Unións Agrarias reclama a “paralización da taxa encuberta que a asociación de fabricantes de plásticos agrícolas pretende impoñer ao sector produtor”. A organización considera “intolerable que de xeito unilateral, e sen ter en conta a xa delicada situación que atravesan agricultores e gandeiros a causa do encarecemento que afecta á totalidade dos insumos, a asociación Medio Ambiente, Agricultura y Plásticos MAPLA, pretenda gravar pola porta de atrás a xestión dos plásticos: un procedemento ata o de agora gratuíto”.
En concreto, a organización agraria advirte de que serían 215 euros por xestionar cada tonelada de plástico recollida no caso de explotacións gandeiras e 400 para as agrícolas. “É a suba que o colectivo que agrupa aos fabricantes de plásticos agrícolas españois quere facer efectiva, e que suporía un aumento do 20% do gasto que as explotacións agrogandeiras destinan a este input”, advirten.
Unións Agrarias considera “intolerable que pola porta de atrás e sen negociación, comunicación nin consenso previos os fabricantes de plásticos pretendan impoñer unha suba que supón multiplicar por 4 o actual custo do transporte dos plásticos empregados polas explotacións gandeiras, e por 6 no caso das agrícolas”. Unha información que a organización agraria confirmaba logo da xuntanza que mantivo coa empresa Tyrma, que realiza a reciclaxe dos plásticos agrícolas en Galicia.
Ata o de agora a recollida dos plásticos de uso agrícola viña realizándose de xeito conveniado cos Concellos, que asumían o custo dun servizo gratuíto para agricultores e gandeiros.
Unións Agrarias considera “intolerable que os fabricantes pretendan agora facer negocio coa reciclaxe, e que pretendan facelo a costa de agricultores e gandeiros”.
Nese senso, fai un chamamento para que “a Consellería do Medio Ambiente dea un paso adiante e interceda para frear a mercantilización dun servizo cuxo custo non pode asumir o sector produtor, e menos aínda no momento actual, e tras as fortes subas de custos que as explotacións xa veñen soportando”.