Mari Carmen Gayoso representa a terceira xeración de Maderas Gayoso. Hai catro anos decidiu dar continuidade á empresa familiar, con sede na parroquia de Nete, en Vilalba, e centrada na explotación forestal e no serrado de madeira de castiñeiro para construción.
Logo de estudar Ciencias do Mar, Mari Carmen especializouse en aspectos como o medio ambiente ou a prevención de riscos laborais, o que a levou a traballar en grandes empresas como Citroën en Vigo ou Alcoa en San Cibrao.
Pero no 2018 decidiu trasladar toda esa bagaxe á empresa fundada polo seu avó Alejandro e continuada polo seu pai, Juan Pablo. Na actualidade no serradoiro procesan uns 3.500 metros cúbicos de castiñeiro ao ano e teñen en mente ampliar as instalacións e sumar novos procesos de segunda transformación a unha madeira de alto valor e demanda crecente.
Non somos moitas as empresas en Galicia especializadas en castiñeiro e por iso queremos dar máis valor ao produto final
– Coma moitas empresas do sector forestal en Galicia, a vosa é unha empresa familiar. Cóntanos cal é a historia de Maderas Gayoso.
– A empresa naceu fai 45 anos. Empezou o meu avó cunha pequena empresa de corta de madeira. Logo continuou o meu pai, Juan Pablo, que hai uns 18 anos construíu un serradoiro para darlle valor á madeira de castiñeiro que cortaba no monte. Así que eu son xa a terceira xeración.
– Cando decidiches darlle continuidade á empresa e por que?
– As miñas raíces naceron no sector forestal e chegou un momento no que quixen poñer en valor todo ese esforzo que fixo a miña familia neses máis de 40 anos e por iso decidín romper coa miña traxectoria profesional para continuala aquí.
Eu son licenciada en Ciencias do Mar pero tomei a decisión de continuar co negocio familiar e penso que foi unha decisión totalmente acertada
Eu son licenciada en Ciencias do Mar e especialiceime en medio ambiente e prevención de riscos laborais, o que me levou a traballar en grandes empresas como Citroën ou Alcoa, pero hai 4 anos, no 2018, tomei a decisión de vir para aquí, e penso que foi unha decisión totalmente acertada. Detrás desa decisión hai unha parte sentimental e outra de responsabilidade.
– Que cres que aporta a visión dunha muller a unha empresa forestal?
– Hoxe a muller no sector forestal afortunadamente está collendo moita forza. Sempre se asociou o sector forestal aos homes pero agora estase vendo con exemplos variados que non só hai presenza feminina na xerencia e na xestión das empresas, senón que hai tamén operarias de serradoiro, maquinistas ou motoserristas mulleres, persoas que están rachando eses estereotipos e poñendo en firme que a muller pode traballar igual que calquera outra persoa no sector forestal, en igualdade de condicións e de responsabilidades, como vemos nos encontros de #ElasXeranSector.
A muller está rachando estereotipos e collendo moita forza no sector forestal
– Cales son as actividades principais de Maderas Gayoso?
– Temos por un lado a explotación de madeira en pé, onde nesta zona o que cortamos sobre todo é piñeiro, entre un 60 e un 70%, e entre un 15 e un 20% frondosas autóctonas, sobre todo castiñeiro e carballo. O restante sería eucalipto. E por outra parte temos o serradoiro, que está centrado na transformación do castiñeiro. Consumimos arredor de 3.500 metros cúbicos de castiñeiro ao ano.
Cortamos todo tipo de especies pero serramos sobre todo castiñeiro. En total somos 12 persoas entre serra e monte, sen contar coas empresas subcontratadas
– O feito de pechar vós mesmos todo o proceso faivos máis competitivos?
– Facer todo o proceso sérvenos para acurtar prazos, abaratar custos e dar un mellor servizo aos nosos clientes. Ao ter explotación forestal optimizamos moito máis todo o proceso. Nós facemos todo desde a corta no monte até a entrega do produto ao cliente final. Temos equipos no monte, cortamos todo tipo de especies, pero o castiñeiro que cortamos xa o traemos directamente para o noso serradoiro, ademais de recibir tamén madeira doutros proveedores.
– Quen son os vosos clientes principais?
– O principal destino da nosa produción é a construción, tanto restauración como obra nova, desde madeira estrutural, lousados ou chans, a carpintarías ou mobiliario. Mandamos a toda Galicia e algo tamén para fóra, pero máis do 50% dos nosos clientes están na zona da Terra Chá.
Algunha cousa xa estamos facendo para fóra de España, pero é un mercado difícil porque competimos con outros produtores a nivel europeo como Francia e Italia
Polo de agora o único que facemos é o proceso de serrado, con distintos grosores e acabados, tanto a canto vivo como acabado rústico. É un produto final moi personalizado, sobre pedido e axustado ás necesidades do cliente. O castiñeiro baséase máis en dar un acabado de calidade porque estamos falando dun produto nobre. De cara ao futuro a nosa idea é dar un maior valor engadido desde a orixe ao consumidor final avanzando en procesos de segunda transformación.
“Buscamos unha sostibilidade do monte a longo prazo, que garanta unha función social e ambiental ao mesmo tempo que materia prima de calidade”
Na súa formación, Mari Carmen especializouse en temas relacionados co medio ambiente e esa concienciación estaa a trasladar á filosofía de traballo de Maderas Gayoso. “Buscamos unha sostibilidade do monte a longo prazo, que garanta unha función social e ambiental ao mesmo tempo que materia prima de calidade”, di.
– No monte en Galicia especies como o eucalipto foron gañando terreo nas últimas décadas. Évos difícil xa atopar madeira de castiñeiro en Galicia?
– Polo momento nós non notamos esa falta de subministro para abastecer a nosa produción, pero temos que traballar no eido da silvicultura para que a longo prazo poidamos asegurar o subministro e conseguir madeira de calidade aquí en Galicia.
Unha das dificultades que temos no sector do castiñeiro é a falta de coidados ás árbores, pero se se fai selvicultura poderemos obter madeira de calidade en Galicia
O castiñeiro é unha especie con alto valor e se se fai silvicultura poderemos conseguir madeira de calidade en Galicia. É certo que ás veces temos que recurrir a subministrarnos noutros países, como pode ser Francia, para conseguir produto de maior calidade. Alí fan selvicultura e obteñen fustes limpos, rectos e de maior lonxitude.
– Pode ser rendible producir madeira de frondosa?
– Por suposto, seguramente tanto ou máis ca outras especies, pero o retorno non é tan rápido, no caso do castiñeiro hai que irse a turnos de corta duns 40 anos e apostar pola selvicultura. Hoxe en día o castiñeiro é unha especie que está recoñecida polo seu valor no cliente final pero o problema que temos é a falta de coidados no monte por parte dos propietarios.
Non queremos que o castiñeiro quede relegado a un segundo plano nos montes, pode ser unha especie tan rendible coma outras
Unha plantación de castiñeiro non pode ser vista só como produción de madeira en exclusiva, senón que tamén se saca rendemento coa produción de castaña de forma anual, así como o aproveitamento micolóxico asociado. Por outra banda, a madeira de castiñeiro é moi estable e resistente, non require tratamentos específicos para o seu uso.
Nós estamos tratando de fomentar a sostibilidade do sistema, no monte e na cadea de valor, mesmo promovendo que onde hoxe hai madeira de castiñeiro se continúe con ela ou con outras especies frondosas autóctonas para alongar no tempo a cadea de valor e evitar que estes cultivos queden relegados.
Promovemos que onde hoxe hai castiñeiro se volva plantar castiñeiro para alongar no tempo a cadea de valor
– Cres que se debería potenciar máis a diversidade produtiva dos montes en Galicia?
– Galicia ten moita extensión a nivel forestal, polo tanto eu creo que hai cabida para todas as especies. Afortunadamente o sector forestal está en auxe e calquera das especies ten valor e moito futuro. Temos un sector moi dinámico, desde as plantacións aos clientes finais, polo tanto eu creo que hai superficie para todas as especies.