agraria, indicando as fases e os obxectivos concretos de desenvolvemento das actividades da nova explotación.
b. Unha descrición da situación unha vez realizado o plan de empresa, incluíndo, polo menos, os seguintes datos:
i. Superficie da explotación, especificando a superficie dos distintos cultivos, e cabezas de gando, por especies, e rendementos medios de cada actividade produtiva.
ii. Maquinaria, equipamentos, melloras territoriais e edificacións.
iii. Composición e dedicación da man de obra.
iv. Plan de produción, que incluirá información relativa á produción bruta de cada actividade produtiva, aos gastos de cada actividade produtiva e gastos fixos do conxunto da explotación.
v. Análise económica do proxecto. Esta análise incluirá: previsións económicas, estrutura de financiamento e rendibilidade.
vi. Actuacións que se van realizar.
c. Un plan de investimentos (información detallada sobre investimentos e prazos), se é o caso, en que indiquen as melloras que se van realizar, establecendo o seu impacto no cambio climático (emisións de gases efecto invernadoiro, capacidade de adaptación), que inclúa medidas de aforro e eficiencia enerxética, consumo auga eficiente, etc., e no cal figure un estudo de impacto ambiental, no caso de que a normativa europea-estatal-autonómica así o require, prestando especial atención aos posibles impactos nas zonas incluídas na Rede Natura 2000.
d. Información detallada, se é o caso, sobre formación, asesoramento ou calquera outra medida necesaria para desenvolver as actividades da explotación agraria, incluíndo as relacionadas coa sustentabilidade ambiental e a eficiencia dos recursos.
f) Permanecer na actividade agraria durante un prazo de 5 anos desde o pagamento final da axuda.
g) Participar no programa de titorización ás persoas agricultoras novas que presta a Consellería do Medio Rural. O proceso de incorporación deberá ser tutelado polo persoal técnico agrario das oficinas rurais da Consellería do Medio Rural do ámbito territorial da área comarcal onde se localice a explotación agraria.
h) Non ter recibido axuda por primeira instalación, nin considerarse instalado.
Contía máxima da axuda:
1. O importe da axuda será de 25.000 euros, que poderá incrementarse ata os 55.000 euros en función da aplicación dos seguintes criterios:
a) 10.000 euros por ser muller.
b) 10.000 euros por explotación localizada en zonas con limitacións naturais de montaña.
c) 10.000 euros por explotación de agricultura ecolóxica.
d) 10.000 euros por titularidade compartida.
No suposto de que se instalen varias persoas simultaneamente na mesma explotación, os incrementos establecidos nas alíneas b), c) e d) repartiranse a partes iguais entre as persoas que se instalen.
2. No caso de incorporación en explotacións intensivas, a axuda limitarase a 25.000 euros.