Por qué se mobiliza a xente do sector agrogandeiro? Creo é un cúmulo de anos e anos de ir aturando normativas cada vez máis restrictivas para facer o noso traballo, de case persecución da nosa actividade por parte de certos lexisladores e esta situación chegou ao seu punto álxido coa nova PAC 2023-2027, na que cuns obxectivos de sustentabilidade da agricultura e da gandería, que podemos compartir, sen embargo impúxosenos unha serie de limitacións e de controis que creo que non son razoables.
Con todo iso, ao final a xente estoupou e saiu a protestar porque todo son imposicións por parte dos políticos que lexislan e cunha falta diálogo con nós para consensuar as medidas que nos afectan. Chegamos a unha situación tan absurda na que a burocracia á que nos temos que enfrentar para poder traballar é tan grande que un gandeiro ou un agricultor case lle ten que dedicar tanto tempo ao papeleo como á nosa propia actividade.
Por outra parte, unha reivindicación transversal dos manifestantes é que se controlen as importacións doutros países. Nos tratados comerciais da Unión Europea con Mercosur, con Estados Unidos ou con Canadá, entre outros, sentimos que a agricultura e a gandería europeas son unha moeda de cambio en beneficio doutros sectores. A isto unimos que nos enfrentamos a unha competencia desleal, pois moitos dos produtos alimentarios que entran de terceiros países non teñen que cumprir a lexislación en materia de emprego de fitosanitarios, de respeto ao medioambiente ou de lexislación laboral que nós si cumprimos.
E como dixen ao comezo, a pinga que colmou o vaso desta situación é a nova PAC que para nada se adapta á realidade de cada territorio. No meu caso, cultivo 40 hectáreas na comarca da Limia e coa nova PAC teño que deixar un 10% da terra libre, entre barbeito e cultivos mellorantes. Para min e para moitos é un perda económica moi grande porque todos sabemos a base territorial que teñen de media en Galicia as explotacións agrogandeiras. E aínda máis non se entende cando despois temos que importar cereais doutros países que perfectamente podíamos producir aquí, pero non podemos por estas limitacións da PAC. Non deberíamos ter unha PAC común a nivel de toda España porque a realidade da produción en Galicia ou en Asturias é moi diferente á de Extremadura ou de Andalucía.
Outro apartado da nova PAC que me xera gran preocupación a min, e tamén aos meus compañeiros, é o da xestión dos xurros, ata agora un fertilizante sustentable e que cumpre os requisitos da economía circular, pero que sen embargo agora parece que é un produto contaminante. Creo que os lexisladores están pagando cos agricultores e gandeiros a súa falta de actuación noutros sectores que realmente son os que máis contaminan, como o transporte ou os fogares. A modo de exemplo, ¿de verdade as depuradoras de augas residuais das cidades e vilas funcionan perfectamente e devolven a auga completamente limpa ou a xestión do lixo é un exemplo de sustentabilidade?. Creo que a resposta é obvia, pero por suposto o culpable é o do lado, como o metano que produce o arroto da vaca.
E co caderno dixital máis do mesmo: Queren ter perfectamente controlado todo o que fai ou deixa de facer un agricultor ou un gandeiro, unha auténtica intrusión na nosa actividade empresarial, que moito dubido que se atrevan a facer noutros sectores. ¿Imaxinan o mesmo control con Citroen ou coa banca, a pesar dos centos de millóns de euros de axudas que reciben ou recibiron?.
A solución? Paralizar toda esta nova lexislación e que os politicos se senten a dialogar con agricultores e gandeiros para que a normativa se aprobe de forma consensuada e tendo en conta a realidade de cada territorio. Do contrario, seguiremos perdendo activos no sector, concentrando a produción en cada vez menos mans e poñendo en risco algo tan importante como é a soberanía alimentaria, en definitiva, que non teñamos que depender doutros países para que a nosa sociedade poda comer.