A inminente moratoria do eucalipto desencadea un efecto boomerang de plantacións

Os viveiros esgotan as plantas e os puntos de venda reparten a que sae entre reservas previas. Dispáranse as cortas de piñeiro na zona norte de Galicia pola intención dos propietarios de sustituír os piñeirais por plantacións de nitens

A inminente moratoria do eucalipto desencadea un efecto boomerang de plantacións

Plantación de eucaliptos nunha parcela na que se cortaron piñeiros.

O anuncio realizado pola Xunta sobre unha próxima moratoria de novas plantacións de eucalipto xerou no monte unha reacción en cadea. Os propietarios que tiñan pensado cambiar de especie, pasando de piñeiro a eucalipto, están a acelerar o proceso antes de que se regule a moratoria. Iso disparou as cortas de piñeiro no interior norte de Galicia e aumentou as plantacións de eucalipto, ata o punto de que os viveiros teñen vendida de antemán toda a planta que son capaces de producir.

A tendencia iniciada hai máis dunha década de sustituír piñeiro por eucalipto nitens nas comarcas do interior da Coruña e de Lugo está a vivir un acelerón final. A Xunta anunciou este inverno que dictará unha moratoria de novas plantacións de eucalipto por medio da Lei de Recuperación de Terras Agrarias, que conta con aprobar no Parlamento antes do verán. Pero entre tanto a suspensión non entra en vigor, as novas plantacións de eucalipto multiplicáronse.

“Tódolos propietarios queren desfacerse do piñeiro para plantar eucalipto, pero vémonos sen tempo e tivemos que renunciar á corta de lotes” (Luis Díaz Casariego)

Na zona norte de Galicia, os madeireiros non dan abasto para atender todas as peticións que teñen para cortar piñeirais. “Todo o mundo quere cortar xa para desfacerse do piñeiro e plantar eucalipto, pero vémonos sen tempo e tivemos incluso que renunciar a lotes”, recoñece Luis Díaz Casariego, de Xove (Lugo).

Ese escenario de aumento de cortas de piñeiro vívese sobre todo no interior de Lugo, onde o sector forestal está volcado na corta de coníferas. “Estamos cortando todos piñeiro porque os propietarios queren facer plantacións rápidas de eucalipto”, expón Miguel Vázquez, de Maderista Souto (Lugo).

“No tempo en que medra un piñeiro, o propietario ten dúas cortas de eucalipto, con máis toneladas por corta da que daría unha de piñeiro, e con máis prezo por tonelada” (Miguel Vázquez, Maderista Souto)

A preferencia polo eucalipto dos propietarios ten unha explicación sinxela. “No tempo en que medra un piñeiro para cortar, tes dúas cortas de eucalipto, cada unha delas con máis toneladas por hectárea das que che vai dar o piñeiro, e con maior prezo por tonelada” -resume Miguel Vázquez-. “Pero a clave para min é que o eucalipto pódese cortar a 12 anos. Se o piñeiro permitise cobrar aínda que fose a metade de prezo ós 12 anos, a xente animaríase, pero case ninguén está disposto a investir nunha plantación para cortar a 25 – 30 anos”, valora.

Escasez de planta de eucalipto
O aumento de demanda de planta de eucalipto está a provocar o seu esgotamento nos viveiros, pois o anuncio da moratoria chegou xusto cando se iniciaba a campaña primaveral de plantación. Á habitual demanda de cada primavera sumouse este ano a busca de planta dos propietarios que están apurando a corta dos seus piñeirais.

“Falta planta porque se xuntaron varios factores. Estamos agora en plena época de plantación e tamén vemos que coa pandemia, hai máis xente nas casas con tempo para ocuparse dos montes, pero o principal factor é o anuncio da moratoria”, opina Óscar Piñón, un madeirista de Ortigueira (A Coruña) que tamén se encarga de replantar parte das parcelas que corta.

“Temos parada a plantación de fincas moitos días porque falta planta de eucalipto e temos que esperar por ela” (Óscar Piñón, Ortigueira)

“No noso caso, o habitual é que arredor da metade dos propietarios cheguen a un acordo con nós para cortar e para replantar, pero a parte de plantación témola agora parada moitos días porque falta planta e temos que esperar por ela” -explica Óscar-. “Os puntos de venda traballan baixo reserva previa e só che dan suministrado unha parte da planta que precisarías”, conclúe.

O aumento da demanda de planta de eucalipto é confirmado pola Asociación de Viveiros Forestais de Galicia, que recoñece que toda a planta que son capaces de producir os viveiros está vendida, segundo sinala a súa presidenta, Isabel Álvarez. “No noso caso particular, somos un viveiro de Ourense que nunca producimos nin comercializamos eucalipto, esta época estamos centrados en coníferas e castiñeiro, pero aínda así estamos tendo chamadas de propietarios doutras zonas que nos preguntan por eucalipto, o que dá unha idea da demanda de planta que hai nestes momentos”, apunta Isabel.

Prezos da madeira en monte, lixeiras melloras para eucalipto e piñeiro

O mercado da madeira está a atravesar un bo momento. A caída da cotización da pasta do papel, que lastrou o prezo do eucalipto nos últimos dous anos, tocou fondo e iniciou a remontada, o que xa tivo repercursión en monte. No piñeiro, tralo parón de hai un ano, o mercado está tamén animado, tanto en madeira de serra como en puntal para trituración, o que levou desde xaneiro a unha certa recuperación.

“En madeira de piñeiro, detectamos no primeiro trimestre do ano unha necesidade de madeira pola industria” -explica Xosé Covelo, responsable de comercialización de madeira da Asociación Forestal de Galicia-. Esa demanda está a propiciar bos prezos medios nos lotes e como caso destacado no sur de Pontevedra, podemos comentar un lote espectacular de piñeiro insigne de 35 anos que se pagou en subasta a 41 euros por tonelada, madeira en pé sen Ive. Estamos falando de calidades de madeira moi boas, tamén temos prezos medios de lotes de 31 – 32 euros”, explica.

“Hai boa demanda para a madeira de piñeiro, o que propicia bos prezos medios. Como caso destacado, un lote de piñeiro insigne de moi boas calidades chegou ós 41 euros por tonelada en subasta” (Xosé Covelo, Asociación Forestal de Galicia)

A boa demanda do piñeiro confírmase na zona norte de Galicia, onde fábricas e aserradoiros manteñen os prezos a pesar do aumento da oferta. “Os confinamentos levaron a que mellore o mercado para fogar, polo que hai demanda de madeira tanto para as fábricas de taboleiros como para os aserradoiros e os prezos mantéñense”, explica Luis Díaz Casariego, madeirista con base na Mariña lucense.

“En xaneiro, o prezo do piñeiro recuperouse algo e desde entón fábricas e aserradoiros manteñen prezos, pero si é certo que en monte baixou algo nas últimas semanas no caso dos propietarios que queren facer cortas rápidas, xa que aí estase pagando a rapidez do servizo de corta” -precisa Miguel Vázquez, de Maderista Souto-. “Pero non é significativo”, conclúe.

Novas tarifas de Ence
En eucalipto, tras dous anos de caída de prezos pola baixada da pasta de papel, a tendencia de mercado invertiuse desde comezos de ano. A tonelada de pasta de papel, que hai uns meses cotizaba no entorno dos 560 euros / tonelada, ronda xa os 700 euros / tonelada, o que xa levou a unha mellora de prezos no monte. “O prezo en monte subiu xa en máis dun euro a tonelada”, explica Luis Díaz, que confirma as boas perspectivas do mercado.

Coincidindo co cambio de tendencia da pasta de papel, Ence aplica desde o 1 de marzo novas tarifas, coas que busca estabilizar máis os prezos da madeira. A compañía subiu o prezo base do eucalipto globulus a 22 euros / tonelada (fronte ós 18 euros da anterior tarifa) e reduciu as primas ligadas ó prezo da pasta de papel, que antes movíanse nun arco de ata 7 euros e agora quedan nun arco de 3 euros.

Por madeira certificada, Ence continúa pagando unha prima de ata 2 euros / tonelada (madeira con dobre certificación FSC ou PEFC) e ofrece ademais primas por volume ou por madeira vendida en coto redondo, o que pode deixar en monte uns prezos de 26 – 30 euros por madeira de eucalipto globulus, en pé sen Ive, dependendo do volume do lote e das súas condicións de saca.

En eucalipto nitens, a tarifa de Ence establece unha penalización de 6 euros por tonelada, que se incrementa a 8 euros no caso do eucalipto regnans, pois ambas especies presentan un menor rendemento para pasta de papel, segundo explica a empresa.

A oposición demanda medidas inmediatas para parar as plantacións de eucalipto

O aumento das plantacións de eucalipto que se está a detectar en monte levou ós grupos da oposición, PSdeG e Bloque, a solicitar nas últimas semanas unha suspensión inmediata das mesmas. O grupo socialista presentou onte mesmo novas iniciativas para esixirlle á Xunta un control das plantacións de eucalipto “naquelas superficies nas que non existe a especie na actualidade”.

Co anuncio de moratoria ‘en diferido’ feito pola Xunta, o PSdeG considera que Medio Rural está incidindo de forma negativa no mercado da madeira, “pois está tirando polo chan os prezos do piñeiro”, que se está cortando co obxectivo de plantar no sitio eucalipto antes de que estea prohibido tal cambio.

“Esa situación tamén esgotou as plantas de eucalipto nos viveiros”, advirten os socialistas, que critican que se estea facendo unha “plantación masiva sen control, o que incidirá de xeito negativo nos intereses dos propietarios”, conclúen.

Máis información
A Xunta anuncia un plan de control de novas plantacións de eucalipto.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información