A Xunta anuncia un plan de control de novas plantacións de eucalipto

Medio Rural descarta que se estea a producir un efecto chamada de cultivo da especie antes de que entre en vigor a suspensión temporal de aumento da súa superficie. O conselleiro ofrécese a consensuar a moratoria no Parlamento

A Xunta anuncia un plan de control de novas plantacións de eucalipto

En canto entre en vigor a moratoria de plantacións de eucalipto en novas superficies, a Xunta porá en marcha un plan de control, segundo vén de anunciar no Parlamento o conselleiro do Medio Rural, José González. O conselleiro lembrou tamén na Cámara que no periodo 2016 -2020 dictáronse un total de 7.400 apercibimentos no ámbito forestal, así como 1.700 expedientes sancionadores.

O anuncio foi recibido con incredulidade pola oposición. A deputada do BNG María Albert, que interpelara ó conselleiro sobre o efecto chamada que está a xerar no monte o anuncio da moratoria, considera que nunca houbo un axeitado control sobre as plantacións ilegais.

“Estase a plantar eucalipto en zonas nas que está prohibido, en terras agrarias, en sustitución de frondosas caducifolias ou en espazos naturais protexidos e a vostedes dálles igual”, aseverou a deputada nacionalista. Albert sinalou que só nunha semana do último mes a organización ecoloxista Adega cursou 34 denuncias por plantacións de eucalipto en antigas masas de frondosas, o 72% das mesmas en Lugo, o 18% na Coruña e o 9% restante en Pontevedra.

Para o Bloque, é preciso tamén frear o aumento de plantación de eucalipto que está a xerar a próxima moratoria. Desde que se anunciou unha inminente moratoria a novas plantacións de eucalipto, produciuse nalgunhas comarcas do interior galego un efecto boomerang, pois os propietarios de piñeirais que tiñan pensado cambiar a eucalipto están acelerando ese proceso antes de que entre en vigor a regulación.

É un proceso que o conselleiro descartou que fose relevante. González lembrou no Parlamento que “a primavera é a época ordinaria de plantación” e negou que o anuncio da moratoria estea a producir un efecto chamada. “Noutros territorios nos que se aplicaron disposicións similares á que propoñemos nós, tamén houbo un periodo entre o anuncio e a entrada en vigor da normativa”, defendeu o conselleiro, que precisou que Portugal tardara 8 meses desde o anuncio da prohibición de novas plantacións de eucalipto ata a publicación do decreto lei correspondente.

En relación á moratoria galega, que se quere aprobar antes do verán por medio da Lei de Recuperación da Terra Agraria, o conselleiro amosouse disposto a negociar as súas características e prazos coa oposición. “O lóxico sería traballar entre todos para facer as cousas o mellor posible. Se vostedes gobernasen, esta sería unha das primeiras medidas que porían en marcha”, recriminoulle á deputada nacionalista. González incidiu en que unha vez entre en vigor a moratoria, porán en marcha un plan de control de novas plantacións e continuarán coa liña actual de apercibimentos e sancións no caso de ilegalidades.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información