Unións Agrarias anuncia que reclamará por vía xudicial á Xunta de Galicia, en concepto de responsabilidade patrimonial, os danos que produza o lobo na cabana gandeira galega, “dado que a súa inclusión no Listado de Especies Silvestres en Régimen de Protección Especial (LESPRE) por decisión do Goberno central, aumenta o nivel de protección desta especie e deixa indefensos aos gandeiros”.
Esta decisión da organización agraria tómase unha vez que a Consellería de Medio Ambiente anunciou a cancelación da Orde de axudas por ataques do lobo ao gando, alegando que o cambio de status xurídico do lobo, trala a súa inclusión no LESPRE, fai inviable legalmente a continuidade da partida orzamentaria destinada a tal fin. Iso si, a Xunta anunciou que recorrerá ante a xustiza a decisión do Goberno Central e que incrementará as axudas para medidas de prevención dos ataques do lobo, como peches ou adquisición de mastíns.
“A declaración do lobo como especie protexida no catálogo LESPRE, parece que colleu de sorpresa á Xunta de Galicia e ao Ministerio de Medio Ambiente, xa que en dous anos de negociacións non foron quen de poñerse de acordo sobre que pasaría coa xestión do lobo no momento da súa inclusión no catálogo, non tendo acordado nin quen exercería as competencias a partires dese momento, nin cal das súas administracións sería responsable do pago dos danos”, critican dende Unións Agrarias. .
Neste sentido, para a organización agraria “a vítima de todo este proceso e de toda esta incompetencia é o gandeiro que sofre no seu patrimonio o custe de manter ao lobo, xa que se estima que cando menos un terzo da súa dieta dos citados cánidos procede do gando doméstico que mata nas explotacións”.
Ante esta situación, anuncia que se porá a disposición dos afectados polos ataques do lobo, para tramitar a reclamación xudicial dos danos en concepto de responsabilidade patrimonial á Xunta de Galicia, “quen segundo a xurisprudencia do Tribunal Supremo con varias sentencias firmes en casos que se deron tanto en Madrid como en Castela e León, ten como Comunidade Autónoma as competencias en xestión de medio ambiente e conservación da natureza”.
Pide que a Consellería de Medioambiente volva habilitar a liña de axudas para cubrir os danos do lobo
UUAA pide que a Consellería de Medioambiente reconsidere a súa postura, e volva a habilitar de forma urxente unha liña de axudas que cubra os danos do lobo. O sindicato lembra que “en Galicia se producen unhas 3.000 baixas de cabezas de gando ao ano, por importe superior a 1 millón de euros por causa dos ataques, das cales se cursaron denuncias sobre unhas 2.300 baixas por un importe duns 650.000 euros. Esta cantidade é a que viñan cubrindo as axudas da Xunta, si ben con moitas queixas e problemas de funcionamento, como prezos das reses inferiores aos de mercado e prolongados prazos de espera para o cobro, moitas veces superiores a un ano”.
Por último, e como crítica á decisión do Goberno Central de prohibir a caza do lobo, Unións Agrarias lembra que “o lobo non está en perigo de extinción en Galicia, que conta cunha poboación de lobos superior por exemplo á de toda Francia ou Escandinavia”.
Asemade reitera que “ninguén no rural galego avoga pola persecución deste animal, nin o seu exterminio, senón por medidas realistas de xestión que permitan asegurar á convivencia de poboacións abundantes de lobos coa gandería e a produción de carne de calidade en extensivo, sendo preciso fórmulas nas que sexa o conxunto da sociedade quen solidariamente corra cos gastos e o custe de manter estes animais”.