As granxas afectadas polo cártel lácteo reclamarán un 10% adicional do prezo do leite cobrado

Unións Agrarias informa de que as ganderías que aínda non iniciaran o proceso para pedir compensacións económicas das industrias teñen de prazo ata o día 30 de xuño

As granxas afectadas polo cártel lácteo reclamarán un 10% adicional do prezo do leite cobrado

O secretario xeral de Unións Agrarias, Roberto García, e Félix Porto, hoxe en rolda de prensa.

A resolución da Audiencia Nacional que confirma a existencia dun cártel das industrias lácteas ata o 2013 ameaza con desencadear unha cascada de reclamacións xudiciais de consecuencias imprevisibles. En Galicia, só Unións Agrarias ten xa acreditada a representación xudicial de máis de 5.000 granxas que lle solicitarán o pago de danos e prexuízos ás industrias. Pero é só a punta do iceberg, din: “Hai un 70% de granxas que aínda non iniciaron o proceso para reclamar, pero que ata o 30 de xuño aínda están en prazo”, sinala a organización agraria.

Tras trascender na tarde de onte a sentencia da Audiencia Nacional, as oficinas de Unións Agrarias xa están a recibir chamadas de novas ganderías que se queren sumar as reclamacións. Na organización viven o novo escenario con satisfacción e cun certo alivio, pois tras 12 anos de proceso, o asunto semella encamiñado.

Cronoloxía

  • 2011 – Foi en setembro do 2011 cando Unións Agrarias deu o primeiro paso cunha denuncia ante Competencia. A denuncia advertía sobre a existencia de acordos entre as industrias para pactar prezos e para evitar as pugnas por granxas proveedoras.
  • 2019 – En xullo do 2019, a Comisión Nacional da Competencia fixo firme unha sanción de máis de 80 millóns de euros contra 8 industrias e dúas asociacións empresariais. Esa multa foi recurrida polas industrias ante a Audiencia Nacional, pero con escaso resultado.
  • 2024 – A Audiencia Nacional vén de confirmar agora que as 8 industrias afectadas desenvolveron prácticas anticompetitivas e e considerou proporcionais e suxeitas a dereito as multas impostas en cinco dos casos (Lactalis, Nestlé, Pascual, Schreiber Foods e Celega).

    Nos outros tres casos (Capsa, Danone e Puleva), Competencia terá que recalcular as multas, pois a Audiencia Nacional considera que só é sancionable o periodo do 2006 ó 2013.

Explicación das sentencias
“A Audiencia Nacional confirma a multa contra cinco das industrias e sinala que nos outros tres casos (Capsa, Danone e Puleva) demostráronse comportamentos anticompetitivos no periodo 2000 – 2003 e no periodo 2006-2013. A cuestión é que ao haber máis de dous anos de diferenza entre ambos periodos, considera que se trata de dúas infraccións distintas e entende que a primeira está prescrita a efectos da multa de Competencia, polo que pide que se recalcule a sanción con acordo só ó periodo 2006 – 2013”, explicaron hoxe en rolda de prensa o secretario xeral de Unións Agrarias, Roberto García, e o responsable dos servizos xurídicos da organización, Félix Porto.

“Valoraremos se recurrir estas tres sentencias, pero en calquera caso o importante para nós é que as 8 sentencias contras as industrias dictadas pola Audiencia Nacional recoñecen as infraccións das empresas en todo o periodo”, sinalan.

Entre as industrias lácteas aínda non houbo pronunciamentos sobre as sentencias, se ben espérase que presenten un recurso ante o Tribunal Supremo. Para Unións, ese posible recurso é un tema menor, “pois coa sentencia da Audiencia Nacional, ábrese xa a porta para que cada granxa afectada reclame individualmente danos e prexuízos”, valoran.

Reclamación de danos e prexuízos
A reclamación de danos e prexuízos será previsiblemente un proceso que se dilate no tempo, pois cada granxa debe presentar unha demanda individual na que ten que acreditar os volumes de leite vendidos durante o periodo no que está demostrado o cártel, así como as cantidades percibidas. “É información que estamos sacando tanto de facturas que poidan conservar as granxas como dos datos de entregas de leite do Fondo Español de Garantía Agraria e de copias das liquidacións bancarias que fixeron as empresas”, explican desde Unións.

“O que está en discusión é a contía que terá que cobrar cada granxa, non se ten dereito a ela” (Roberto García)

A maiores, para cada caso presentarase un informe pericial no que se estiman os danos e prexuízos causados. “De xeito xeral, podemos valorar que nunca se fai un cartel de ningún sector industrial para obter un beneficio menor ó 10% adicional. Por tanto, en principio pedirase un 10% sobre o prezo do leite cobrado no periodo 2000 – 2013, xunto cos intereses desa cantidade, que poden ser case outro tanto como a contía principal”, valora Roberto García.

En conxunto, a cifra a reclamar podería rondar 5 céntimos adicionais por litro de leite, sobre as cantidades comercializadas naquel periodo. “O que está en discusión é a contía que terá que cobrar cada granxa, non se ten dereito a ela”, considera Roberto García.

¿É posible negociar un acordo coas industrias lácteas?

Preguntado o secretario xeral de Unións, Roberto García, sobre a posibilidade de negociar un acordo coas industrias lácteas condeadas, García recoñece que “a mellor solución pasaría por resolver as indemnizacións nunha mesa de negociación”.

“Nós sempre defendemos a negociación coas industrias, é o mellor camiño para todas as partes á hora de reducir custos e tempo adicado a estas reclamacións. A cuestión é como resolverán as industrias a disxuntiva na que están”, pregúntase.

“Por un lado -continúa García-, eu entendo que ás grandes empresas do sector non lles interesa a nivel financieiro alongar este proceso, tendo que consignar provisión de fondos para afrontar danos e prexuízos. Seríalles mellor unha solución pactada, ‘con anestesia’ por así dicilo. Pero por outro lado, os conselleiros delegados de cada industria terán a tentación de dar ‘patada para diante’ e que o que veña detrás sexa o que resolva o asunto”, sopesa Roberto García.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información