José Antonio Castro é un dos veciños de Moreda (Folgoso de Caurel, Lugo) que colabora no proxecto da aldea modelo, contribuíndo ó coidado de vacas e porcos. A aldea modelo de Moreda está conformada por 38,8 hectáreas, nas que hai 73 parcelas de 44 propietarios. Falamos con el sobre a recuperación do gando no lugar.
– Como xurdiu a idea de traer vacas de volta á aldea e como as xestionades?
– Vimos que isto se enchía de maleza e tiñamos que facer algo. No 2015 vendéronse as últimas vacas e o meu pai foi o que propuxo traer vacas de novo, soltalas e probar, para que limparan algo. Fomos a Asturias e compramos 15 vacas. Un mes máis tarde voltamos a Asturias e esta vez trouxemos un boi e catro vacas máis vellas, para que guiaran ás máis novas.
Sempre o xestionamos o meu pai, eu e tres veciños máis. A cousa foi aumentando, vimos que funcionaba, que o monte se mantiña limpo entre o que limpaban elas e nós. Por iso estamos moi agradecidos, especialmente despois do que pasou aquí cos incendios. Foi máis que nada por non ver o abandono.
Nun principio queriamos Cachenas de Triacastela, pero despois coñecimos a Casina Asturiana e gustounos máis. É un gando moi dócil que se adaptou xenial e a penas teñen enfermidades.
– Como manexades o rabaño de vacas?
– Aquí non podemos cebar porque non podemos facer ningunha nave, entón vendemos os becerros para recría.
O rabaño anda entre fincas particulares e monte común. Penso que é un beneficio para todos porque fincas que non se ían explotar, polo menos mantéñense limpas. A idea é que anden soltas e recoller herba para pasar o inverno.
Aquí o traballo de recoller a herba non é doado pola orografía do terreo. Antigamente usábanse as cabanas para deixar os rabaños, pero están todas destruidas, imos ver se podemos recuperar unha cabana polo menos. Só se meten no verán cando hai moita mosca e fai calor, de día métense nas cabanas e de noite saen comer. De vez en cando é verdade que desaparece algún becerro, pero non sabemos se foi o lobo ou non.
– E respecto ós porcos celtas e á posta en marcha da aldea modelo?
– Foi a raíz das vacas. Tiñamos un aziñeiral pegado ás casas no que as vacas non entraban. Preferimos para alí o porco celta porque se adapta mellor ao sitio. Foi un proceso de case dous anos, viñeron da Xunta a ver se o sitio valía ou non, e a verdade é que lles encantou, así que montaron unhas instalacións para porco celta, protexidas con arame eléctrico fronte ó lobo. A idea que temos agora é a de crear un obradoiro de elaborados, para poder vender e comercializar aquí esa carne.
O proxecto do porco celta fixémolo porque todos os veciños estaban encantados, ninguén puxo problemas, con que un veciño non quixera xa non poderiamos facelo. A maior parte do proxecto de porco celta está en monte común, menos dúas ou tres fincas que son de particulares.
A creación da aldea modelo foi a través da Xunta e ela pon todo o necesario para montar a explotación do porco celta, despois somos nós os que temos que xestionar, son como unhas instalacións en aluguer.
A aldea modelo ofrécenos tamén apoios complementarios, por exemplo en traídas de augas, en axudas para casas de turismo rural e outras. Penso que é unha boa axuda para vivir no rural, deixando claro que temos todos os nosos traballos, que podemos compaxinar coa xestión da aldea modelo, porque vivir só disto sería imposible.
– Estades ubicados na Serra do Courel, ao pé da Devesa da Rogueira, que é un dos bosques atlánticos máis visitados e mellor conservados de Galicia. Que importancia ten para vós?
– Para o pobo sempre foi un monte moi importante, de onde sacaban madeira que vendían para facer a escola, facer camiños… Fixéronse tamén plantacións de árbores que deron traballo á xente de aquí… Sempre se lle tivo un cariño especial e sempre se coidou. Hoxe en día segue sendo así e certamente atrae bastante turismo.
A Devesa está super protexida, entón a idea é manter o que hai, manter limpas as rutas que ten, pero non abrir novas rutas e evitar que isto se masifique, como sucedeu nos Picos de Europa.
Houbo unha época, hai 15 ou 20 anos, que houbera un ‘boom’ de xente, despois houbo un baixón e a raiz da pandemia, volveuse producir outro subidón e veu máis xente de fóra, sobre todo de Valencia, Andalucía e Madrid, pero o 80% dos visitantes son de Galicia, sobre todo da provincia de Pontevedra.
– Que outras intervencións no territorio destacarías nos últimos anos?
– Hai 4 ou 5 anos fíxose unha recuperación de soutos a través da Xunta e tamén todos os veciños tiveron que estar de acordo. Daquela limpamos e demoucamos os castiñeiros.
A maioría deses soutos xa estaban abandonados e tamén abrimos camiños para poder acceder. Agora levamos catro anos con moi pouca produción de castañas e moitas castañas quedan sen apañar, entón imos intentar facer un paso do aziñeiral aos soutos para que os cochos aproveiten as castañas.