Estamos en plena campaña de ensilado do millo, un proceso no que o corte que faga a máquina é clave tanto para mellorar o aproveitamento da forraxe por parte da vaca como á hora de facilitar a compactación do silo. O obxectivo debería ser lograr un tamaño de partícula de ao redor de 2,6 mm.
Neste sentido, Raquel Cortesão, responsable de nutrición animal para Iberia de CORTEVA agriscience , explicou nunha recente xornada organizada pola Oficina Agraria Comarcal de Lugo un procedemento sinxelo para que o gandeiro ou o técnico poda comprobar se o picado é o correcto.
O procedemento Pioneer de verificación do picado consiste en encher un vaso co millo picado, a continuación verter o contido sobre unha superficie plana e contar o número de grans de millo enteiros ou só parcialmente picados. O ideal é o que cada grao de millo estea picado en polo menos 4 anacos para que a vaca aproevite mellor o amidón. Desta forma, concluirase que:
-Se no contido hai entre 0 e 2 graos enteiros o picado é ideal.
-Se hai entre 2 e 4 sería un picado adecuado.
-Se hai máis de 4 o picado non é o axeitado e habería que regular a picadora.
¿Cando é o momento óptimo para ensilar?
Sen dúbida a dispoñibilidade de maquinaria e que se poda acceder ás fincas é un dos factores que condiciona de xeito importante o momento da corta do millo.
Tendo en conta iso, Raquel Cortesão recordou que “a maioría dos híbridos, independentemente do seu CRM (Comparativa de Madurez Relativa) precisan de 900 GDU´s (unidades de graos de crecemento) para chegar ao punto óptimo para ensilalos despois de espigaren, e así asegurar a máxima cantidade de azucres, ideais tanto para a fermentación como para o valor nutricional da forraxe”.
Así, despois do espigado habería que agardar entre 35 e 40 días para acadar un 30% de materia seca, e algúns días máis para lograr o ideal: de entre un 32 e un 35% de materia seca.
Neste sentido, a responsable de Pioneer lembrou que “a maior parte das diferenzas entre híbridos de millo, de diferentes CRM´s, están entre a emerxencia e o espigado, non dende o espigado ata acadar ese 32 ou 32% de materia seca”.
Unha maior materia seca, cun millo máis “pasado”, comprometería a dixestibilidade da forraxe, ao baixar tanto o contido den azucres como a Fibra Neutro Deterxente (NDF).
Altura de corte:
Un corte alto ( a 50-60 cm do chan) permitirá ensilar forraxe cun maior contido en materia seca e de maior valor nutricional (amidón, proteína..) comparado co corte á altura habitual (aproximadamente 15-17 cm), se ben é certo que reducirá a cantidade de ensilado de millo dispoñíbel por hectárea.
Neste sentido, Raquel Cortesão destacou que “un corte alto do millo permite aumentar a dixestibilidade da fibra para racións de transición e de alta produción”.
“Aínda que cada vez que elevamos 10 centímetros a altura de corte perdemos entre 1,5 e 2 toneladas de produción por hectárea, sen embargo diversas investigacións tamén demostran que cada 30 cm que subimos o corte temos unha suba do 2 ao 3% de amidón e do 2 ao 4% de dixestibilidade, de acordo coa época de crecemento”, engadiu.
En conclusión, un corte alto ( a 50-60 cm) permitirá ensilar forraxe cun maior contido en materia seca e de maior valor nutricional comparado co corte á altura habitual (aproximadamente 15-17 cm) pero reducirá a cantidade de ensilado de millo dispoñíbel por hectárea.