O Consello da Xunta avaliou este xoves a nova orde de axudas, que se convocará por primeira vez en 2024, destinada ás explotacións gandeiras amparadas pola Indicación Xeográfica Protexida Ternera Gallega.
A Consellería do Medio Rural pretende con estas achegas, que contan cun orzamento total de 12 millóns de euros, paliar os sobrecustos deste tipo de producións. “Nos últimos dous anos os custos agraváronse para o sector gandeiro como resultado do encarecemento das materias primas pola invasión rusa de Ucraína e afondouse na dificultade do traslado completo dos custos de produción ao seguinte elo da cadea de valor”, xustifica Medio Rural.
A orde prevé unha axuda para cubrir parcialmente eses custos de 200 euros por animal calificado de Suprema e de 36€ por animal identificado dentro do selo estándar de Ternera Gallega, que completasen o seu ciclo produtivo entre o 1 de xaneiro de 2023 e o 31 de decembro de 2023 e que cumpran os requisitos inherentes á IXP.
Poderán beneficiarse desta orde de axudas os animais sacrificados entre o 1 de xaneiro e o 31 de decembro de 2023
Poderán beneficiarse destas axudas as explotacións inscritas nos rexistros do Consello Regulador que xestiona a IXP Ternera Gallega durante algún período do ano 2023 e que teñan animais rexistrados durante ese ano como TG ou TGS polo Consello Regulador que xestiona a IXP, e ademais que finalizasen o seu ciclo produtivo dentro de 2023.
A Consellería estima que o número de animais rexistrados como Ternera Gallega Suprema que finalizan o seu ciclo produtivo en 2023 e que poden optar á axuda é de 54.500, e que o número de animais rexistrados dentro do selo convencional de Ternera Gallega que poden optar á axuda é de 30.550, polo que se completa ata un total de 12 millóns de euros.
Cada ano hai tamén arredor de 35.000 animais de Ternera Gallega que se marcan no campo pero que, por diferentes razóns non se selan en matadeiro, normalmente pola súa venda directa a restauradores ou carniceiros locais. Eses animais quedarían fóra da axuda.
Arredor de 35.000 animais da IXP que non se certifican en matadeiro quedarían fóra da axuda
“A consecuencia final é que o modelo tradicional de produción de carne de vacún de calidade con vacas nais de Galicia estase vendo afectado por estas causas alleas á súa actividade, e de aí a necesidade de apoiar o sector cunha axuda directa que alivie a situación conxuntural e facilite a súa continuidade produtiva, xa que as producións de Ternera Gallega teñen importancia social e ambiental no ámbito rural galego”, recolle o informe presentado este xoves ao Consello da Xunta. A Consellería destaca ademais a “relevancia” do sector cárnico galego, xa que achega máis do 34% do valor da produción final agraria da comunidade.
Unións advirte de que parte dos becerros de Suprema quedarán fóra das axudas da Xunta