A comunidade de afeccionados ao viño e a gastronomía que seguen a publicación verema.com elixiron a Adega Viña Costeira como a mellor Adega de España. Viña Costeira fora nomeada entre outras 8 adegas de España, sendo a única galega que figuraba na listaxe proposta pola publicación.
Os consumidores e visitantes da adega conseguiron cos seus votos, un total de 11.300 votacións, que se alzase con este prestixioso galardón. Un recoñecemento que, en palabras de Andrés Gómez, o presidente da adega, “responde á paixón que todo o equipo de Viña Costeira pon nos nosos viños e nas visitas enoturísticas. É importante non só para nós como adega senón para o D.O. Ribeiro e para as adegas de Galicia. É un dos mellores recoñecementos porque vén dos nosos consumidores e visitantes e iso é un gran orgullo”.
Adega Viña Costeira, adega cooperativa do D.O Ribeiro, cumpre este ano os 50 anos de actividade, nada do esforzo e da capacidade de colaboración dos pequenos viticultores do Ribeiro, leva medio século pondo en valor o bo facer vinícola da zona. Grazas ás achegas de cada un dos socios que integran a adega obtéñense como resultado viños de excelente calidade.
Grazas á súa oferta enoturística, hoxe en día Adegas Viña Costeira recibe máis de 10.000 visitas ao ano e a súa proxección non deixa de crecer, dando a coñecer a zona vinícola do Ribeiro das beiras de Miño e do Avia. Unha contorna de gran valor paisaxístico e enológico que axuda a promocionar Galicia como destino turístico e xera un gran valor económico na zona.
Adegas Viña Costeira, con adegas propias no D.O. Ribeiro e o D.O. Valdeorras, reafirma a súa imaxe como grupo adegueiro galego, apostando pola introdución dos seus viños a nivel nacional e internacional e situándose como un referente de viño galego de calidade.