O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a resolución da Consellería do Medio Rural pola que se aproban dous cambios para facilitar a solicitude das últimas axudas para plans de mellora e incorporación de mozos ao agro.
En concreto, ata o de agora non era posible presentar unha solicitude para as axudas de mellora e incorporación mentres a anterior convocatoria non se tivera resolto. Un requerimento que estaba a obstaculizar o acceso de moitos agricultores e gandeiros a unha liña de apoio público fundamental para as explotacións e o tecido socioeconómico do rural no seu conxunto. Con este cambio axilízanse os trámites administrativos co obxectivo de facilitar a xestión aos potenciais beneficiarios dunha liña cuxa actual convocatoria permanecerá aberta ata o vindeiro día 22 de marzo.
Modifícase a letra g) do número 1 do artigo 26 da convocatoria de axudas, que queda redactado como segue:
«g) Non ter ningún expediente da axuda da submedida 4.1 Apoio aos investimentos nas explotacións agrícolas do PDR de Galicia 2014-2020, cuxa resolución de concesión fose notificada, sen presentar a súa solicitude de pagamento na data de publicación desta orde».
Asemade, modifícase a letra g) do número 1 do artigo 32, que queda redactado como segue:
«g) Non ter ningún expediente da axuda da submedida 4.1 Apoio aos investimentos nas explotacións agrícolas do PDR de Galicia 2014-2020, cuxa resolución de concesión fose notificada, sen presentar a súa solicitude de pagamento na data de publicación desta orde».
Unións Agrarias destaca que é un logro da organización
Precisamente, a organización Unións Agrarias mantivo este xoves un encontro con representantes da Consellería do Medio Rural, no que lle anunciaron esta modificación.
“Trátase dunha petición que Unións Agrarias levaba tempo realizando co obxectivo de facer estas achegas máis sinxelas, accesibles e operativas; e que o secretario técnico de Medio Rural se comprometeu a facer efectiva de inmediato, como publica hoxe o DOG”, destacan dende UUAA.