Subas nos becerros de recría en Silleda

A Central Agropecuaria de Galicia rexistra un aumento dos prezos medios dos tenreiros de recría. Tanto nos animais de cebo coma no vacún maior a tendencia é á baixa. Continúa a caída dos prezos do porco cebado e mantense case sen cambios o mercado do ovo

Subas nos becerros de recría en Silleda

Becerros pintos nas instalacións da Central Agropecuaria en Silleda. // Imaxe de arquivo.

A Central Agropecuaria de Galicia Abanca, celebrada en Silleda (Pontevedra), rexistra esta semana unha suba dos prezos medios de referencia da recría, tanto nos de raza frisoa coma nos de cruces industriais.

Mentres, nos animais de cebo e no vacún maior a tendencia foi á baixa, con excepcións en categorías puntuais.
Nas mesas de porcino volveu producirse unha baixada nos prezos dos porcos cebados e os leitóns experimentaron unha nova suba esta semana. O mercado do ovo mantense case sen cambios.

Prezos do vacún

Facemos agora un repaso detallado polas distintas seccións do gando vacún para coñecer a evolución dos prezos. Cómpre ter presente que se trata de prezos medios e que o valor dos exemplares estará condicionado tamén por outros factores.

Na recría frisoa, os becerros máis novos cotizáronse a un prezo medio de 81 euros, é dicir, 2 euros máis que na última feira. Nos tenreiros de entre 20 e 50 días, o valor de referencia situouse nos 118 euros, o que supón 10 euros máis. Os becerros de máis de 50 días tiveron un prezo medio de 153 euros, cun incremento de 28 euros.

Nos tenreiros de recría de cruces industriais, os tenreiros machos máis novos sumaron 69 euros no prezo medio con respecto da semana pasada e sitúanse en 350 euros. Mentres, nas femias houbo unha baixada de 21 euros e cotízanse a 197 euros. Foron a única baixada de prezos rexistrada neste tipo de gando. No caso dos becerros de entre 20 e 50 días, rexistrouse un incremento de 9 euros e teñen un prezo medio de 357 euros. As femias acadaron os 244 euros, logo de sumar 16 euros. Os machos de máis de 50 días tiveron un valor de referencia de 460 euros, (+9 euros). As femias sitúanse nos 394 euros (+27).

Nos becerros de cebo houbo baixadas en case tódalas seccións. Os machos frisóns tiveron un prezo medio de 547 euros (-382 euros). Nos becerros de cruces industriais, o valor medio foi de 1.048 euros nos machos (-74). As femias foron unha das excepcións desta categoría, cunha suba de 117 euros no prezo de referencia con respecto da semana pasada e acadan os 961 euros. Os machos de Rubia Galega cotizáronse de media a 1.234 euros, ó rexistrar tamén unha suba, neste caso de 29 euros. As femias desta raza están nos 1.023 euros, ó descontar 166 euros. Pola súa banda, os animais comercializados baixo o selo de Ternera Galega Suprema tiveron unha baixada de 109 euros e quedan cun prezo medio de 1.122 euros.

Esta semana o vacún maior rexistrou baixadas en case tódalas seccións. A única excepción foron as vacas da categoría extra que tiveron un incremento de 28 euros e acadan un valor medio de referencia de 2.170 euros. As vacas de primeira están en 1.150 euros (-1). Os exemplares de segunda cotizáronse a 725 euros, logo dunha baixada de 32 euros. Nos animais de desfeito, o valor medio situouse nos 417 euros, cunha baixada de 73 euros en comparación coa última feira. Os animais comercializados baixo o selo Vaca e Boi de Galicia tiveron un valor de referencia de 2.334 euros, o que supón 894 euros menos que a feira pasada.

Central Vacun 17_10_2023

Baixadas no porco cebado

As mesas de cotizacións do porcino experimentaron esta semana novas baixadas nos prezos do porco cebado. Os animais das categorías selecta e normal descontaron 0,03 euros e quedan nos 1,78 e 1,755 euros o quilo, respectivamente. Os porcos de Canal II están a 2,279 euros, tras unha baixada de 0,039 euros. Os animais de descarte descontaron 0,06 euros e cotízanse entre 0,93 e 0,99 euros o quilo.

Os leitóns experimentaron unha suba dun euro para ambas categorías. Así, os exemplares chegados dunha única granxa están agora nos 72 euros (cun prezo de 3,6 euros o quilo) e os animais procedentes de varias ganderías cotízanse a 67 euros e cun prezo por quilo de 3,35 euros.

O mercado do ovo mantense esta semana case sen cambios. A única modificación experimentárona de novo os ovos da M, que incrementaron o seu valor en 0,03 euros e a ducia está agora en 1,92 euros. No resto de categorías mantéñense os prezos. Os ovos da XL cotízanse a 2,98 euros a ducia, os da L están a 2,4 euros e os da S están en 1,62 euros. No prezo das galiñas de descarte semipesadas tampouco houbo cambios e cotízanse entre os 0,22 e os 0,30 euros o quilo.

O prezo do coello está nos 2,65 euros o quilo, segundo a Mesa de Prezos Nacional do Coello (Loncun).

Central Porcino 17_10_2023

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información