A decisión do Goberno de aumentar a protección do lobo en toda España deixa moitos interrogantes. Quen vai pagar as indemnizacións por danos nas ganderías?, vanse convocar axudas para medidas de prevención e, de ser así, cales?, con que criterios e como se vai permitir a caza do lobo?. Son todas elas cuestións prácticas que precupan no campo. A maiores, podería engadirse un último interrogante de fondo: para o lobo, vai ser positivo o aumento da súa protección?.
Analizamos a continuación todas estas incógnitas e máis o que se sabe da Estrategia para la Gestión y Conservación del Lobo que ultima o Ministerio de Transición Ecolóxica, da cal en Campo Galego puidemos consultar un borrador recente.
Indemnizacións por ataques ó gando
Tras aumentar o Goberno central a protección do lobo en toda España, a Consellería de Medio Ambiente xa anunciou que retirará a liña de indemnizacións por danos da especie ó gando, pois considera que a competencia pasa a ser do Ministerio de Transición Ecolóxica. Desde o Goberno central, sen embargo, semella que non están pola labor de asumir integramente eses cargos.
No borrador da Estrategia para la Gestión y Conservación del Lobo, o Ministerio sinala que “cofinanciará (coas comunidades autónomas) a indemnización dos danos, incluíndo o lucro cesante”, e prevé que as granxas poidan mesmo cobrar intereses de demora en caso de que as comunidades autónomas non fagan os pagos de xeito áxil.
A realidade, sen embargo, é que polo de agora non hai nada avanzado nesa liña. Ó contrario, o decreto polo que se inclúe ó lobo no Listado de Especies en Protección Especial mesmo precisa que “la norma no contiene ninguna carga administrativa y no supondrá el aumento de los recursos humanos y económicos disponibles por la Administración General del Estado”.
Consultado o Ministerio de Transición Ecolóxica por Campo Galego, non se pronunciou polo de agora sobre a cuestión.
Desde organizacións como Unións Agrarias xa reclamaron que Xunta e Ministerio se senten a negociar para aclarar nas próximas semanas como se van pagar as indemnizacións por danos.
Medidas de prevención nas granxas
O borrador da Estrategia para la Gestión y Conservación del Lobo sinala que se establecerán mecanismos de axudas nacionais para a protección do gando, con participación do Ministerio de Transición Ecolóxica e do Ministerio de Agricultura.
Na mesma liña, proxéctase o establecemento dun “contrato territorial” entre a Administración e as granxas en zona lobo que regule os compromisos entre ambos en relación coa instalación e mantemento de medidas de protección.
Caza excepcional do lobo
O Ministerio prevé elaborar un protocolo coordinado do que chama “intervencións e/ou extraccións excepcionais e selectivas de lobo”. En calquera caso, xa adianta que só se permitirán eses controis a partir de criterios técnicos e cando haxa reiterados ataques en granxas que estean dotadas con “apropiadas medidas de protección do gando”, segundo figura no borrador da Estrategia.
Quen se encargará da caza excepcional do lobo?. Todo apunta a que o modelo irá na liña do que xa se facía en Asturias, onde eran axentes medioambientais os encargados de abatir os lobos en situacións de danos reiterados ó gando. En Galicia, a Fruga vén de pedir que se exclúa ós cazadores das intervencións, pois entende que a súa participación crearía confrontación social.
Marcaxe de lobos con colares GPS
De cara a coñecer en detalle os casos de mortandade non natural, o Ministerio de Transición Ecolóxica prevé un “aumento notable” do esforzo de marcaxe de lobos con emisores GPS. Búscase así detectar “puntos negros de atropello, furtivismo ou envelenamento, acometendo a persecución dos delitos ambientais contra a especie”.
Como repercutirá o aumento de protección do lobo sobre o furtivismo?. Hai disparidade de opinións. Os colectivos ecoloxistas están felicitándose estes días nos medios pola nova normativa de protección do lobo, en tanto no agro, as organizacións agrarias pronostican un endurecemento da lei de ferro contra o lobo.
Sen alternativas legais, como os controis de caza por danos, e coas indemnizacións e axudas a medidas de prevención aínda no aire, o escenario -argumentan no agro-preséntase complicado para o cánido, que é obxecto habitual de caza furtiva ou de periódicos episodios de veleno en determinadas zonas.
Expansión da especie
O obxectivo declarado polo Ministerio de Transición Ecolóxica coa nova normativa é o de lograr a expansión natural do lobo cara o Centro e Leste de España, en especial cara o Sistema Ibérico, de onde podería saltar ós Pirineos (e cara os vales gandeiros de Navarra e País Vasco).
De xeito complementario, o Ministerio baralla a reintroducción da especie en puntos do sur peninsular, como Sierra Morena, para o que empregaría exemplares que se capturarían previamente nas comunidades lobeiras. A medida permitiría que comunidades como Andalucía ou Castilla La Mancha, que votaron a favor de aumentar a protección do lobo, tamén poidan disfrutar da especie.
Dispoñibilidade de alimento
Un dos escasos puntos positivos que percibe o agro na Estrategia para la Conservación y Gestión del Lobo é a posibilidade de que se autorice o abandono de cadáveres de gando extensivo no monte, de xeito que en áreas con escasez de presas naturais, esa carroña poida servir de alimento refuxio para o lobo.
O abandono de cadáveres tería que facerse sempre con autorización previa e nas zonas de especial protección para a alimentación de especies necrófagas (Real Decreto 1632/2011), segundo figura no borrador da Estrategia.
Prevención da hibridación con cans
O Ministerio de Transición Ecolóxica considera prioritario formentar a captura e retirada do medio de cans asilvestrados, sobre todo en casos de hibridación ou de mandas mixtas de lobos e cans.
“Os cans soltos, errantes e asilvestrados poden ocupar o nicho ecolóxico do lobo, provocan danos ó gando e agudizan o problema do lobo, xa que con frecuencia os seus danos son atribuídos ós lobos”, valora o borrador da Estrategia.