O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, valorou este martes a vontade “de artellar solucións” do ministro de Industria, Comercio e Turismo, Héctor Gómez, para garantir a viabilidade da planta de fibras téxtis sustentables que a multinacional portuguesa Altri quere instalar en Palas de Rei. “Expuxéronse fórmulas e solucións viables”, recalcou o presidente, que trasladou que estas se concretarán nunha futura reunión a nivel técnico.
Durante a reunión que mantiveron ambos os dirixentes na sede do Ministerio, abordouse principalmente a situación do proxecto de Altri e a necesidade de que conte con financiamento de fondos europeos Next Generation con axilidade e nun importe suficiente.
Esta fábrica crearía 2500 postos de traballo, outros 10.000 para a súa construción e atraería un investimento total de 900 millóns de euros. Altri confía en que entre o 20 e o 25% dese investimento proceda das axudas europeas; é dicir, entre 200 e 250 millóns de euros.
A fábrica de pasta soluble e lyocell que a pasteira portuguesa Altri pretende construír en Palas de Rei consumiría entre 900.000 e 1,2 millóns de toneladas de madeira ao ano, fundamentalmente eucalipto, o que equivale a unha de cada 10 toneladas de madeira que se corta nos montes galegos (10 millóns de metros cúbicos o ano pasado, a metade, eucalipto).
As previsións de ALTRI é comezar a construír a planta o vindeiro ano e estaría xa producindo dous anos máis tarde, en 2025, segundo o calendario previsto.