Unións pide ós consellos reguladores celeridade na validación das colleitas

A organización agraria insta a acelerar os trámites para que os agricultores poidan cobrar canto antes a uva. Destaca a suba dos prezos do Godello e a caída das variedades tintas detectada tanto en Monterrei como en Valdeorras e na Ribeira Sacra

Publicidade
Unións pide ós consellos reguladores celeridade na validación das colleitas

Unións Agrarias fai un chamamento para que os Consellos Reguladores aceleren ao máximo a validación desta colleita. A organización insta aos organismos reitores das diferentes DOs a realizar canto antes un trámite tralo que as adegas dispoñen dun máximo de 30 días para pagar aos viticultores a uva entregada.

Logo dunha campaña caracterizada polos altos custos de produción e por unhas condicións meteorolóxicas que marcaron o ritmo da vendima e obrigaron a aplicar máis tratamentos que de costume para sacar a colleita adiante, Unións Agrarias insta aos Consellos Reguladores a acelerar os trámites precisos para que os viticultores poidan recibir canto antes os pagos polo froito entregado.

Se ben é certo que boa parte das adegas adoita aboar o prezo da uva recibida á marxe de que os Consellos teñan validado ou non a colleita, o feito de que este trámite non teña sido realizado pode servir de escusa para retrasar os pagos. Algo que a organización quere evitar.

Unións Agrarias apela ao sentido da responsabilidade dos Consellos Reguladores e pídelles que poñan todo da súa parte para blindar os dereitos do sector produtor. A organización lembra que, se ben no seu conxunto estamos ante unha campaña excelente, con máis de 75,4 millóns de quilos de uva recollidos nas cinco denominacións de orixe galegas, tratouse dunha campaña moi desigual na que a climatoloxía causou importantes perdas a unha parte importante do sector produtor.

Prezos e demanda da uva nesta campaña

No que respecta ao prezo da uva destaca a alza nas cotizacións do godello, que supera os 2 €/quilo. O albariño sitúase nunha media de 2,80 €, o ribeiro mantense no entorno do 1,80 para as variedades preferentes e o mencía no 1,20. Destaca, porén, a baixada na demanda de variedades tintas detectada tanto en Monterrei como en Valdeorras e na Ribeira Sacra. Unha situación especialmente problemática para esta última DO, centrada nesta produción.

Se ben pode dicirse que en xeral a vendima desenvolveuse con normalidade non foi así na Ribeira Sacra, onde se viviu unha campaña caracterizada pola incertidume provocada pola redución das cantidades de uva recollidas polas adegas.

Alertan ademais que a redución da demanda de tinto é unha tendencia detectada a nivel estatal que está levando a unha redución da produción e, por ende, á acumulación dun importante excedente de uva. Un problema de mercado ante o que é preciso manterse alerta e comezar a traballar para buscar solucións e posibles alternativas que, en vindeiras campañas, permitan dar saída á totalidade da uva producida nas denominacións de orixe galegas.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información