Unións advirte de que parte dos becerros de Suprema quedarán fóra das axudas da Xunta

A organización apunta que só cobrarán a subvención os animais certificados en matadeiro dentro da IXP. Quedan fóra os inscritos na IXP pero que non se certifiquen en matadeiro, así como as granxas que estean fóra da Indicación

Félix Porto e José Ramón González durante a rolda de prensa de UUAA este mércores en Lugo

Félix Porto e José Ramón González durante a rolda de prensa de UUAA este mércores en Lugo

Unións Agrarias “aplaude” a axuda da Xunta ao sector da carne pero considéraa “insuficiente” e o seu reparto “tremendamente inxusto”, ao estar destinada unicamente aos xatos certificados dentro da IXP Ternera Gallega. Ademais, aqueles becerros inscritos en Suprema pero que logo non se certifiquen en matadeiro, por exemplo porque se lle venden directamente á restauración ou a carnicerías, quedarán tamén fóra da axuda, segundo sinala Unións.

“Ao tratarse dunha axuda por animal certificado dentro da IXP Ternera Gallega, van cobrar o apoio menos da metade dos animais producidos en base a vacas nodrizas en Galicia”, advertiu José Ramón González, responsable sectorial de producións extensivas de UUAA.

“Só van cobrar a axuda por cría de becerros unhas 3.500 explotacións das 8.000 que hai en Suprema. Dos animais identificados dentro da IXP só o 78% vai cobrar a axuda e dos inscritos en Suprema menos do 70%”, calculou.

Van cobrar a axuda tan só 3.500 explotacións das 8.000 que hai en Suprema

Pola súa banda, Félix Porto, coordinador de área externa do sindicato, esixiu á Xunta “que cobren as axudas todos os gandeiros” porque “realizan as mesmas funcións medioambientais e sufriron a mesma suba dos custos de produción”.

“Van quedar como mínimo un 65% das explotacións profesionais que hai en Galicia fóra das axudas de Ternera Gallega, ben porque non están na IXP ou porque os animais non acabaron o ciclo e non se certificaron en matadeiro, ou porque finalmente quedaron como reposición nas granxas”, insistiu.

“Cortina de fume”

Por iso, Felix Porto tachou de “cortina de fume” o anuncio da Consellería do pago das axudas nas vindeiras semanas co obxectivo, dixo, de “tapar o que non se está facendo para executar o acordo sectorial asinado en marzo de 2022”.

A axuda é necesaria pero débese repartir por vaca nodriza; cada vaca tocaría a 60€ pero cobrarían todas as vacas

“A axuda fai falla pero débese repartir por vaca nodriza; cada vaca tocaría a 60€ pero cobrarían todas as vacas”, solicita UUAA, que pide ademais “consolidar de cara aos vindeiros anos esta axuda, pero ligada á PAC, dentro das prácticas medioambientais e de benestar animal”.

Finalmente, Félix Porto lanzou tamén un “aviso a navegantes” para que “non se lle ocorra a ninguén a tentación de baixar os prezos de maneira artificial, aproveitando que os gandeiros van cobrar a axuda da Xunta, polo que lle pedimos á propia Consellería que sexa garante de que iso non aconteza”.

O “problema estrutural e endémico” do sector da carne en Galicia

O sindicato Unións Agrarias puxo este mércores de novo enriba da mesa o “problema estrutural e endémico” do sector da carne en Galicia, que “non é capaz de cubrir os custos de produción”, aínda que desde UUAA valoran a subida de prezos lograda no último ano e medio, trala sinatura do acordo sectorial cos matadoiros e as cadeas de distribución, pero que non foi capaz de compensar o incremento de custos de produción das granxas.

“Os prezos pasaron de 5,05€/kg canal en xaneiro de 2022 a 6,12€ en xaneiro de 2023, o que nos supuxo cobrar uns 200 euros máis por animal vendido”, calculou José Ramón González, que puxo no outro lado da balanza a suba do penso, os carburantes e os derivados do plástico.  

“Hoxe cos datos que manexamos, podemos afirmar que o sector cárnico de vacas nodrizas non vende polo que lle custa producir, polo tanto estase incumprindo a Lei da Cadea Alimentaria”, advirte Unións.

Un estudo feito no País Vasco, pero “sobre un modelo de produción bastante semellante ao que temos nós aquí en Galicia”, aclarou José Ramón, sitúa o custo de producir un quilo de carne en 7,17 €/kg canal, con datos do mes de xuño de 2023.

Outro estudo, neste caso realizado en granxas galegas pola Fundación Juana de Vega, cifra os custos de produción en 7,66€/kg canal, atribuíndo ao gandeiro un soldo mensual de 1,5 veces o salario mínimo, que UUAA considera “moi pouco” tendo en conta “o diñeiro que arrisca e que ten investido para poder producir”.

O apoio das subvencións da PAC, que representa de media máis dun 30% dos ingresos das explotacións, segundo o estudo de Juana de Vega, compensa en parte os baixos prezos da carne e contribúe a equilibrar as contas das ganderías.

Maior transparencia

UUAA considera necesario “dotar de transparencia ao sector”. “Deberiamos ter en marcha a día de hoxe, porque ese era o compromiso da Xunta de Galicia, un Observatorio de Prezos público, que referenciase mensualmente o valor das distintas categorías cos custos de produción, pero non o temos”, queixouse. Iso deriva, dixo, nun “incumprimento flagrante das leis” ante a falla de mecanismos de control. “Da Aica galega tampouco sabemos nada”, dixo.

Abrir novos mercados

En canto ao mercado, para o responsable de producións extensivas de UUAA, “o futuro ten que vir por buscar mercados fóra de Galicia”. “En Galicia no sector cárnico temos un problema moi importante que ten que ver con que máis do 50% da carne que se produce se consume aquí. É imprescindible para que este sector teña viabilidade que parte da produción saia fóra da comunidade; hoxe só temos capacidade para comercializar no Levante, en Madrid e en Cataluña”, explicou.

Fóra de Galicia a xente dalle máis valor á nosa carne e está disposta a pagar un pouco máis

En Galicia non podemos subirlle máis a carne ao consumidor porque as cadeas de distribución que venden esa carne estannos a dicir que máis suba frea o mercado e fai que corramos o risco de que carnes baratas de fóra entren e ocupen ese espazo, polo tanto o mercado galego temos que mantelo e coidalo pero non podemos pensar que nos vai dar máis valor engadido.  Fóra de Galicia, sen embargo, a xente dalle máis valor á nosa carne e está disposta a pagar un pouco máis. Froito do acordo sectorial asinado destinouse máis dun millón de euros de fondos da Xunta a unha campaña de promoción para abrir novos mercados que non logrou resultados”, dixo.

Maior apoio ó leite no cobro de axudas

“O sector cárnico, aínda facendo unha labor medioambiental máis importante, cobra menos da metade das axudas da PAC que percibe o sector leiteiro, xa que mentres unha vaca de leite ten unha axuda asociada de 150 euros, unha de carne cobra 85”, cuestiona.

Hai unha discriminación na PAC do sector de vacún de carne; ao final cobramos menos da metade das axudas que cobra o sector do leite facendo o dobre de función medioambiental

A mesma discriminación prodúcese, dixo, no resto de axudas implementadas nos últimos anos: “pola guerra de Ucrania o sector leiteiro cobrou 56 millóns de euros mentres o sector da carne só 23 millóns e das axudas pola seca o sector do leite colleu case 5 millóns e o da carne 6,4 millóns”, detallou.

Medio Rural cifra en 85.000 os animais que se beneficiarán da axuda para a IXP Ternera Gallega

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información