Ourense arde sobre queimado

A provincia concentra arredor do 60% de parroquias de alta actividade incendiaria de Galicia, sen que se logren atopar solucións para os reiterados lumes de zonas como o Macizo Central, o Xurés ou o sureste ourensán

Ourense arde sobre queimado

Imaxe dun brigadista nun lume de Ourense. / Imaxe: @AT_Brif.

O máis sorprendente da vaga de incendios de Ourense, que levou por diante xa máis de 8.000 hectáreas, é que non sorprende a ninguén. O propio director xeral de Defensa do Monte, Tomás Fernández Couto, declarou que “esperabamos esta fin de semana unha forte actividade incendiaria no Macizo Central de Ourense”, para logo precisar que dos 11 incendios de maior dimensión que se rexistraban este domingo na provincia, 7 estaban no Macizo Central.

En Ourense o lume é tradición. Pódese dicir que estes días arde sobre queimado porque os grandes incendios da provincia rexístranse todos en concellos reincidentes. Se se analizan os listados de parroquias de alta actividade incendiaria dos últimos anos, arredor dun 60% son de Ourense.

Así que se houbese que xogar unha quiniela de incendios, hai valores seguros. Concellos ourensáns que protagonizan a actual vaga de lumes, como Cualedro, Vilariño de Conso, Lobios, A Mezquita ou A Gudiña, teñen unha presenza constante nos listados de parroquias de alta actividade incendiaria que elabora cada ano a Xunta.

Para o sector forestal, o problema dos incendios en Ourense faise cansino. Tralo anterior gran incendio de Lobios, no Xurés, que calcinou este mes de agosto 600 hectáreas, desde ‘Campo Galego’ consultamos o caso dos incendios na provincia de Ourense co director da Asociación Forestal de Galicia, Francisco Dans, que resumiu o asunto nunha frase: “É o mesmo de tódolos anos”.

“A maior parte de Galicia é un escenario de baixo risco para os lumes, pero temos unha serie de puntos problemáticos, entre os que destaca a provincia de Ourense e comarcas ou concellos doutras provincias como o Barbanza (A Coruña) ou Cerdedo (Pontevedra)” -explica Dans-. “É un tema que está estudado desde hai polo menos 15 – 20 anos. Onde hai xestión do monte, non arde. Onde hai despoboamento e falta de xestión do monte, arde”, conclúe.

“Se por exemplo en Chandrexa de Queixa se produce un lume por calquera motivo, por un descoido ou porque alguén o prende, arde todo polo abandono xeralizado que hai do monte”, explicaba Dans hai un mes. Estes días, un incendio calcinou xa 500 hectáreas en Chandrexa de Queixa. Outro valor seguro para a quiniela.

Diagnosticado o problema, outra cousa é buscarlle solucións. “Por que está abandonado o monte en Ourense?. Porque non hai perspectivas de gañar cartos de forma sustentable con el” -opina Dans-. “Se a Administración apoiase a emprendedores ou empresas ata o punto de que os aproveitamentos que propoñan sexan sustentables, ben sexan gandeiros ou forestais, poderiamos aumentar a xestión do monte”, valora.

En similares termos se expresa Unións Agrarias, que fala dunha “bomba de biomasa” en Ourense polo abandono da actividade agraria e forestal no conxunto da provincia. “A día de hoxe, no rural ourensán o abandono é a principal ‘actividade’, toda vez que a actividade agrogandeira con capacidade de xestionar o territorio é marxinal na provincia, con tendencia a desaparecer de non tomarse drásticas iniciativas de apoio por parte da Administración”, valora o responsable de Desenvolvemento Rural de Unións Agrarias, Jacobo Feijoo.

Unións fai as contas do que representa a provincia a nivel agrario e forestal. Ourense ten un 8,2% das explotacións de carne e menos do 1% das explotacións de leite de Galicia. En canto á actividade do sector forestal, as curtas de madeira da provincia a penas alcanzan o 5% da produción galega. “Nin a agricultura, nin a gandería, nin a xestión forestal sostible teñen a penas presenza na provincia de Ourense, o que fai que o territorio se estea a transformar de xeito estrutural, nunha “bomba de biomasa” formada por miles de hectáreas de mato e monte desordenado, en continuidade e sen apenas presenza dos cortalumes naturais que forman terras de labor, pastos, e prados”, conclúen.

O ‘expediente X’ que representa a provincia de Ourense abordouse o pasado ano nun Consello Forestal, no que a Federación de Aserradoiros de Galicia (Fearmaga) pediulle á Xunta que se impulsaran solucións para Ourense, con dúas prioridades: fomentar as iniciativas empresariais no monte e reducir o minifundio das propiedades particulares.

Pero o minifundio ás veces non é o problema, pois en toda a provincia de Ourense Unións fala de “miles de hectáreas de concentracións parcelarias abandonadas”, co caso paradigmático de Cualedro, onde cada poucos anos hai lumes en terras de concentración sen traballar. “É necesario un marco legal que premie a actividade e castigue o abandono”, opina a organización agraria.

Antonio Mota – Unión de Tecores de Galicia (Unitega)

“Hai que xestionar o combustible do monte”

Menos optimista sobre a posibilidade de recuperar terras para a actividade amósase o secretario da Unión de Tecores de Galicia (Unitega), Antonio Mota, bo coñecedor da realidade do monte ourensán. “Creo que todos estaremos de acordo en que nunca volveremos a ter en Ourense a carga gandeira do pasado. Que recuperar actividade agraria e gandeira pode axudar?, si. Que é a solución?, non”, valora Mota.

O responsable de Unitega subliña a necesidade de reducir combustible forestal no monte, para o que avoga por unha maior aposta pola prevención. “Se mantemos a mesma política de esperar que haxa incendios para ir apagalos, non pode extrañarnos que o problema continúe” -argumenta Mota-. “É necesario xestionar o combustible forestal do monte. Como se fai iso?. En Portugal apostan polas queimas controladas en inverno, que aquí parece que son tabú. Outra cuestión importante son os desbroces”, defende.

Traballos preventivos
Mota cifra o persoal que traballa na extinción de incendios en toda Galicia en arredor de 7.000 persoas. “Todas estas persoas non deberían ser só bombeiros forestais. En certos periodos críticos, con previsión de vagas de calor, si que terían que centrarse exclusivamente na extinción, pero noutros periodos, poderían tamén adicar parte do tempo a traballos preventivos, como se fai noutras comunidades, pero salvo excepcións, como a de Brif Laza, non vemos que as brigadas traballen en accións preventivas”, valora.

A reincidencia de incendios en determinadas parroquias e concellos pon de manifesto a necesidade de actuacións preventivas, ao entender do responsable da asociación cinexética. “Se en Cualedro, en zonas de concentración parcelaria con pistas anchas, o lume se mete nas casas cada poucos anos, é necesaria unha visión estratéxica que plantee defensas, por exemplo creando discontinuidades no combustible”, razoa.

A mesma opinión sobre a necesidade dunha maior prevención é compartida por Unións Agrarias. “Urxe que se revise o modelo de gastar case que 90 millóns de euros anuais en medios de extinción, simplemente para esperar a que chegue o lume a un territorio abandonado para ir apagando detrás das lapas. A sociedade galega non se pode permitir ter unha provincia enteira fora da actividade produtiva, esperando ano a ano ao lume, e confiando na chegada da chuvia para evitar unha catástrofe medioambiental”, conclúe Jacobo Feijoo.

Parque Natural do Xurés
Capítulo a parte merece o caso do Parque Natural do Xurés, onde os incendios afectan a terreos protexidos de especial valor ambiental. “A conservación e as limitacións de actividades sobre territorios protexidos ás veces chocan coa prevención de incendios. Se no Xurés, por exemplo, denegan autorización para abrir unha pista forestal, como ten sucedido, careceremos desa estrutura desde a que se pode parar un incendio. Entón, se se quere apostar por ese modelo de conservación, despois non nos rasguemos as vestiduras en redes sociais cando pasa o que pasa”, advirte Antonio Mota.

Prevención policial
O control policial de vixilancia preventiva sobre áreas con incendios é outro dos puntos sobre os que o sector forestal pensa que é posible actuar. “Este pasado fin de semana poderías ir dunha punta a outra do Xurés sen que ninguén te parase. Se se esperaba que houbese incendios, igual tería sido necesario que houbese unha vixilancia preventiva ou que incluso se adopten puntualmente outras medidas, como a prohibición do acceso de persoas ó monte (senderistas, cazadores, etc.), que é algo que xa se está facendo en días de alto risco en zonas protexidas de Portugal”, suxire Antonio Mota.

Máis información

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información