Queren medrar en produción e tamaño as denominacións de orixe vitícolas de Galicia?

Coñecemos como abordan as cinco Denominacións de Orixe cuestións como as perspectivas de crecemento de produción e exportacións, así como o incremento de superficie nas súas demarcacións

Publicidade
Queren medrar en produción e tamaño as denominacións de orixe vitícolas de Galicia?

Representantes das 5 Denominacións de Orixe durante a celebración da mesa redonda en Cenlle (Ourense).

Está entre os plans a curto prazo das Denominacións de Orixe (DO) vitícolas de Galicia seguir medrando? Esta foi unha das preguntas que abordaron os representantes das distintas DOs durante a mesa redonda que os reuniu no marco do I Foro de Uva e Viño celebrado recentemente en Cenlle (Ourense).

As súas estratexias e obxectivos son diferentes e, aínda que todas elas están a poñer esforzos en manter o crecemento que experimentou ao longo dos últimos anos o sector vitícola galego, teñen posta a vista en distintas prioridades.

No Consello Regulador do Ribeiro teñen claro que tanto á hora de fomentar o crecemento como a internacionalización dos viños producidos nesta demarcación o seu papel é como motor e xerador de oportunidades para as adegas que traballan baixo o seu amparo. “O Consello Regulador non está para vender viños, senón para xerar oportunidades que logo poidan aproveitar as adegas e viticultores ”, reivindica Juan Manuel Casares, presidente da DO Ribeiro.

“O Consello Regulador non está para vender viños, senón para xerar oportunidades que logo poidan aproveitar as adegas e viticultores”

Ademais, o crecemento da produción está dentro das súas prioridades. “Debemos seguir crecendo, aínda que temos que facelo con determinadas cautelas”, apunta Casares. Así, apostan por un crecemento no que non só se mire cara á internacionalización senón que se protexa os mercados propios. A internacionalización está tamén condicionada, en certa medida, nos recursos económicos, polo que reivindican as accións que xa se realizaron de forma coordinada entre as distintas DOs.

Rías Baixas é unha das demarcacións que ten entre os seus obxectivos prioritarios a curto prazo manter un crecemento, así o recolle no seu Plan director ata 2030, para o cal realizaron enquisas no sector e entre os consumidores internacionais, sobre todo nos mercados americano e inglés, que representan o 53% das exportacións dos viños de Rías Baixas. “Debemos seguir crecendo, aínda que temos claro que debe ser un crecemento sostible”, reafirma Juan Carlos Vázquez Abal, vicepresidente da DO Rías Baixas.

Apuntan a que é necesario seguir crecendo en especial nestes dous mercados. “Temos que ter unha maior presenza nestes mercados”, indica Vázquez. Aínda que pode parecer que os viños de Rías Baixas teñen xa unha presenza destacada en ambos, apenas un terzo dos consumidores ingleses coñece os viños de Rías Baixas e só unha quinta parte dos americanos oíron ou probaron estes viños.

“Necesitamos seguir apostando polos mercados internacionais, en especial polo mercado americano e inglés”

“Necesitamos seguir apostando polos mercados internacionais. Temos previsto incrementar a nosa presenza con máis eventos promocionais nestes destinos sen desatender outros mercados como son os países europeos, Centroamérica e mesmo Asia”, apunta Vázquez.

Outra das liñas nas que están a traballar para seguir crecendo é a elaboración dun porfolio de viños premium, no que tamén se inclúen viños de garda. É unha estratexia para chegar a outros perfís de consumidores. “Na actualidade este tipo de viños representan en Rías Baixas apenas un 4% e a nosa intención é que se incrementen a un 10%”, indican desde a DO. Reivindican que se aposte por este tipo de viños dado o potencial dos viños de garda desta denominación. “Os viños de Rías Baixas evolucionan moi ben no tempo e dados os custos de produción que temos, debe apostarse tamén por este tipo de viños”, valoran desde a DO.

“A paisaxe como o gran aliado dos viños da Ribeira Sacra”

Os socalcos que caracterizan a produción vitícola na Ribeira Sacra son un dos puntos fortes para manter o crecemento destes viños, tal e como reivindican desde a DO. “Temos a paisaxe como gran aliado dos nosos viños”, apuntan desde o Consello Regulador.

Nesta DO son moi conscientes de que os característicos viñedos, de pequenas dimensións e onde se realiza unha viticultura heroica polas difíciles condicións da produción do viño nestes predios, son máis un punto forte que unha limitación. Así, para seguir crecendo apostan por achegar aos prescritores á realidade dos seus viños, para que coñezan de primeira man e valoren o esforzo de producir viño nesta terra e os bos resultados nos que se traduce.

Atraer aos prescritores é tamén unha forma de que recoñezan o valor que deben ter estes viños, de maneira que o prezo final do viño sexa comprendido polo consumidor e se cubran os elevados custos de produción que manexan nesta DO.

“Debemos atraer ao consumidor ao territorio para poñer en valor o viño e facerlle ver como é a produción en Valdeorras”

Na DO Valdeorras teñen moi presente que a reducida dimensión que manexan de media as súas adegas son unha limitación para promover unha gran expansión destes viños cara a mercados internacionais, por iso, do mesmo xeito que na Ribeira Sacra, a súa estratexia de crecemento céntrase máis en dar a coñecer os seus viñedos. “Temos que atraer ao público xeral e ao consumidor ao territorio para poñer en valor o viño e facerlle ver ao cliente como é a nosa produción”, explica Ricardo Dobao, vogal da DO Valdeorras.

“En Monterrei somos partidarios de seguir un crecemento moderado, lento e progresivo”

Do mesmo xeito que ocorre en Valdeorras, na DO Monterrei tanto o limitado tamaño da propia Denominación de Orixe como das adegas reduce a capacidade de expansión cara a mercados internacionais e o crecemento, tal e como apuntan desde o Consello Regulador. O seu obxectivo é afianzar a posición das adegas nos mercados nos que xa conseguiron facerse un oco e buscar un crecemento seguro. “Somos partidarios de seguir un crecemento moderado, lento e progresivo”, valora Manuel Vázquez Losada, vicepresidente da DO Monterrei.

Aumentar a superficie de viñedo

O crecemento polo que apostan as distintas Denominacións de Orixe non sempre está vinculado cun incremento da produción e da superficie de viñedos. Este é un dos aspectos nos que se atopan grandes diferenzas. Así, mentres que por exemplo no Ribeiro levan anos traballando por incrementar a superficie para viñedos dispoñible para os viticultores e adegas amparadas na DO, outras denominacións teñen claro que o seu crecemento non pasa por incrementar a superficie a traballar. De feito, desde o Consello Regulador do Ribeiro xa enviaron á Consellería do Medio Rural un informe sobre a recuperación da terra abandonada para conseguir darlle forma a ese crecemento en base territorial polo que están a traballar.

Incrementar a base territorial tamén é unha prioridade nas Rías Baixas para atender a demanda que xera a estratexia de internacionalización que están a levar a cabo. De feito, as súas previsións para 2027 é sumar unhas 1.000 hectáreas de viñedo, o que supoñerá un incremento de entre 6 e 8 millóns de quilos de uva.

Tanto Ribeiro como Rías Baixas teñen entre as súas prioridades incrementar a base territorial dos seus viñedos, mentres que Valdeorras e Monterrei buscan un reaxuste e ordenación do territorio

Mentres, na situación contraria atópanse na DO Ribeira Sacra, onde ao falar de crecemento pensan en crecer en calidade e posicionamento dos seus viños, non en cantidade. “Nos nosos viñedos non é posible a mecanización e co envellecemento dos produtores e a falta de substitución xeracional non ten sentido pensar en incrementar superficie”, explican desde o Consello Regulador.

Noutros territorios como Valdeorras, están a traballar tamén por unha ordenación do territorio para organizar este crecemento e o incremento da superficie de viñedos. Tamén teñen presente a baixada de rendementos por hectárea debido ao cambio climático, como un condicionante máis para este crecemento. “Antes de crecer debemos de valorar cales son os terreos dentro do noso territorio que mellor se adaptan para o viñedo, non ten sentido crecer sen ter isto en conta”, xustifican desde o Consello Regulador de Valdeorras.

En Monterrei manteñen un posicionamento similar, buscando un incremento da superficie de viñedos, pero seleccionando as parcelas que mellor se adapten para este cultivo. “Non todo o noso territorio é apto para producir viño de calidade, mentres que temos concellos limítrofes cunhas moi boas condicións e unha fonda tradición na produción vitivinícola, cara a onde sería máis interesante que se ampliase a base territorial”, explican.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información