O sector agrogandeiro protesta desde fai semanas por toda Europa. Unha das queixas unánimes: a burocracia. É unha palabra denostada pero á que ás veces custa poñerlle rostro.
Jónathan Cives e a súa muller Silvia Domínguez son cotitulares de Gandería Melenas SC, unha explotación familiar na parroquia de Corzón, en Mazaricos. Adícanse a cebar becerros, uns 300 ao ano, a maioría animais marcados co selo da IXP Ternera Gallega.
Jonathan fíxose cargo da explotación do seu pai no 2016, cando el enfermou, e en setembro de 2020, tras faceren os dous o curso de incorporación, el e a súa muller constituíron Melenas SC, garantindo deste xeito o relevo xeracional na granxa.
O único que pretenden é dar a entender que se axuda a todo o mundo cando non é certo
Na teoría, ao tratarse de dúas persoas menores de 40 anos, unha delas muller, deberían ter garantidos os apoios existentes destinados a facilitar o asentamento de mozos e mozas no rural, así como aquelas outras liñas de axuda destinadas a garantir a rendibilidade da explotación, máis tendo a consideración de prioritaria, como é o seu caso.
Pero na práctica, di, a realidade é outra ben distinta. “O único que se pretende aquí é dar a entender que se axuda a todo o mundo, cando á hora da verdade son todo trabas, impedimentos e burocracia”, quéixase Jónathan.
Un terzo menos no Plan de Mellora
Logo de incorporárense, Jónathan e Silvia pediron un Plan de Mellora para faceren un novo establo con capacidade para 600 animais. En xaneiro do 2021 presentaron a solicitude da axuda, sobre un orzamento total de 358.000€.
No mes de xullo veulles aprobada, cunha subvención concedida de 161.000€. Puxéronse mans á obra e fixeron a nova nave, na que acabaron gastando máis do orzamentado inicialmente pola suba dos materiais. “Todo o que se fixo no 2022 foi moito máis caro. De feito, a Xunta ao ano seguinte subiu os importes dos distintos módulos, pero a min colleume antes diso”, quéixase.
Cando a obra xa estaba rematada e certificada veulle unha inspección. Había un problema, pero non co obxecto da subvención e o destino dos cartos, nin coa construción realizada, senón co mantemento do emprego declarado na solicitude.
Dos 161.000€ que nos concederan acabamos cobrando ao final 107.000€ un ano despois
O traballador que tiña contratado marchou no mes de febreiro e non foi quen de reemprazalo até o mes de agosto. “É complicado atopar man de obra para traballar nunha granxa”, xustifica Jónathan, que segue mantendo esa UTA a día de hoxe (a obriga era conservala cando menos 5 anos despois da certificación da obra). Pero nas bases da convocatoria establecíase que non podían pasar máis de 3 meses en caso de substitución do traballador e ao final o resultado daquel expediente foi que perderon 53.000 euros, un terzo do importe total concedido.
“Dos 161.000€ que nos concederan acabamos cobrando ao final 107.000€ un ano despois e mentres non nos ingresaban os cartos cada 3 meses tiñamos que pagar 800 euros de intereses”, lembran.
Denegación das axudas PEL
Despois de rematar a obra da nova nave, Melenas SC precisaba incorporar algunhas melloras en canto a equipamento, entre outras un taximilk para dar o leite aos becerros e unhas arrobadeiras que facilitasen a limpeza automática do establo e o benestar dos animais.
Para iso, quixeron aproveitar as axudas PEL para autónomos da Deputación da Coruña, con varias liñas, entre elas unha para investimentos en bens inventariables e outra para contratación de persoal. “O ano pasado, cando saíu a convocatoria de subvención para maquinaria, solicitámola, pero veunos denegada porque a empresa non podía ter máis de 5 anos de antigüidade e aínda que eu a herdei da miña nai fai 3 anos, como xa existía antes dixéronnos que non cumpriamos coas bases”, denuncia Jónathan.
Pero non foi o único “chasco” que se levou coas axudas PEL. O ano pasado pediron tamén a liña de contratación de persoal e concedéronlles 15.700€, pero veulles aprobada no mes de setembro, sen tempo material para gastar eses cartos en só tres meses, polo que renunciaron á subvención.
Non é lóxico que ás granxas nos poñan un límite de 20.000 euros e para o resto de empresas sexa de 100.000
Pero contrataron igualmente a un traballador e cando saíu a convocatoria deste ano volveron solicitar a axuda da Deputación destinada a fomento do emprego, coa “sorpresa” de que desta volta só lles concederon 4.300€, alegando a existencia dun tope máximo por beneficiario de 20.000€ en 3 exercicios e computando neste cálculo os 15.700€ aos que renunciaron no ano anterior.
“É un absurdo”, di Jónathan, porque esa axuda non a cobramos. Ademais, quéixase de que para gandería o límite estea fixado nos 20.000 euros cando para o resto de empresas o tope máximo está establecido en 100.000, “cando moitas granxas temos feito investimentos moito máis elevados que calquera comercio e afrontamos gastos moi superiores na maioría dos casos”.
“Prefiren devolver os cartos a Bruxelas antes que dárnolos aos produtores de aquí”
Jónathan considera “unha trampa e un engano” a maioría das axudas e subvencións anunciadas polas distintas Administracións para apoiar ao sector. Como exemplo, di, a que sacou a Xunta este ano destinada aos produtores amparados pola IXP Ternera Gallega.
No seu caso, corresponderíanlle 36€ por animal sacrificado o ano pasado baixo o selo de Ternera Gallega, pero quéixase que de non será así, pois esta liña de subvencións tamén está sometida ao réxime de mínimis, polo que limita a 20.000€ en tres exercicios (o actual e os dous anteriores) o importe máximo de axudas públicas percibidas.
“É dicir, se recibes a da Deputación non podes optar á da Xunta porque te pasas da limitación de mínimis”, argumenta. No seu caso, tamén computarían os intereses dun crédito ICO que solicitou fai 3 anos.
Enganan á xente, se é unha axuda extraordinaria por xato sacrificado para compensar o baixo prezo da carne non debería estar sometida á normativa ‘de mínimis’
“Enganan á xente, porque a Consellería anunciou esta axuda xusto antes das eleccións para gañar votos, pero á hora da verdade moitos gandeiros non a imos poder cobrar; a maioría de gandeiros están contando con eses cartos pero non saben aínda o que implica unha subvención de mínimis. Se fixeche algunha obra no establo con subvención, xa non a cobras por que te pasas”, di Jónathan, que considera que esta axuda excepcional para compensar os baixos prezos da carne en orixe, que se dá polo número de animais sacrificados por cada explotación, “debía estar fóra de todo isto”.
Trala súa experiencia co Plan de Mellora, unha axuda que convoca a Xunta pero que se financia a través dos fondos da PAC, así como co resto de subvencións dependentes doutras Administracións e que tamén se financian en boa parte con fondos comunitarios, Jónathan redefine o concepto de burocracia como “burrocracia”. “Ao final prefiren mandar os cartos de volta a Bruxelas antes que darllos a un gandeiro de aquí que produce alimentos, crea emprego e coida o territorio”, conclúe.