Tres sementais de Xenética Fontao, no podio dos mellores touros xenómicos de España

Galileo, Favorite e Gaudi encabezan o ranking da actualización de Conafe do mes de xuño, con 5.292, 5.269 e 5.259 puntos ICO. Entre os touros probados, Kiron e Braun sitúanse no top-ten

Xenética Fontao

Galileo, número un dos touros xenómicos de España no mes de xuño

Os touros de Xenética Fontao copan o podio de mellores touros xenómicos de España, con Galileo, Favorite e Gaudi como os tres mellores touros do ranking do mes de xuño, con 5.292, 5.269 e 5.259 puntos, segundo a actualización das avaliacións xenéticas realizadas pola Confederación de Asociaciones de Frisona Española (Conafe). 

Como vén sendo habitual, en touros xenómicos destaca o dominio de Xenética Fontao

A clasificación dos mellores touros probados tamén conta con representación da empresa pública galega asentada en Lugo, con Kiron e Braun situados entre os 10 mellores touros españois por índices xenéticos. Con todo, o mellor touro por ICO de España é Wilder Mocca, un semental de 6 anos con 1.380 quilos de leite, positivo en graxa e proteína e que aporta outros caracteres para unha valoración final de 4.373 puntos.

Dominio de Xenética Fontao

Conafe vén de facer públicos os resultados das súas probas de touros correspondentes a xuño. Como vén sendo habitual, en touros xenómicos destaca o dominio de Xenética Fontao, que colocou a Galileo en cabeza do listado, cun ICO de 5.292, 2.173 quilos de leite e positivo en proteína. Desbanca a Favorite, outro touro de Fontao que fora número 1 en marzo e pasa ao segundo posto,  cun ICO de 5.269 puntos e destacando por caracteres como a lonxevidade ou a proteína. Completa o podio de touros xenómicos a firma galega con Gaudi, que ten na saúde podal (ISP) un dos seus puntos fortes. Os tres penalizan sen embargo en graxa. Nos tres casos trátase de sementais nacidos no ano 2019 e cunha fiabilidade do 66%.

Galileo destaca por produción, Favorite por proteína e Gaudí por saúde podal

O bo rendemento que está rexistrando nos últimos anos Fontao en touros xenómicos anticipa un dominio futuro da firma galega en touros probados, que continúan a ofrecer unha maior seguridade para os gandeiros. Pódese consultar nesta táboa o ranking dos 100 mellores touros xenómicos na proba de xuño de Conafe.

Ranking de touros probados

En touros probados, na clasificación de semantais Xenética Fontao ocupa dous dos dez primeiros postos no ranking de xuño de Conafe, situando a Kiron no posto 6. Trátase dun touro do ano 2015 cunha fiabilidade do 96% e 4.258 puntos ICO, fértil e lonxevo, con baixo reconto de células somáticas e positivo en graxa. No caso de Kiron, cómpre subliñar ademais que é A2A2 para as beta caseínas, un aspecto que está a ser demandado xa noutros países por parte das industrias lácteas polo mellor comportamento dixestivo do leite. 

Kiron, Holmes, Braun e Gio son touros A2A2

É unha característica que tamén comparte Braun, situado no número 9 da clasificación, con 4.088 de ICO. No posto 11 atópase Bacardi e no 13 Julius, un habitual que cae desta vez do top-ten, pero que segue mantento a súa fiabilidade do 99% e sendo o número un en graxa. Todos eles sitúanse por riba dos 4.000 puntos ICO. Pódese consultar nesta táboa o ranking dos 100 mellores touros probados.

Índices de mérito económico

Tendo en conta os indicadores de mérito económico, adaptados ás circunstancias de produción, Favorite e Gaudí son os mellor parados para produción de leite líquido. Pero se a empresa á que se vende o leite fai queixo, un touro moi interesante é sen embargo Holmes, que destaca polos seus niveis de sólidos (graxa e proteína) e por produción de beta caseína A2A2 e kappa caseína BB, que mellora o rendemento queixeiro do leite. Holmes é tamén un touro que polos seus caracteres de ubre, é recomendable para os sitemas de muxido robotizado. 

Os índices de mérito económico exprésanse en euros de rendibilidade por vaca e ano

Nas clasificacións de Conafe por mérito económico dos sementais diferéncianse catro indicadores: para leite líquido, para queixo, adaptación ao pastoreo, onde destaca Gigaball, e produción en ecolóxico, para o que se adaptan ben touros como Favorite, Gaudí, Galileo ou Gio, un semental moi completo: facilidade de parto, fertilidade, días abertos, descornado e beta caseína A2A2.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información