“Queremos chegar a unhas 250 nodrizas e poñer en marcha un cebadeiro”

Rocio Campos é a titular dunha granxa de vacún de carne ubicada no concello de Pol, en Lugo. Actualmente contan cunha cabana gandeira de preto de 200 animais distribuidas nas 100 hectáreas de terreo das que dispoñen

“Queremos chegar a unhas 250 nodrizas e poñer en marcha un cebadeiro”

Un dos lotes do rabaño da gandería.

No ano 2017 e logo de rematar os estudos, Rocio decidíu incorporarse á explotación familiar. Por aquel entón tiñan unhas 36 cabezas de vacún de carne, que foron orixe da explotación de hoxe en día. Comenta que “a pesar de que é un traballo duro e ao que lle dedicas moitas horas, tamén é gratificante e non o cambiaría. Animo a quen teña gusto pola gandeiría a dar o paso adiante, a pesar das dificultades que poida haber”.

A día de hoxe, xunto coa axuda dun empregado, atenden diariamente a 191 animais, entre vacas, recría e catro touros. Nestes anos, o crecemento foi constante e teñen como obxectivo seguir ampliando ata os 250 animais, entre nais e recria. Actualmente “cando os xatos son destetados, vendémolos para un cebadeiro que temos de mau. As femias ata agora fómolas recriando todas. Nestes anos non mercamos ningunha vaca, o crecemento foi en base á recria da propia granxa” explica Rocio.

O xeito de produción é totalmente en extensivo, as vacas están durante todo o ano nos pastos. O gando está repartido en 10 lotes, 3 de recría e 7 de nodrizas, que van rotando por 100 hectáreas distribuidas por todo o concello de Pol. “Empezamos por Torneiros e pasando por Mosteiro ata Suegos temos fincas en propiedade e alugadas, tamén temos algunha na Meda, no concello de Castroverde.

O gando está dividido en 10 lotes e contan con 7 mastíns para a súa protección.

O gando está dividido en 10 lotes e contan con 7 mastíns para a súa protección.

“Procuramos que sempre teñan pasto porque é como mellor condición corporal collen. Aínda no inverno ou no verán, intentamos que, na medida do posible, teñan algo que pacer”, sinala Rocio. Para complementar, utilizan bolas de silo e herba seca. Este ano teñen unha previsión de recoller unhas 1.400 bolas de silo e tamén algunha de herba seca.

Os pastos son a base de pradeira natural que van conservando. Para renovar, non labran as fincas. “Pode que en anos de seca ou fincas que nalgún momento poidan quedar máis pobres, botemos semente por enriba e logo unha capa de purín, pero fai tempo que non resembramos. Tendo as fincas ben abonadas, aguantan bastante ben”.

Para o abonado das fincas, empregan purín sobrante de explotacións de leite e esterco de granxas avícolas. Con isto, teñen todo o ano as fincas en bo estado, sen necesidade de abonos químicos. Tanto os traballos de abonado como os de recolección de forraxe, realízanos eles mesmos. Para isto empregan a maquinaria da empresa de servizos da que tamén é co-titular Rocio, Agroforestal Carballés Campos S.L.

Coas vacas fóra, non temos problemas de diarreas nin de pneumonías. Os animais están moito mellor

Esta empresa de servizos foi creada pouco antes de incorporarse Rocio á explotación e dende entón tamén foron en liña ascendente. O ano pasado fixeron un investimento de 1 millón en adquisición de maquinaria, similar á prevista para este ano e que estará enfocada á agricultura de precisión e Gps.

Volvendo á granxa, en canto aos animais conviven distintas razas, tanto asturianas ou pardas como limusinas, aínda que se decantan por esta última raza para o futuro por considerala a máis completa para a súa explotación. Dos 4 touros que teñen na granxa, 3 son de limusín e 1 asturiano.

“Utilizamos o asturiano para meter nos lotes de recría porque saca crías pequenas e paren moi ben, no resto de lotes vamos rotando os touros limusín”. Os touros mércanos a outras granxas e no caso dos limusín, buscaron pureza da raza. “Os touros aguantamolos bastante, ímolos rotando polos diversos lotes para non ter problemas de consanguinidade e así podémolos aproveitar máis. Pode que os teñamos na granxa unhos 4 ou 5 anos, tampouco máis porque ao irse facendo vellos poden dar problemas nos partos”.

Para facer fronte aos ataques do lobo, teñen 7 mastíns, que van rotando polas zonas con máis perigo

Un dos touros da gandería.

Un dos touros da gandería.

Actualmente teñen moi poucos problemas veterinarios. “Non temos problemas de diarreas nin de pneumonias, ao estar as vacas fóra nese aspecto están moito mellor. En canto aos partos, a maioría paren solas ou cunha pequena axuda” comenta satisfeita Rocio, ao recordar que hai uns anos, con outro touro, fixeran cesárea a case a metade das vacas.

Para os problemas que ocasionan as moscas no verán optaron por unha vacuna. “É unha vacuna que hai que encargar, o veterinario ía pedir para outras granxas e tamén probamos porque deste xeito durante 1 ano están protexidas”, apunta Rocío. Para o tipo de manexo desta granxa, Rocio non vía viable outros sistemas para o control de infestación de moscas por ter que estar cada pouco tempo aplicándoos.

xatas Rocio Pol

A pesar de ter as vacas fóra todo o ano, non teñen moitos problemas co lobo. Para facer fronte aos ataques teñen 7 mastíns, que utilizan nas zonas en que pode haber máis perigo. Unha parte das fincas teñen peche de pastor con varilla, outras estacas de madeira con 4 fios de pastor e nas que son en propiedade foron facendo peches con malla. Para seguir facendo fronte ao lobo e ter o gando máis controlado, este ano van poñer colares de con xeolocalización.

Como próximo obxetivo nesta granxa, teñen o de aproximarse ás 250 vacas e tamén pasar a cebar eles mesmos os machos. Para este segundo obxetivo, proxectan adaptar unha antiga granxa de vacun de leite, con capacidade para 250 becerros. “Para telo a pleno rendimento, a maiores dos nosos xatos mercariamos algún máis para completar a capacidade do cebadeiro. Temos agora mesmo un lote de xatos que se as obras o permiten, en dous ou tres meses xa poderíamos meter a cebar” prevé Rocio.

Dito cebadeiro estará dividido en lotes de 60 animais con patio exterior, para así cumplir as normas actuais de benestar animal.

IXPs Ternera Gallega e Vaca e Boi de Galicia
Non están a facer programación de partos de todo ou parte do rebaño nunha data concreta. “O ideal sería facelos coincidir na primavera e no outono, pero non o estamos a facer en parte porque nos coincide tamén co pico de traballo da empresa de servicios”, di Rocio.

Aínda así, cada lote ten unha data de partos común entre sí. Isto tamén permitirá que unha vez posto en marcha o cebadeiro, se poidan incorporar lotes prácticamente cada dous meses e así ter entradas e saídas repartidas ao longo de todo o ano. Actualmente están a marcar coa IXP Tenera Gallega e coa posta en marcha do cebadeiro plantéxanse pasar a marcalos seus animais de Suprema e conseguir así unha maior remuneración nas canles.

En canto ás vacas de desvelle son todas vendidas baixo a IXP Vaca e Boi de Galicia. “Se coincide na primavera, que hai pasto abondo e xa están ben cebadas, mandámolas así. Se coincide no verán ou no inverno, metémolas dentro e cebámolas algo”, explica Rocio. Tamén caparon fai uns anos 6 xatos para crialos para bois e que xa venderon, neste caso para acabar de cebar aínda.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información