“A Xunta ten que demostrar que toma en serio as medidas de prevención contra os lumes”

Mañá xoves comeza o prazo fixado para ter limpas as faixas de protección contra incendios, pero son moi poucos os Concellos que teñen os deberes feitos. O de Ribadeo foi un dos que deu exemplo, con requirimentos a propietarios de 700 parcelas forestais. Falamos con Fernando Suárez, o seu alcalde, sobre como está a situación.

“A Xunta ten que demostrar que toma en serio as medidas de prevención contra os lumes”

Fernando Suarez Barcia, alcalde de Ribadeo

Goberna o Concello de Ribadeo desde o 2007, o mesmo ano que entraba en vigor a lei 3/2007, do 9 de abril, de prevención e defensa contra incendios forestais de Galicia, que establece medidas para loitar, mediante a prevención, contra os lumes que ciclicamente arrasan os montes galegos. Na década que leva de alcalde cambiou a faciana dun concello eminentemente turístico incentivando, mediante ordes de execución aos propietarios, a rehabilitación dos edificios do casco vello. Agora está disposto a facer o mesmo coa ordenación dos montes nun concello onde os eucaliptos ocupan a metade da superficie total do municipio.

Ribadeo foi pioneiro requirindo aos seus veciños a limpeza das masas forestais e o cumprimento das distancias das plantacións ás vivendas. Por que o fixestes?
Aquí houbo un punto de inflexión moi claro que foron os lumes do ano pasado en Galicia e en Portugal e a nivel local un incendio que tivemos aquí en Ribadeo, na parroquia de Noceda, despois do verán, no que arderon unhas 50 hectáreas de monte arborado e matogueira, onde non houbo vivendas en perigo pero que se descontrolou totalmente.

Nunca tantos medios houbo coma naquel incendio, de todo tipo, do Concello, de Protección Civil, das brigadas da Xunta, dos bombeiros de Barreiros, e sen embargo aquel lume avanzou sen control até chegar cerca da autovía e apagouse grazas a que choveu de noite.

 “Hai unha lei antiincendios que está en vigor desde hai 11 anos e estivemos vendo que uns polos outros a casa sen varrer”

Iso deunos unha lección, que non podiamos seguir mirando para outro lado. Hai unha lei que leva unha década en vigor, aprobada no 2007 pero que foi desde entón incumprida, e que marca unhas competencias para a Xunta e para os Concellos. Podemos estar máis ou menos de acordo pero esa lei está vixente, simplemente o que se cambiou é que Feijóo nada máis entrar no Goberno da Xunta reduciu a faixa de protección de 50 a 30 metros e agora, por mor dos incendios do outono pasado, volveu subir a faixa de protección dos 30 aos 50 metros para poñela onde estaba. Pero polo demais a lei é a mesma. E estivemos vendo que uns polos outros a casa sen varrer.

Por iso decidistes actuar desde o Concello?
Cando hai incendios hai tensións, hai protestas, hai queixas. E veñen as lamentacións. Os alcaldes vemos que o territorio sobre o que traballamos está feito un desastre, desordenado urbanísticamente e forestalmente e as culpas son de todos. Pero máis alá de botarnos as culpas uns aos outros imos empezar por traballar cada un no ámbito das nosas competencias. E como temos un Plan Xeral aprobado en 2014 que delimita claramente o que é urbano e o que é rústico queremos aplicar a lei que existe desde hai anos para que todo o mundo limpe as súas faixas de protección.

Haberá quen opine que unha decisión arriscada coma esta é un suicidio a un ano das eleccións….
Pois ao principio moita xente dicíame ‘buf, vante queimar vivos os paisanos’, pero a experiencia que tivemos non foi esa en absoluto. Vimos que había moitísima xente que estaba de acordo pero que o que nos pedía era que foramos sistemáticos aplicando a norma; é dicir, que fose para todo o mundo, que é o que estamos facendo.

Estivemos planificando durante varios meses como actuar e sobre que parcelas, analizando o Plan Xeral, a cartografía da Xunta, a cartografía municipal, fotos aéreas, traballando sobre as ortofotos para detectar todo o que podía incumprir e notificámosllo aos propietarios mediante 700 cartas a principios de febreiro para que tiveran tempo suficiente para corrixir esa situación dentro do período voluntario.

Pero tamén advertimos que imos ir até o final, que non imos de farol, e que se os propietarios non o fan farémolo nós desde o Concello e cargarémoslles os custos. Sei que pode haber xente molesta e hai quen di ‘quen me vai indemnizar por isto’. E eu sempre respondo, ‘quen te indemniza se vas pola autovía a 180 por hora, cando sabes que non podes pasar de 120, e te colle o radar’. Pois isto é o mesmo, hai unha lei que establece unhas normas que hai que cumprir. Isto é un deber dos propietarios.

Falabas de que as competencias son compartidas. Desde o Concello mandásteslle xa dúas cartas ao presidente da Xunta pedíndolle colaboración, a última a finais de marzo. Recibistes resposta?
Desde o comezo estamos advertindo á Xunta de que ten a obriga legal de colaborar con nós, cos Concellos, pero até agora non tivemos resposta. A propia lei de incendios di no artigo 7 que a Administración autonómica terá que prestar apoio técnico e económico aos Concellos. Pero máis alá do económico, que é importante, eu como alcalde necesito apoio técnico para que o Concello poida ser dilixente, porque só contamos cun técnico municipal de medio ambiente.

 “O primeiro que fixo Feijóo nada máis chegar ao Goberno da Xunta foi reducir a faixa de protección a vivendas de 50 metros a 30 e agora volveu poñela onde estaba”

Necesitamos saber cando acabe este mes cantas das 700 parcelas para as que nós requirimos a súa limpeza cumpriron e cantas non e para iso a mellor maneira, a máis directa, é que os axentes forestais da Xunta nos digan cales seguen sen limparse para que a partir de aí iniciemos xa a segunda fase, a da execución subsidiaria. A primeira fase foi informativa e animosa, até agora todo foron boas palabras e diálogo cos propietarios, ese espírito non vai cambiar, pero si que lle temos que dicir a todo o mundo que non valen excusas.

Está habendo reunións da Xunta coa Fegamp e anúncianse fondos e contratación de persoal para limpar esas faixas de protección
A Xunta ten que demostrar que cambiou de actitude e non facer cálculos electorais de que é o que lle custa máis votos para decidirse por actuar ou por deixar facer como até agora. Eu preguntei por eses anuncios e por como se van materializar e de momento non vin que haxa nada concreto decidido nin temos ningunha comunicación oficial ao respecto. Pero cando remate este mes nós imos actuar, con apoio da Xunta ou sen el, e aí poderemos comprobar se a Xunta fala por falar ou de verdade está disposta a implicarse e axudar aos Concellos. Imos chegar até o final. Se non nos axuda a Xunta farémolo cos nosos propios medios e seguramente tardaremos máis, pero o que temos claro é que nós non queremos enfrontar esta campaña de verán cos deberes sen facer.

O propio presidente da Fegamp falaba estes días das dificultades dos Concellos para levar a cabo o seu cometido, mesmo para identificar aos propietarios das parcelas que hai que limpar…..
Nós vimos efectivamente que os rexistros públicos das titularidades non están correctos, pero iso tamén lle corresponde aos propietarios poñelo ao día cando fan as sucesións testamentarias. Pero hai moita xente que cambia as escrituras pero logo non fai o cambio no Catastro, así que en moitos casos non puidemos notificar ao propietario porque non sabemos quen é.

O que fixemos nese caso foi publicalo no Boletín Oficial do Estado para que se poidan dar por enterados. O pasado día 8 de maio publicamos no BOE a referencia catastral e a ubicación de 160 parcelas das que non localizamos ao propietario. En moitos casos hai problemas de herdanzas e partillas, fincas que son dunha ducia de propietarios e que as teñen desatendidas. Esas cuestións tamén están aflorando con este proceso e penso que isto tamén pode ser un incentivo para que os propietarios se poñan de acordo, resolvan eses problemas e poñan eses montes a producir.

Na véspera de que remate o prazo do 31 de maio fixado pola Xunta no Pladiga deste ano, notades que hai desinformación e falta de concienciación na xente?
Hai moi pouca información sobre cales son as obrigas dos propietarios pero tamén sobre o que se pode facer nesa faixa de 50 metros, que especies se poden plantar e a que distancia. É certo que hai que retirar as especies pirófitas eses 50 metros das casas, pero a lei tamén di que desde os 15 xa se poden plantar carballos ou castiñeiros e que neses 15 metros pódense plantar froiteiras.

“Para nada queremos meter unha sanción ou ter que facer unha execución subsidiaria, pero de ser necesario farémolo”

Vemos que hai xente que está disposta a limpar as súas parcelas, pero que queren que o faga antes o veciño, que tamén incumpre. Moita xente está agardando ao último momento a ver que pasa. Nós o que lles dicimos é que non se preocupen, que atendan ao seu, que limpen as súas fincas, que xa nos encargaremos nós desde o Concello de limpar as dos que non o fagan. Nisto pasa un pouco como coa Declaración da Renda, que sempre a deixamos para o último día.

Hai neste momento moitos madeiristas en Ribadeo que non dan feito e moitos propietarios que nos din que non dan atopado quen lles corte, porque a xente deixouno para o último día pero ve que a cousa vai en serio.

Esta é unha das zonas con maior produción forestal da comunidade. Aquí o eucalipto é o rei…..
O eucalipto é unha fonte de riqueza innegable para a comarca da Mariña, eu iso non o cuestiono, o que cuestiono é a falta de rigor e de ordenación das plantacións. Ten que haber sitio para todo, ten que haber lugares para frondosas e lugares para eucalipto.

Esta non é unha cruzada contra o eucalipto, pero son consciente de que o eucalipto non pode estar en regos, picos, vales, prados e por todos lados. Dos 108 quilómetros cadrados que ten de superficie o Concello de Ribadeo o 50% están plantados a eucaliptos. É practicamente a única especie que existe, salvo algo de piñeiro, xa case testemuñal, e unhas 5 hectáreas de frondosas na Fraga de Reigosa, en Reme, a única que queda. Por iso estamos facendo substitución de eucaliptos por frondosas na beira da ría en terreos que foron expropiados polo Concello e entregados a Costas para facer un sendeiro.

“Vemos que hai moita xente que está disposta a limpar as súas parcelas pero que queren que o faga antes o veciño”

Ao Pleno deste mes foi a expropiación dunha nova faixa de aproximadamente un quilómetro de longo desde a estrada N-642 até a ría, na zona da Ribeira, para seguir levando a cabo esta actuación. O eucalipto pode estar, pero debe estar ordenado, pode estar nos lugares reservados para el, pero non pode estar en todos os sitios como está. Está claro que falta ordenación forestal pero iso non responde á Lei de Incendios, responde á Lei de Montes, que tamén é unha competencia autonómica.

A nosa misión é outra, pero parte dos problemas, evidentemente, derivan de aí. Eu cuestiono moitas cousas e penso que a Xunta ten unha política forestal errónea pero son cousas diferentes e os Concellos temos que actuar no ámbito das nosas competencias para previr e evitar os lumes. Non temos moitos medios, pero temos os instrumentos legais para poder actuar e queremos un concello o mellor preparado posible para os lumes.

Chama a atención que o primeiro Concello que decidiu actuar trala vaga de lumes do outono pasado sexa precisamente un pertencente ao distrito forestal da Mariña, que figura sempre en verde nas estatísticas de lumes por ter unha incidencia moito menor ao resto de Galicia. ..
O tempo no ámbito climatolóxico no que vivimos cambiou e agora seméllase máis a un monzón tropical, con seis meses de auga e seis meses de seca, que ao tradicional clima atlántico galego. Para a auga ninguén se acorda dos problemas, pero logo ven a seca e é moi dura.

O que queremos é estar preparados para que logo non haxa que lamentar e para que despois non se repitan as críticas de sempre, de que non hai medios ou de que non se fixo o que se tiña que facer antes. Pero non o facemos nin para presumir nin para ser modelo de nada, aínda que xa nos chamaron doutros concellos galegos para preguntarnos como estamos a facer. Eu a todos os alcaldes que me chaman dígolles o mesmo, se queredes facelo tendes que ter determinación e chegar até o final, non chega con facer un bando ou con mandar unhas cartiñas. Nós o bando fixémolo en outubro, trala vaga de lumes, e só tivemos coñecemento dunha persoa que decidiu cumprir o que dicía o bando. Tres meses despois mandamos 700 cartas a propietarios de fincas concretas, á vista de que o bando non fora efectivo e hoxe se un se dá unha volta polas distintas parroquias ve que hai moitos sitios onde se está actuando. Hai moita xente que está vindo todos os días ao Concello, onde os informamos de moi boa fe, e que nos din que queren limpar.

 “Esta non é unha cruzada contra o eucalipto. O eucalipto pode estar, pero debe estar ordenado”

Agora os trámites para solicitar as cortas están simplificados e chega cunha simple declaración responsable, a non ser que sexa preto dun cauce ou dun elemento patrimonial, onde entón é tamén preciso solicitar un informe sectorial, pero o importante é que vaian facendo neste período voluntario, porque senón ímonos ver obrigados a ir a unha segunda fase, pero sabendo que imos ir até o final.

Para nada queremos meter unha sanción ou ter que facer unha execución subsidiaria, pero de ser necesario farémolo. Porque non lle podemos fallar á xente que masivamente está cumprir voluntariamente. Non pode ser que uns limpen e outros non.

Esa mesma determinación ¿foi a que mostrastes tamén coa rehabilitación de edificios no casco vello?
Ten moitas similitudes. Os dous procesos empezaron igual. Cando chegamos ao Goberno hai 10 anos a zona vella de Ribadeo caía a cachos. E empezamos igual: requirimento do Concello aos propietarios, que non facían caso até que comezaron a chegar advertencias serias de sancións e execucións subsidiarias.

Moitas veces estes requirimentos serviron para normalizar a situación da propiedade de moitos inmobles e para forzar o arranxo de moitas casas. Hoxe aínda queda, pero dá gloria ver como se está a rehabilitar o casco histórico. Isto, que coincidiu co parón da construción, serviu para manter moitos postos de traballo e moitos autónomos. Nós o único que fixemos foi aplicar un principio básico baixo a nosa competencia, o da seguridade, salubridade e ornato público e iso serviu de acicate para poñer en valor os inmobles. Co dos montes esperamos que aconteza o mesmo e sirva para coidalos e poñelos a producir.

Substitucion eucaliptos por frondosas na ria

“É perfectamente compatible o turismo e o mantemento da actividade agrogandeira, o único que ten que haber é ordenación”

A Praia das Catedrais é, despois da Catedral de Santiago, o segundo lugar máis visitado de Galicia. Grazas a ese tirón, Ribadeo converteuse xa tamén nun dos lugares máis turísticos de Galicia. É isto compatible con manter a actividade agraria?
Absolutamente. Ribadeo foi un concello moi agrario e eu lamento que xa non o sexa tanto. Eu creo que a clave está en diversificar a economía municipal e para iso, e para que non haxa conflitos, é necesario que o territorio estea ordenado desde o punto de vista urbanístico, agrícola ou forestal. Se o municipio está ordenado todo funciona mellor e hai espazo para todo e nada se pisa. O malo é cando hai desorde, porque todo entra en conflito e colisiona. Por que non vai ser compatible e non van poder convivir unha casa de turismo rural ao lado dunha explotación gandeira? Desde o ámbito público trátase de regular para poder convivir mellor. E hai xa normas desde hai moitos anos, pero non se cumpren.

Ribadeo conta cunha importante cooperativa, como é Os Irmandiños, e é aínda un concello con importantes explotacións leiteiras
O número de explotacións existentes foron reducíndose drasticamente na zona da Mariña e tamén no noso concello. Seguimos mantendo unha carga leiteira importante pero con moitas menos explotacións. E ese proceso de peche de explotacións foi derivando tamén na conversión de pasteiros en eucaliptais.

Por iso, coa aprobación do Plan Xeral de Ordenación Municipal a finais do ano 2014 todas as superficies agrícolas procedentes de concentración parcelaria quedaron reservadas como solo de especial protección agraria. A forestación de terras agrarias nalgún momento foi consentida e mesmo subvencionada pola Administración autonómica. Agora xa non se permite, pero o problema é que a Xunta non actúa de oficio, no concello de Ribadeo só está actuando cando hai denuncias entre veciños.

Fixestes desde o Concello tamén unha aposta polos mercados locais con iniciativas como a dos Mercados dos Domingos no verán e por potenciar a Praza e os mercados semanais dos mércores ¿Cal é o obxectivo?
Os Mercados dos Domingos facémolos na primavera e no verán para aproveitar o turismo e a poboación do resto da comarca que visita Ribadeo e poñer ese público a disposición dos produtores locais a modo de clientela. Aquí nesa época hai moita xente que valora que lle poñas produtos de primeirísima calidade coidando a etiquetaxe e a presentación e nun espazo e un ambiente agradables.

O Mercado dos Domingos é coma unha especie de boutique de produtos galegos de calidade nunha atmósfera de calidade e, polo que nos din os produtores e artesáns que acoden, é un mercado que funciona moi ben e no que se vende moito. O malo é que non temos moito espazo e ás veces hai mesmo listas de agarda para contar cun posto e poder vender. E a raíz da creación dos Mercados dos Domingos naceu A Sucadoira, que é unha iniciativa de produtores locais xurdida para vender os seus produtos.

Una idea sobre ““A Xunta ten que demostrar que toma en serio as medidas de prevención contra os lumes”

  1. Alberto

    Esto non é unha lei contra incendios, é unha persecución contra os propietarios forestais, trátase de acabar co campo tal coma o coñecemos hoxe en día, un ataque frontal contra o estilo de vida galego, atacando frontalmente a propiedade do terreo e á liberdade de elección dos propietarios.
    Parto da base que a limpeza dos montes é unha obriga dos propietarios, non so cerca das casas, senon en todos e cada un dos montes de Galicia, pero os propietarios non poden ser os únicos responsables dos incendios.
    A Administración é moi dada a que lle resbalen responsabilidades: así leva anos urbanizando terrenos colindantes con zonas forestais e ahora descarga responsabilidades en quen non se defende, e dicir, os propietarios.
    Os datos sobre a inflamabilidade do eucalipto están tergiversados, as franjas de protección de biomasa non pretenden defender nada: son INUTILES, simplemente descargan responsabilidades. Para proteger unha casa fai falta un cortalumes, pero os concellos, que o saben, despistanse: o cortalumes costa cartos e fai asumir responsabilidades.
    Además, a día de hoxe a Administración é a principal incumplidora… non sei como teñen desfachatez de apercibir a naide estando as autovías e moitas carreteras tal como están.
    de.ashi.aray@gmail.com

    Contestar

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información